Publicacións

O Alborada, na véspera

Imaxe
O nuevo Alborada, ás dez da noite no porto O barco que este ano ha de levar en procesión a imaxe da Virxe do Carme, o Nuevo Alborada, permanece solitario e xa engalanado no porto do Chufre. Mañá, todas as miradas se dirixirán cara el.

Tensa espera no Cabodeiro

Imaxe
Cartel de protesta, ante a casa do Cabodeiro ameazada de derribamento Estado actual das obras do vial As obras de construción da estrada de acceso ao Chufre permanecen paradas, unha vez que as escavacións acadaron o punto do conflicto: as dúas casas do Cabodeiro ameazadas de derribamento. Despois dunha intensa campaña de mobilizacións, os veciños afectados lograron gañar tempo e, ao parecer, están pendentes de reunirse cos novos responsables da Xunta para renegociar a súa situación. Mentres, os propietarios afectados polas expropiacións do seguinte tramo da estrada, do Cabodeiro ao Lagartiño pasando polo Aguiuncho, foron convocados a unha reunión informativa a vindeira semana, no Concello.

Inventario de alcumes

Inauguramos un novo espazo de participación, destinado a compilar os sobrenomes que reciben en herdanza familiar as xentes da Arousa, gústelles ou non. Quedan descartados, polo tanto, os alcumes particulares de persoas -moi abundantes na illa, por certo- que non se transmiten de xeración en xeración. Poden deixar as súas propostas en Alcumes da Arousa .

E agora aparece un ramo

Imaxe
Os veciños do Charco están decididos a chamar á atención das autoridades para recuperar a fonte. A última acción, a colocación dun ramo de flores en recordo do patrimonio perdido.

A fonte que si existiu

Imaxe
                                 Foto: Juan Dios Chaves A fonte do Charco, nunha imaxe tomada nos oitenta, aproximadamente Que a aparición do porco non os despiste, a fonte do Charco si existiu, como ben o saben todos os veciños. A construción, dotada de tres billas, non destacaba pola súa beleza, dende logo, pero era o único signo externo que quedaba no barrio das augas subterráneas que anegaban a zona noutros tempos, e que lle deron nome e identidade ao lugar, o "Charco".

Activismo cidadán

Imaxe
O Charco amenceu hoxe cunha reivindicación pública sobre a desaparecida fonte Case dous anos leva o Charco sen a súa fonte pública, logo de que fora derruída debido a un accidente de tráfico. En agosto do ano pasado, os veciños fixéronlles saber aos responsables municipais o seu desexo de que unha nova fonte ocupase o lugar da antiga, contradicindo así as intencións do Concello, que pretendía erixir unha estatua no sitio. Dende aquela, non se produciu ningunha actuación na zona, a pesares do compromiso municipal de estudar a proposta dos veciños. Hoxe á mañá, o Charco amenceu cun cartel que denuncia o abandono do proxecto da fonte.

Cabezudos

Imaxe
Cabezudos pola actual Avenida Castelao, a comezos dos 50, aproximadamente Había tres ou catro que non saían os cabezudos na procesión do "Corazón de Xesús". O pasado domingo, e logo dun proceso de restauración, as cinco figuras de cartón pedra volveron ás rúas a alegrar -ou asustar, sempre hai algún que chora- os nenos. É curiosa a fusión de elementos relixiosos e pagáns que se produce nesta celebración relixiosa, que mestura a procesión dun santo co desfile dos cabezudos. Este tipo de figuras, e tamén os xigantes, están presentes nas tradicións lúdicas de moitas culturas, e na Arousa gozaron de moita popularidade noutros tempos. Sería interesante recuperalos tamén para as festas populares.