O monte da Bouza conta cun novo miradoiro, unha plataforma de madeira elevada sobre cons, que ofrece unhas fermosas vistas á ría, especialmente ao solpor. A zona foi acondicionada, ademais, coa plantación de carballos e a instalación de mesas e bancos ao longo do camiño que conduce ao miradoiro. Velaquí unha instalación respectuosa co medio.
Buscar neste blog
17 de out. de 2008
Novo miradoiro
7 de out. de 2008
O club de piragüismo xa ten blog
O Club de Piragüismo da Illa, no Bao (imaxe collida do blog do club)
O Club de Piragüismo da Illa de Arousa vén de estrear un blog no que nos ofrece información actualizada das súas actividades. Os palistas carcamáns pecharon a tempada cunha destacable segunda posición na Copa Xunta de Galicia de Piragüismo, a liga galega, e con outros éxitos deportivos que detallan na súa bitácora. O blog complementa á web oficial, que leva moito tempo parada.
30 de set. de 2008
Morriña da Arousa
Imaxe da illa publicada na revista Céltiga, en 1927
Nos anos 20, unha veciña da Arousa, Antonia Dios, escribiu na revista Céltiga de Bos Aires, un emotivo artigo no que expresaba a morriña que sentía pola súa vila natal. "Como me acosa o seu recordo querido!". Con emoción e saudade, Antonia explica como é a illa que deixou con trinta anos, e sobre todo, o carácter das súas xentes, "sinxelas e sinceras, en eterno contacto coa natureza". Pregúntase a autora se algún día volverá a ver a illa... Oxalá que o seu desexo se cumprira.
O concello queda sen web
No mes de setembro do 2007 asistimos ao lanzamento da web oficial do concello, con fotografías e contidos que pouco tiñan que ver coa realidade da illa. Logo duns retoques insuficientes, o sitio mantívose na rede sen actualizacións e novidades destacables, ata que deixou de estar operativo a comezos do verán de 2008. Agora, finalmente, o dominio http://www.concellodailladearousa.com/ xa non conduce a ningunha parte.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)