Buscar neste blog

19 de maio de 2008

A ponte nos carteis




Cando alguén se decida a estudar o cartelismo local, verá a importancia que a ponte adquiriu como representación simbólica da illa. Aquí queda unha mostra de carteis: do día das Letras Galegas, dunha festa gastronómica, e dun encontro de fútbol.

15 de maio de 2008

O peirao de pau

No seu día, o uso do peirao de pau estivo restrinxido a dous fabricantes de conservas, en virtude dunha concesión de Costas. E logo, co decaemento da industria conserveira, tamen el apodreceu abandonado. O Concello decidiu restauralo e poñelo en valor, como parte do proxecto global de creación do museo da conserva, aínda sen concluír.

14 de maio de 2008

Columpios

Os columpios do Bao. Xa faltan as cadeas


Os columpios das Laxes, os máis orixinais

Os columpios do "Regeiro", situados estratexicamente


A illa conta con columpios no Regueiro, nas Laxes e no Bao, nunca tantos houbo. Os máis novos son os do Bao, e teñen moito éxito nos días de bo tempo, polo seu emprazamento á beira da praia e porque están dirixidos aos meniños máis pequenos. Os das Laxes teñen unha instalación moi particular en forma de barco, e os do "Regeiro", son os clásicos. O "Regeiro" é a zona de encontro e de xogos de referencia, así que os primeiros columpios públicos que houbo na illa, instaláronse nesta praza e foron durante moito tempo os únicos. Por desgraza, sempre foron obxecto de actos vandálicos. Agora, no Bao, xa roubaron unhas cadeas.

11 de maio de 2008

O planeamento urbanístico, en liña



Nun exercicio de transparencia, a Consellería de Industria publica nunha web o planeamento urbanístico dos concellos galegos. Tamén se pode consultar en liña, e en boa resolución, os planos da Illa de Arousa, desde o P.X.O.M. aprobado no 2002 e a posterior reforma do 2007, ata os planos de desenvolvemento concretos.