Buscar neste blog

16 de mar. de 2007

Pregóns dunha caracola... e A Ghrañola

[Helena Domínguez] Pregones de una caracola y narraciones de un grumete é probablemente a única novela que existe inspirada abertamente nas xentes e no xeito de vida da Arousa; unha Arousa case irrecoñecible hoxe en día. Escribiuna Juan Otero Dios "Nitucho", estando en Huelva en 1966, e constitúe unha xoíña por todo o que nos conta daqueles anos.

Polas páxinas do libro desfilan personaxes e reais, desde o fareiro mallorquín que asistía a tódolos enterros, ata os "foleiros" que viñan da Pobra do Caramiñal traer fariña, ou o propio tío do autor, Manuel "Mighalla", un xubilado a quen os fillos lle tiñan que agochar a vela da dorna para que non saíse ó mar e puxese a súa vida en perigo.

Un dos capítulos está dedicado a María "A Ghrañola", unha extravagante e entrañable muller, cuxo recordo permanece vivo na memoria popular colectiva.  Nos seus delirios, A Ghrañola soñaba con casar cun príncipe inglés. E cando a escuadra inglesa asomaba pola ría  rumbo a Vilagarcía,  corría a poñer as súas mellores galas e a encherse de colares e aneis. Aínda hoxe se lle pode escoitar a algunha vella dicir "pareces María A Ghrañola" cando alguén vai moi recargado no vestir.

O autor do libro, "Nitucho", era fillo de Luis Otero Maestú , coñecido pola xente como "Juanito de Luisa" (aínda que non tivera que ver co seu verdadeiro nome; estas cousas pasan na Arousa). Nado na illa e finado en Huelva, Juanito de Luísa rexentou durante anos unha taberna no Nicho, onde ademais de exercer de taberneiro, cultivou a arte da escritura. Letrista da comparsa O Cano e poeta, pódese dicir que exerceu de cronista oficial da Arousa. Estes versos que reproducimos aquí, incluídos en Pregones de una caracola y narraciones de un grumete, dedicoullos a María a Ghrañola:

Soñando en ser reina ou princesa un día,
chegou a ser vella "María Grañola",
pois naceu a probe con esa manía,
porque quixo Dios que nacera tola

Con ser unha humilde moza costureira,
imperal quimera na cabeza arrola,
e sobrevivindo á familia enteira
chegou a toparse no mundo moi sola.

E, sendo xa vella, cuase outogenaria,
aquela flor, murchada pola desventura
topou en Cambados –vila hospitalaria-
a mansión soñada na súa loucura.

Dinde logo Reina María non é
pero mesmamente com'unha Princesa,
habita o Palacio de Santo Tomé,
que donou pr'asilo, cristiana marquesa.

3 comentarios:

  1. Hai unha novela de Francisco Camba que tamén está ambientada na Illa de Arousa. Titúlase "El amigo Xirel"

    ResponderEliminar
  2. Moitas gracias pola información. Non coñecía ese libro, pero buscareino!

    ResponderEliminar
  3. Acábome de fixar que non escribín correctamente o título da novela. O correcto é "El amigo Chirel". Podes atopalo en internet pñendo en Google o título entre comillas.

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.