Publicacións

O sector mexilloeiro, lastrado pola morosidade

Imaxe
Se a caída do prezo do mexillón supuxo un duro golpe para o sector mexilloeiro, coa crise agravouse outro vello problema que afecta aos bateeiros: a morosidade. As depuradoras e as fábricas transformadoras non respectan os prazos de pagamento do mexillón, que consideran como algo orientativo, de xeito que os bateeiros poden chegar a botar medio ano, ou máis, agardando o cobro das súas vendas. Esta demora nuns pagamentos que deberían efectuarse aos dous ou tres meses, procúralle á industria unha fonte de financiamento gratuíta a expensas dos bateeiros, producindo efectos perversos que lastran a competitividade do conxunto do sector mexilloeiro. En moitos casos, esta situación débese ao desequilibrio de forzas negociadoras, na que a parte máis forte, a industria transformadora e distribuidora, aproveita a súa condición dominante para impoñerlles aos produtores adiamentos abusivos, nun contexto de cultura comercial permisiva e condescendente coa picaresca.

Primavera

Imaxe
O perilluqueiro da Abilleira en flor A denominación que recibe na illa esta árbore, o "perilluqueiro", non aparece no dicionario, pero así é coñecida entre os veciños. Antes de que houbese bancos e beirarrúas na Abilleira, xa estaba alí o perilluqueiro, ofrecendo a súa xenerosa sombra nos días de verán. Na primavera, loce espléndido ateigado de flores, reclamando o seu merecido lugar na paisaxe sentimental da Arousa.

En preparación un libro sobre o Entroido arousán

Imaxe
Unha obra de Antonio Millán O artista Antonio Millán anda a traballar no próximo lanzamento dun libro sobre o Entroido da illa. Boa parte da edición completarase cunha selección coidada de fotografías, ademais de entrevistas a xente que participou nas comparsas e nas carrozas, unha recompilación de letriñas históricas do Entroido carcamán e curiosidades sobre as tradicións carnavaleiras no mundo. Xa estamos a agardar polo libro.

O blog do "ghrupo"

Imaxe
O blog do CEIP Torre comezou a súa andaina en abril do 2008 O CEIP Torre, coñecido popularmente como o "ghrupo", ten un xeitoso blog no que informa das actividades que se celebran no colexio, como a recente presentación do libro Os Bolechas no Con da Illa de Arousa. Ademais, pódense consultar imaxes dos traballos creativos do alumnado: a mostra de trompos decorados, as cabazas do Samaín e os murais da paz , entre outros. Tamén ten blog a Asociación de Pais e Nais , aínda que semella que non actualizan os contidos con tanta frecuencia. A comunidade educativa da Arousa ten unha destacada presenza no "blogomillo", só o instituto mantén unhas dez bitácoras, sen contar os blogs invididuais que fan os rapaces como parte das súas tarefas escolares.

Fomentando o consumo de peixe

Imaxe
A mascota Xan animou os nenos da illa a comer peixe Imaxes collidas da web de Pesca Xan, a personaxe creada pola Consellería de Pesca para fomentar o consumo de peixe entre os nenos, visitou o pasado 17 de marzo o Colexio Torre da illa. Segundo informan desde o departamento da Xunta, o alumnado realizou diversas actividades lúdicas e didácticas vencelladas co peixe, e recibiu material promocional da mascota: mochilas, camisetas, gorras e material didáctico, entre outros obsequios.

A escultura segue no seu sitio!

Imaxe
Imaxe da escultura do afogado, tomada o pasado verán Nos últimos días espallouse un falso rumor sobre a desaparición do afogado [Noticia rectificada] O afogado esculpido por Camilo Otero nun con do Aguiuncho non foi sepultado en cemento polas obras do porto do Chufre, tal e como publicamos neste blog. Parece ser que a escultura segue no seu sitio. Rogámoslles que saiban desculpar o erro, que nos obriga a unha reflexión sobre a necesidade de contrastar, sempre, as informacións. Pedímoslle tamén desculpas ao Concello, ao que acusamos de falta de sensibilidade, dando por bo o rumor de que a escultura desaparecera.

A arqueoloxía local

Imaxe
Escavacións no Areoso realizadas nos anos 90 Cerámica atopada no illote Areoso (Imaxes collidas do blog A pedra do encanto ) [Helena Domínguez] O xacemento máis importante aparecido na illa ata o momento é o cemiterio dos Bufos , descuberto en 1931 . Os terreos da necrópole, considerada da época romana, pertencen a propietarios privados, así que a zona aínda está pendente dun estudo arqueolóxico rigoroso. Parece ser que, entre outros achados, nos Bufos apareceron varias moedas imperiais e pezas de cerámica. Os restos non son visibles hoxe en día, xa que están cubertos de toxos e silvas, e probablemente pouco quedará deles despois de décadas de abandono e algún expolio. Tamén se atoparon construcións antigas nos Tarais e na Cova, pero tampouco foron postas en valor nin estudadas a fondo. Descoñécese a orixe dos muros que o mar deixou ao descuberto nestas praias. Os vestixios arqueolóxicos máis estudados son os do Areoso , onde se localizaron varias construcións funerarias da Id...