Publicacións

O problema da confraría

Imaxe
Ameixas na lonxa da Illa O Servizo Galego da Competencia abriu un expediente sancionador contra a Confraría de San Xulián por restrinxir a liberdade de mercado. A denuncia partiu do sindicato Agamar, tras detectar prácticas abusivas no pósito arousán. O problema é complexo. Os mariscadores que faenan dentro das concesións administrativas insulares destinan o 9% das súas vendas na lonxa ao pósito arousán. Con estes cartos, a confraría merca a semente de ameixa e paga a vixilancia das praias para evitar o furtivismo, entre outras labores de mantemento dos areais. Ademais dos mariñeiros “a tempo completo”, no raño tamén atopamos mariscadores “de tempada”, que aproveitan as épocas de maior prezo da ameixa para ir uns días ao raño e obter unhas gañancias extra. Mentres que os primeiros levan todo o ano pagando, os segundos achegan unha pequena porcentaxe á confraría, beneficiándose igualmente do traballo colectivo. Ante esta situación, a confraría arousá decidiu limitar o permiso de marisq...

O libro das festas

Imaxe
Xa corre de man en man o "libro das festas", o folleto que edita anualmente a comisión das festas do Carme para dar a coñecer a programación. A reprodución de fotografías antigas, cedidas polos veciños, é un dos principais reclamos desta publicación. Á xente gústalle recoñecer e recoñecerse nestas imaxes, que mostran escenas cotiás de tempos pasados e amigos e familiares que xa non están, ou que cambiaron moito.

Flora dunar

Imaxe
Rabo de coello, na praia das "Señas" "Bágoas de crocodilo" Xa que falamos aí atrás do carpobrotus, o protagonismo nesta ocasión correspóndelle a dúas especies propias das dunas e os areais costeiros da illa, o rabo de coello (lavutus ovatus) e as “bágoas de crocodrilo”. Esta última especie é probable que teña outros nomes, agradécese a información sobre a denominación científica. As dúas imaxes foron captadas na praia das Señas.

Unha segunda oportunidade

Imaxe
A biblioteca do colexio público é tamén a aula da escola de adultos Unha das iniciativas máis bonitas e interesantes que puxo en marcha o concello insular desde que se constituíu é a Escola Municipal de Adultos, que lles ofrece unha segunda oportunidade a aquelas persoas que polo motivo que sexa non puideron obter no seu tempo o antigo “graduado escolar” ou rematar o bacharelato. A idade do alumnado varía desde os rapaces de 20 ata as mulleres de 50. Neste curso asistiron con regularidade ás clases unhas dez mulleres maiores de 30 anos. Son elas as que demostraron máis empeño na preparación dos exames finais da ESO. A aula está situada na biblioteca do colexio público Torre e ten un horario de noitiña, unha vez que rematan as obrigas laborais. Ademais de proporcionar este servizo, a escola tamén ofrece obradoiros de estimulación da memoria para os maiores, e clases ás mulleres que participan nos obradoiros de emprego Nordés.

Volta á Illa

Imaxe
A Volta á Illa é a regata pioneira das competicións de dornas a vela de Galicia Imaxes tomadas con móbil, o pasado 28 de xuño A regata de dornas a vela máis veterana do calendario, a Volta a Illa, volveu demostrar o seu poder de convocatoria reunindo o pasado sábado a medio cento de embarcacións. Nesta vixésimo cuarta edición, as dornas tomaron a saída con pouco vento, e despois dunha encalmada xeral pola zona do Campelo e o Faro, a navegación axilizouse ao pasar Carreirón. Os cinco primeiros postos estiveron moi disputados ata o final, o que contribuíu a darlle emoción á competición. Finalmente, venceu a Cariñosa. Poden ler unha crónica de primeira man no blog de Fasquía . Por certo, durante a regata tamén se promocionou cun stand a participación de Galicia na festa marítima internacional de Brest.

Menos fogueiras

Imaxe
Fogueira na Lavanqueira, organizada polo "chiringo do You" Ás nove, día claro, xa cheiraba a fume polos camiños. Os veciños da Arousa cumpriron coa tradición de facer fogueiras na noite de San Xoán, aínda que a impresión xeral é que a festa veu a menos. Botáronse en falta as fogueiras multitudinarias da xuventude en Gradín e noutras zonas de costume. Semella que moitos adiaron a gran troula para San Pedro, que cadra na noite do sábado e ao día seguinte non hai que ir traballar. Quen non faltou á súa cita foi o “chiringo do You” e compañía. O chiringuito máis popular da Lavanqueira cambiou este ano de ubicación (agora está situado enriba da praia), e como aínda está de reestruturación, non ofreceu nin a paella nin a churrascada de sempre, pero si houbo fogueira e un bo ambiente de festa.

Auga de San Xoán

Imaxe
Auga de San Xoán, unha das combinacións de herbas posible Aquí temos de mollo herba de San Xoán, ruda, herba luísa, unha folla de figueira, lavanda, romeu, unha rosa e unhas floriñas de xazmín. Vai quedar ao sereno toda a noite, e mañá pola mañá, hai que lavar a cara con esta auga fresca e recendente. É unha tradición da noite da San Xoán que as mulleres da Arousa manteñen viva, por se acaso. Que mellor que recibir oficialmente o verán cun rito purificador que afasta os meigallos.