Publicacións

Máis obras: agora o Charco

Imaxe
O quiosco de Ceferino xa pasou á historia Con estas obras conclúese a pavimentación do contorno do Regueiro A rúa estará cortada durante dous meses Xa comezaron as obras de pavimentación do primeiro tramo do Charco, como continuación aos traballos de acondicionamento executados no contorno da praza do Regueiro. Segundo consta na web do Concello , a contrata foi adxudicada á empresa Sercoysa cun prazo de execución de dous meses.

Avanzan as obras do novo porto

Imaxe
Imaxes tomadas desde o mar Aquí teñen unhas imaxes do estado actual das obras do novo porto do Chufre.

O sector mexilloeiro, lastrado pola morosidade

Imaxe
Se a caída do prezo do mexillón supuxo un duro golpe para o sector mexilloeiro, coa crise agravouse outro vello problema que afecta aos bateeiros: a morosidade. As depuradoras e as fábricas transformadoras non respectan os prazos de pagamento do mexillón, que consideran como algo orientativo, de xeito que os bateeiros poden chegar a botar medio ano, ou máis, agardando o cobro das súas vendas. Esta demora nuns pagamentos que deberían efectuarse aos dous ou tres meses, procúralle á industria unha fonte de financiamento gratuíta a expensas dos bateeiros, producindo efectos perversos que lastran a competitividade do conxunto do sector mexilloeiro. En moitos casos, esta situación débese ao desequilibrio de forzas negociadoras, na que a parte máis forte, a industria transformadora e distribuidora, aproveita a súa condición dominante para impoñerlles aos produtores adiamentos abusivos, nun contexto de cultura comercial permisiva e condescendente coa picaresca.

Primavera

Imaxe
O perilluqueiro da Abilleira en flor A denominación que recibe na illa esta árbore, o "perilluqueiro", non aparece no dicionario, pero así é coñecida entre os veciños. Antes de que houbese bancos e beirarrúas na Abilleira, xa estaba alí o perilluqueiro, ofrecendo a súa xenerosa sombra nos días de verán. Na primavera, loce espléndido ateigado de flores, reclamando o seu merecido lugar na paisaxe sentimental da Arousa.

En preparación un libro sobre o Entroido arousán

Imaxe
Unha obra de Antonio Millán O artista Antonio Millán anda a traballar no próximo lanzamento dun libro sobre o Entroido da illa. Boa parte da edición completarase cunha selección coidada de fotografías, ademais de entrevistas a xente que participou nas comparsas e nas carrozas, unha recompilación de letriñas históricas do Entroido carcamán e curiosidades sobre as tradicións carnavaleiras no mundo. Xa estamos a agardar polo libro.

O blog do "ghrupo"

Imaxe
O blog do CEIP Torre comezou a súa andaina en abril do 2008 O CEIP Torre, coñecido popularmente como o "ghrupo", ten un xeitoso blog no que informa das actividades que se celebran no colexio, como a recente presentación do libro Os Bolechas no Con da Illa de Arousa. Ademais, pódense consultar imaxes dos traballos creativos do alumnado: a mostra de trompos decorados, as cabazas do Samaín e os murais da paz , entre outros. Tamén ten blog a Asociación de Pais e Nais , aínda que semella que non actualizan os contidos con tanta frecuencia. A comunidade educativa da Arousa ten unha destacada presenza no "blogomillo", só o instituto mantén unhas dez bitácoras, sen contar os blogs invididuais que fan os rapaces como parte das súas tarefas escolares.

Fomentando o consumo de peixe

Imaxe
A mascota Xan animou os nenos da illa a comer peixe Imaxes collidas da web de Pesca Xan, a personaxe creada pola Consellería de Pesca para fomentar o consumo de peixe entre os nenos, visitou o pasado 17 de marzo o Colexio Torre da illa. Segundo informan desde o departamento da Xunta, o alumnado realizou diversas actividades lúdicas e didácticas vencelladas co peixe, e recibiu material promocional da mascota: mochilas, camisetas, gorras e material didáctico, entre outros obsequios.