Publicacións

A fonte do Lagartiño

Imaxe
Manancial de auga doce na praia do Lagartiño A auga flúe de entre as pedras O Lagartiño de camiños de terra tal e como o coñecemos hoxe está condenado a desaparecer, a medida que avance a construción da estrada de acceso ao porto. É esta unha zona da illa húmida, pola que flúen mananciais subterráneos que desembocan na praia. Aquí teñen unha imaxe actual da fonte do Lagartiño, un xeneroso agasallo da natureza no que conflúen a auga do mar e da terra. Agardemos que a fonte non remate, tamén, sepultada en cemento.

A ruta dos faladoiros

Imaxe
Marquesiña de fabricación artesanal na Abilleira O paseo que vai dunha punta da Abilleira a outra vai camiño de converterse nunha ruta dos faladoiros. Primeira parada: ao comezo da Abilleira pequena, no curruncho entre onde remata a fila de casas e a praia, pavimentado recentemente. Os xubilados asiduos ao lugar instalaron alí algún banco e cadeira. Parada intermedia: os bancos de embaixo o perelluqueiro. E terceira parada, onda o pequeno peirao da Abilleira, contra as Laxes do pan. Neste último posto, os veciños sofisticaron as instalacións, xa que cambiaron o banco baixo a figueira por unha auténtica marquesiña fabricada artesanalmente con materiais de reciclaxe. Cada un dos tres postos ten os seus fieis, que buscan sombra e compaña para botar o conto á beira do mar .

Comeza a tempada de regatas de dornas a vela

Imaxe
O cartel é de Antonio Millán O Trofeo Galicia de Dornas a vela, a competición máis importante na súa modalidade, arrinca o 6 de xuño na Arousa coa celebración de Fasquía , a primeira das catro regatas puntuables para o campionato. Unhas 40 embarcacións da ría participarán nesta quinta edición de Fasquía, con saída e meta no porto do Chufre e 4 millas de percorrido. A seguinte proba do calendario de dornas a vela é a Volta á Arousa, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, e irá acompañada dunha programación especial.

Dispoñible para a descarga o último número de Dorna

Imaxe
A p ortada do número de maio foi deseñada por Pedro Díaz Lorenzo Tardou uns meses máis do previsto, pero á fin está na rúa o último número da revista Dorna , editada pola asociación do mesmo nome. A publicación celebra o seu 30 aniversario con interesantes reportaxes e artigos, como sempre. Especialmente recomendable é o artigo "Montes: usos e desusos" de María Oubiña, xa que aborda un tema do que escasea a información e o debate: a situación dos montes comunais da Arousa.

Fraseoloxía carcamana

Imaxe
[Redacción. 25/05/09 ] "Fraseoloxía carcamana" naceu co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas carcamanas, unha morea de frases de uso coloquial, difíciles de entender para as persoas alleas á Arousa. - Andar ao chuchuchú : participar en pequenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan e difunden  rumores ou pequenas conspiracións. Exemplo de uso:  "non te fíes de fulaniña que anda moito ao chuchuchú". -Aparta laxe que te fendo!: expresión para indicarlle a alguén que ten moita fachenda ou que esaxera as súas capacidades. Obviamente, unha laxe non é tan fácil de fender. -A xogar a Testos: expresión usada para dicirlle a alguén que deixe de molestar e marche. Fai referencia ao lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol.

De cando o pobo defendeu a xestión colectiva do marisqueo

Imaxe
Cartel no Faro para disuadir os mariscadores furtivos No verán de 1931, uns veciños da Arousa solicitaron unha concesión administrativa para crear viveiros de marisco na zona de Riazón. A noticia correu de boca en boca: “queren mercar as praias, queren mercar as praias!”. O técnico que chegou á illa para analizar a calidade das augas mariñas foi recibido co repenicar das campás da igrexa e tivo que marchar sen facer o seu traballo, despois de calmar ao pobo que se opuña a tal concesión. Foi a mobilización popular a que impediu que os areais arousáns evolucionasen dun modelo de xestión colectiva do marisqueo a outro baseado en parques de cultivo particulares, coma o caso de Carril. No Entroido do ano seguinte, as comparsas fixeron escarnio da idea dos viveiros: Homes sabios que queredes* praias grandes po marisco Ide a Muros e collede a que? a praia de San Francisco A onde irán os lareiras que será de todos nós pois meteranse dentistas e que? Irán rastear a mós Haberá un marqués no Bao...

Feísmo

Imaxe
As tuberías da depuradora invaden unha das caliñas de Punta Cabalo Construción industrial que atenta contra a paisaxe e o medioambiente Ao parecer, a lexislación medioambiental obriga a soterrar as tuberías das depuradoras de marisco, pero non todas as empresas da Arousa teñen os deberes feitos. A depuradora Aurelio Silva, en Punta Cabalo, é un exemplo. A empresa invadiu a praia, situada nunha das zonas máis fermosas e virxes da costa da illa, con varios canais e mesmo unha construción de cemento. Isto si que é feísmo.