Publicacións

Inventario de alcumes

Inauguramos un novo espazo de participación, destinado a compilar os sobrenomes que reciben en herdanza familiar as xentes da Arousa, gústelles ou non. Quedan descartados, polo tanto, os alcumes particulares de persoas -moi abundantes na illa, por certo- que non se transmiten de xeración en xeración. Poden deixar as súas propostas en Alcumes da Arousa .

E agora aparece un ramo

Imaxe
Os veciños do Charco están decididos a chamar á atención das autoridades para recuperar a fonte. A última acción, a colocación dun ramo de flores en recordo do patrimonio perdido.

A fonte que si existiu

Imaxe
                                 Foto: Juan Dios Chaves A fonte do Charco, nunha imaxe tomada nos oitenta, aproximadamente Que a aparición do porco non os despiste, a fonte do Charco si existiu, como ben o saben todos os veciños. A construción, dotada de tres billas, non destacaba pola súa beleza, dende logo, pero era o único signo externo que quedaba no barrio das augas subterráneas que anegaban a zona noutros tempos, e que lle deron nome e identidade ao lugar, o "Charco".

Activismo cidadán

Imaxe
O Charco amenceu hoxe cunha reivindicación pública sobre a desaparecida fonte Case dous anos leva o Charco sen a súa fonte pública, logo de que fora derruída debido a un accidente de tráfico. En agosto do ano pasado, os veciños fixéronlles saber aos responsables municipais o seu desexo de que unha nova fonte ocupase o lugar da antiga, contradicindo así as intencións do Concello, que pretendía erixir unha estatua no sitio. Dende aquela, non se produciu ningunha actuación na zona, a pesares do compromiso municipal de estudar a proposta dos veciños. Hoxe á mañá, o Charco amenceu cun cartel que denuncia o abandono do proxecto da fonte.

Cabezudos

Imaxe
Cabezudos pola actual Avenida Castelao, a comezos dos 50, aproximadamente Había tres ou catro que non saían os cabezudos na procesión do "Corazón de Xesús". O pasado domingo, e logo dun proceso de restauración, as cinco figuras de cartón pedra volveron ás rúas a alegrar -ou asustar, sempre hai algún que chora- os nenos. É curiosa a fusión de elementos relixiosos e pagáns que se produce nesta celebración relixiosa, que mestura a procesión dun santo co desfile dos cabezudos. Este tipo de figuras, e tamén os xigantes, están presentes nas tradicións lúdicas de moitas culturas, e na Arousa gozaron de moita popularidade noutros tempos. Sería interesante recuperalos tamén para as festas populares.

O cartel, e a web das festas do Carme

Imaxe
Por petición popular, aquí teñen pendurado o cartel das festas do Carme, xa exposto nos bares da Arousa. A novidade deste ano é que, por primeira vez, se pode consultar a programación en internet, na web oficial festasdocarmeilla.com

O vento obriga a interromper a Volta á Arousa

Imaxe
A XXV Volta á Arousa rexistrou unha participación récord de dornas De volta, despois dunha regata ventosa e accidentada A 1ª edición da Volta á Arousa en bici acompañou por terra a regata A Volta á Arousa, a regata coa que se iniciaron a mediados dos 80 as competicións deportivas de dornas a vela, non puido completar o percorrido da edición 2009 debido ao forte vento. A saída produciuse segundo o previsto, no Bao, cunha participación récord de 62 dornas. Pero o forte vento dificultou dende o comezo a navegación; houbo de todo, dornas que foron ao fondo, ou que estiveron a piques, e paus que partiron. Antes de que as primeiras embarcacións chegaran á altura de Carreirón, a organización decidiu suspender a regata. A celebración do 25 aniversario da Volta á Arousa continuou en terra coa merenda de rigor, en merecida recompensa polos traballos pasados. Este ano, por primeira vez, paralelamente á regata celebrouse a Volta á Arousa en bici.