Buscar neste blog

15 de dec. de 2007

In the Dark

Unha cantautora de Texas, Hilary York, (na súa web tamén pón que estivo actuando en Vigo), elixiu o pantalán do Chufre como escenario para a gravación do videoclip dunha balada acústica. Curioso.

5 de dec. de 2007

A orixe das conserveiras, vista desde Cataluña

O programa Thalassa da canle autonómica catalana TV3, dedicado a asuntos relacionados co mar, emitiu hai uns días un interesante documental sobre a orixe das conserveiras en Galicia e a súa relación cos industriais cataláns. A gravación pode verse en liña (facendo clic na opción de "qualitat baixa") e conta coas intervencións, entre outras persoas, de Xoan Dopico, na Illa de Arousa, Manuel Goday, en Vilagarcía, e Albert Goday, en Barcelona, estes dous últimos descendentes da familia Goday. Gran parte das imaxes do documental están tomadas na Arousa.

26 de nov. de 2007

¿Isto é un reloxo de sol?


Ás catro da tarde, as árbores do atrio proxectaban a súa sombra sobre as paredes da igrexa; e nunha das pedras, curiosamente orientada de diferente xeito que as outras, un pequeno arame tamén facía sombra no lugar das catro nunha esfera imaxinaria. ¿É este o reloxo de sol da igrexa?

25 de nov. de 2007

O legado de Camilo Otero

Estas dúas esculturas que mostran as imaxes están atribuídas ao artista compostelán Camilo Otero (1932-2003), que esculpiu por iniciativa propia varios cons na Arousa. No alto do Con do Forno, baixo o sinal xeodésico, tamén se aprecia na pedra a cara dunha muller, que podería ser obra do mesmo escultor.

O "afogado", na punta do Aguiuncho. Cando enche o mar, a cara asoma entre a auga



Detrás do Con do Forno atópase esta escultura que representa a unha muller ou un home inclinado, cun animal (pode ser a cabeza dun can, dunha ovella) entre os brazos