Publicacións

Escasa iluminación de Nadal

Imaxe
Alumeado de Nadal no Regueiro Que o Concello anda mal de orzamento nótase tamén na iluminación de Nadal, que este ano escasea. O alumeado concéntrase na Avenida da Ponte e apenas hai ornamentación no resto das rúas. A decoración das palmeiras do Regueiro é unha das poucas concesións a unhas festas marcadas pola austeridade. Ata o alcalde deixou de enviarlles a tradicional postal de felicitación das festas aos veciños.

A babosa e a vermella resisten a crise

Imaxe
A lonxa da Arousa en plena actividade As ameixas babosa e vermella son as que mellor están aguantando a crise, fronte ao estancamento da ameixa san, cuxo prezo non rexistrou a subida esperada para esta época do ano. Os mariscadores da Arousa están vendendo na lonxa o quilo de babosa a 18 euros, cando o resto do ano vai a dez euros, aproximadamente. Tamén a vermella, habitualmente a 5 euros o quilo, dobrou o seu prezo e está a comercializarse por dez. Pola contra, a ameixa san, a especie máis cara e a máis valorada no mercado, está a sufrir as consecuencias do forzoso abaratamento do menú de Nadal, que tira do molusco máis asequible. Así, a san mantense a 40 euros o quilo, cando o habitual é que nas vésperas das festas acade os 100 euros.

O Nacemento

Imaxe
Xa ven o que pode dar de si unha tarde de domingo de inverno e unhas plastilinas: unha exclusiva felicitación de Nadal para todos os lectores deste blog.

Porsches no Chufre

Imaxe
Un dos Porsche que participaron na competición Tal e como estaba anunciado, a Arousa converteuse esta tarde na meta dun rally de regularidade protagonizado por veículos Porsche de diferentes épocas. A proba partiu de Lalín e finalizou no porto do Chufre, onde se concentraron todos os automóbiles para que puideran ser vistos polos afeccionados ao motor.

"Antes, todo era patacas e peixes"

Os rueiros máis antigos

Imaxe
O cruceiro da Torre, nun dos barrios máis antigos da Arousa O barrio da Torre e mais O Nicho, onde antigamente se atopaba a igrexa, son os rueiros máis antigos da Arousa, de acordo coas explicacións de Manolo Lojo na revista Dorna nº4. Segundo argumenta o historiador, nas forais de 1610 consta que o maior asentamento de vivendas da illa atopábase na Torre, próximo á casa da orde relixiosa e tamén ao cárcere. Ademais, había outras dúas casas xunto á vella e xa derruída igrexa, e algunhas máis espalladas polo resto do territorio insular. Xa no 1779, e seguindo cos datos de Lojo, o reparto de veciños por barrio era o seguinte: -A Torre: 32 veciños -Pedracerrada: 20 veciños -Yglesia: 21 -Plaza: 18 -Salga: 17 -Cruzeiro: 15 -A Fonte: 12 Así, a finais do século XVIII, a Arousa contaba con 135 veciños, distribuídos en sete rueiros.

Os bolsos de Angelita

Imaxe
Imaxe captada da Televisión de Galicia A arte de Angelita Dios, veciña de Pedraserrada, mereceu a atención dos servizos informativos da Televisión de Galicia, que lle dedicaron unha nova no telexornal mediodía de onte. Angelita fai bolsos a ganchillo con moita habilidade, pero a novidade é que os tece con plástico das bolsas dos supermercados.