Buscar neste blog

30 de maio de 2007

A desfeita -oficial- de Gradín

Os veciños da Illa de Arousa lideran nos últimos anos as estatísticas de reciclaxe en Galicia. A maioría dos fogares teñen interiorizado o hábito de separar o plástico e o vidro do lixo. Ademais, o Concello foi pioneiro no ano 1999 ao introducir a compostaxe –no marco do programa Life da UE– para tratar os residuos orgánicos domésticos e convertelos en abono. Con estes precedentes, non se entende o que está pasando na zona de Gradín.
¿Como é posible que os residuos urbanos do Concello se guinden e se queimen nunha praia?. A liña de costa comprendida entre Gradín e a Praia do Peixe está a sufrir unha desfeita ambiental irreparable, e para canto máis, con impunidade: vertidos das depuradoras próximas, movementos de terra, vertedoiros de lixo incontrolados e “controlados”... e por se fora pouco, está proxectada na zona a construción dun parque industrial, de dubidosa contribución económica ao desenvolvemento da vila. ¿Que mellor investimento para o futuro que a conservación da paisaxe?

Eis onde se "tratan" os residuos urbanos da Illa de Arousa

Gradín amosa un preocupante deterioro nos últimos anos

28 de maio de 2007

Análise: Os resultados electorais (II)


O PSOE recunca na alcaldía
A candidatura do PSdG-PSOE, encabezada polo actual alcalde, José Manuel Vázquez, acadou a maioría absoluta ao conseguir 6 dos once concelleiros. Os socialistas controlarán a alcaldía por terceira lexislatura consecutiva e logran mellorar os resultados das eleccións municipais de 1999 e de 2003, nas que obtiveron 5 concelleiros, aínda que en número de votos o incremento é so de 87 papeletas. O descontento veciñal pola política urbanística non desgastou o partido tradicionalmente máis votado.

O PP sobe en votos, pero non en concelleiros
O Partido Popular da Illa revalida os catro concelleiros que xa acadara nas municipais anteriores. Aínda que é a forza que máis sobe, ao lograr 180 votos máis que nos comicios de 2003, este incremento non foi de abondo para lograr ese quinto concelleiro que lle roubaría a maioría absoluta aos socialistas. O PP desenvolveu unha intensa campaña electoral na que se implicou directamente o presidente da Deputación de Pontevedra, Louzán.

O BNG recupera electorado
Aínda que mantén un único concelleiro, o Bloque Nacionalista Galego é, despois dos populares, a forza política que máis medrou nestas municipais, ao pasar de 274 votos en 2003, aos 437 actuais. O cabeza de lista, Carlos Otero, case logrou dobrar o apoio do electorado na primeira vez que concorre ás municipais. Porén, o seu partido deixa de ser “chave” no concello arousán. Os mellores resultados desta forza foron en 1999, cando acadou 469 votos.

Análise: Os resultados electorais (I)


Masiva participación
Nas tres convocatorias de eleccións municipais que transcorreron desde que se constituíu o Concello da Illa, o electorado acudiu masivamente a votar. Se en anteriores comicios se rexistrou un alto índice de participación (o 85,2% en 2003, e o 83,3% en 1999), nesta cita electoral acudiron ás urnas o 86,07% dos votantes. O censo está composto de 3.998 persoas.

Menos partidos
Esquerda Unida non presentou candidatura nestas eleccións municipais (122 votos en 1999 e 72 en 2003), nin tampouco Independentes da Illa, que deu a sorpresa nos comicios de 2003 ao lograr un concelleiro a primeira vez que concorría á alcaldía. É posible que a lei D’Hont, que prexudica os partidos menos votados, desanime á presentación de novas candidaturas.

20 de maio de 2007

¿Quen será o próximo alcalde?


Escudo oficial do Concello da Illa


Este ano non presentaron listaxes nin Esquerda Unida nin os Independentes. Estas son as tres únicas candidaturas que concorren ás próximas eleccións municipais:

BNG: 1. Carlos Miguel Otero Chaves, 2. Tomás Cores Dios, 3. Antonio Millán Torrado, 4. María Fátima Prieto Allo, 5. Marta Fontenla Torres, 6. Adelino Santamaría Iglesias, 7. María Luisa Rial Guillán, 8. Julián Dios Dacosta, 9. Evaristo Bouzón Silva, 10. Xoan Carlos Piñeiro Insua, 11. José Andrés González Pena.
Suplentes: 1. Maruxa do Carme Núñez Outeda, 2. Virginia Otero Piñeiro, 3. Víctor Otero Outeda.
...............
PP: 1. Juan José González Vázquez, 2. Zoila Paz Dacosta, 3. Ramón Ferro Dios, 4. Diana Rios Dios, 5. Carlos Alberto Pouso Otero, 6. Caterina Otero Núñez, 7. Daniel Pouso Dios, 8. Juana María Suárez Paz, 9. Santiago Otero Blanco, 10. Rosa Ana Viñas García, 11. Jose Antonio Mouro García.
Suplentes: 1. María Esther Otero Nieto, 2. Alberto Paz Nine, 3. Ana Belén Rial Nieto, 4. Francisco Martín Santiago Fernández, 5. María Asunción Rial Rodríguez, 6. Didier Eric Dios Torres.
...............
PSOE: 1. José Manuel Vázquez Vázquez, 2. Juan Luciano Otero Besada, 3. María Dolores Folgar Vilas, 4. Fátima Rivas González, 5. Juliana Dios Barreiro, 6. Juan Isidro García García, 7. Alfredo Otero Lojo, 8. María Carmen Dios Castro, 9. Pablo Lojo Rial, 10. Esperanza Rita Gómez Dios, 11. Pascua Asunción Suárez Otero.
Suplentes: 1. Manuel García Poza, 2. José Francisco Oubiña García, 3. Lucinda Diz Besada, 4. Ramón Suárez Prado.