Publicacións

O premio da rubia

Xa está no youtube o tráiler do último documental do arousán Marcos Nine, “O premio da Rubia”. Marcos foi galardoado na última edición dos premios audiovisuais Mestre Mateo, pola dirección do documental “Historia dunha parroquia”.

Unha nova vida para o Comaira

Imaxe
O galeón Comaira, onte no Chufre O Comaira é un dos barcos de batea máis antigos da Illa de Arousa. Zafouse do despezamento grazas a un grupo de mozos que vén de crear unha asociación para restauralo. Este barco, construído no Freixo en 1946, comezou a súa singradura propulsado a remos e a vela, e pasou por varios propietarios antes de pertencer á conserveira  arousá  Comaira, que lle deu o último nome. No ano 56 incorporou un motor e estivo traballando as bateas ata hai un ano. Agora agárdalle unha nova vida mais recreativa, a das embarcacións da 5ª listaxe.

Terra de doantes

Imaxe
A xenerosidade do pobo da illa á hora de doar sangue está recoñecida publicamente cun monolito situado no paseo marítimo do Chufre. Son moitos os veciños que acoden á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia cando esta visita periodicamente territorio insular, así que a illa rexistra todos os anos as maiores taxas de doazón de Galicia . No ano 2007, quedou en segundo lugar, con 114 doazóns por cada mil habitantes.

Novo merendeiro

Imaxe
Entre Testos e o Niño do Corvo, de camiño ao Igafa, hai un novo merendeiro, mesas e bancos de madeira para sentar á sombra dos pinos cando pica o sol.

A ponte nos carteis

Imaxe
Cando alguén se decida a estudar o cartelismo local, verá a importancia que a ponte adquiriu como representación simbólica da illa. Aquí queda unha mostra de carteis: do día das Letras Galegas, dunha festa gastronómica, e dun encontro de fútbol.

O peirao de pau

Imaxe
No seu día, o uso do peirao de pau estivo restrinxido a dous fabricantes de conservas, en virtude dunha concesión de Costas. E logo, co decaemento da industria conserveira, tamen el apodreceu abandonado. O Concello decidiu restauralo e poñelo en valor, como parte do proxecto global de creación do museo da conserva, aínda sen concluír.

Columpios

Imaxe
Os columpios do Bao. Xa faltan as cadeas Os columpios das Laxes, os máis orixinais Os columpios do "Regeiro", situados estratexicamente A illa conta con columpios no Regueiro, nas Laxes e no Bao, nunca tantos houbo. Os máis novos son os do Bao, e teñen moito éxito nos días de bo tempo, polo seu emprazamento á beira da praia e porque están dirixidos aos meniños máis pequenos. Os das Laxes teñen unha instalación moi particular en forma de barco, e os do "Regeiro", son os clásicos. O "Regeiro" é a zona de encontro e de xogos de referencia, así que os primeiros columpios públicos que houbo na illa, instaláronse nesta praza e foron durante moito tempo os únicos. Por desgraza, sempre foron obxecto de actos vandálicos. Agora, no Bao, xa roubaron unhas cadeas.