Publicacións

O aire dos mortos

[Helena Domínguez] Ata hai ben pouco, nada máis rematar un enterro , xa había quen facía unha pequena fogueira de loureiros diante do cemiterio para afumarse e evitar así que algún meniño co que tivese contacto collera o “aire do morto”. Aínda quedan persoas que se afuman, sobre todo os máis vellos, pero en xeral, a poboación da illa desprendeuse deste ritual de fondas raíces. Na cosmovisión para a morte propia da sociedade tradicional galega, considerábase que os mortos podían deixar “aires” enfermizos –hoxe diriamos virus-, que se metían nos meniños, facendo que estes murcharan e quedaran cativos sen aparente explicación médica. Era entón cando se recorría á curandeira experta en sacar o aire e poñíase en marcha o tratamento. Aínda que resulte difícil de crer, era costume poñer o neno nunha pa e introducilo e sacalo do forno do panadeiro varias veces, de xeito rápido, sen que lle fixera ningún mal ao enfermo. A cerimonia completábase coa aplicación dun remedio de herbas , só coñe...

A ponte de noite

Imaxe
Este fondo de pantalla está dispoñible na web turística O Salnés .

O día do Carme, o 19 de xullo

Pregunta un carcamán de Canarias nos comentarios en que datas son este ano as festas do Carme. Aínda que o día oficial do Carme é o 16 de xullo, na Illa a festa móvese no calendario en función das mareas, para facilitar a procesión marítima, e de xeito que sempre cadre en sábado. Este ano, o día do Carme celébrase o sábado 19 de xullo, e previsiblemente, as festas arrincarán xa o mércores ou o xoves anterior, coa festa dos quintos. Déixovos aquí un vídeo promocional do Carme doutro ano.

Furanchos

Imaxe
Unha cunca de tinto de furancho, do que deixa os dentes negros Os furanchos ou loureiros tradicionais xurdiron na comarca do Salnés para darlle saída ao excedente de viño dos produtores. Deste xeito, habilitáronse en garaxes, alpendres e baixos de casas particulares, bares improvisados nos que se podía beber á noitiña, nun ambiente familiar e por un prezo moi económico, Albariño ou tinto Barrantes, acompañado dunha tortilla de ovos da casa, uns pementiños de padrón ou unha tapa de zorza. Hoxe existe unha ampla rede de furanchos nas aldeas de Vilanova, Ribadumia e Cambados, cunha clientela fiel que apreza a calidade do viño e certas liberdades, como a de cantar. Non abren todo o ano, nin son fáciles de atopar, moitos nin sequera teñen un distintivo na porta, pero o boca a boca deulle sona aos furanchos máis farturentos. Os hostaleiros da zona téñense queixado en repetidas ocasións da “competencia desleal” destes establecementos, que non pagan impostos, pero ata o momento, os intentos d...

Magirus Deutz

Imaxe
O camión de protección civil, diante da lonxa vella De todos os vehículos cantos circulan habitualmente pola Arousa, non hai ningún con tanta personalidade –toda a que pode chegar a ter unha máquina– como o camión Magirus Deutz de protección civil. A marca alemana Magirus Deutz é un clásico dos camións de loita contra incendios e conta con moitos admiradores no mundo do motor. O Magirus da Arousa ten pinta de ter máis de 30 anos e aínda cumpre co seu traballo.

Como se constrúe unha dorna de tope

Imaxe
Imaxes collidas do blog de Fasquía A asociación Fasquía está a construír unha dorna de tope e móstranos parte do proceso no seu novo blog , para alegría dos afeccionados á cultura marítima tradicional. A dorna de tope, unha tipoloxía de embarcación que escasea, recibe este nome pola súa técnica de construción. Na dorna común, as táboas van montadas en tingladillo, superpostas unhas a outras, mentres que na dorna de tope, as táboas xúntanse unhas a outras “a tope”. Estaremos pendentes da evolución da "Lavanqueira", que así se vai chamar a embarcación, e do traballo do seu artífice, o carpinteiro Manuel Mougán.

Camaxe sona a folk

Así de pronto, pode resultar estraño que un grupo de folk xurdido en Bélxica leve o nome dunha praia da Illa, Camaxe . Pero non o é tanto, se sabemos que o seu fundador é Miguel Allo, un gaiteiro arousán fillo de emigrantes. As composicións de Camaxe están inspiradas na tradición galega, e os arranxos, abertos a todas as influencias. Aí queda un vídeo dunha actuación en Loon Plage (Francia). Camaxe Cargado por Phil-Ketels