Publicacións

Furanchos

Imaxe
Unha cunca de tinto de furancho, do que deixa os dentes negros Os furanchos ou loureiros tradicionais xurdiron na comarca do Salnés para darlle saída ao excedente de viño dos produtores. Deste xeito, habilitáronse en garaxes, alpendres e baixos de casas particulares, bares improvisados nos que se podía beber á noitiña, nun ambiente familiar e por un prezo moi económico, Albariño ou tinto Barrantes, acompañado dunha tortilla de ovos da casa, uns pementiños de padrón ou unha tapa de zorza. Hoxe existe unha ampla rede de furanchos nas aldeas de Vilanova, Ribadumia e Cambados, cunha clientela fiel que apreza a calidade do viño e certas liberdades, como a de cantar. Non abren todo o ano, nin son fáciles de atopar, moitos nin sequera teñen un distintivo na porta, pero o boca a boca deulle sona aos furanchos máis farturentos. Os hostaleiros da zona téñense queixado en repetidas ocasións da “competencia desleal” destes establecementos, que non pagan impostos, pero ata o momento, os intentos d...

Magirus Deutz

Imaxe
O camión de protección civil, diante da lonxa vella De todos os vehículos cantos circulan habitualmente pola Arousa, non hai ningún con tanta personalidade –toda a que pode chegar a ter unha máquina– como o camión Magirus Deutz de protección civil. A marca alemana Magirus Deutz é un clásico dos camións de loita contra incendios e conta con moitos admiradores no mundo do motor. O Magirus da Arousa ten pinta de ter máis de 30 anos e aínda cumpre co seu traballo.

Como se constrúe unha dorna de tope

Imaxe
Imaxes collidas do blog de Fasquía A asociación Fasquía está a construír unha dorna de tope e móstranos parte do proceso no seu novo blog , para alegría dos afeccionados á cultura marítima tradicional. A dorna de tope, unha tipoloxía de embarcación que escasea, recibe este nome pola súa técnica de construción. Na dorna común, as táboas van montadas en tingladillo, superpostas unhas a outras, mentres que na dorna de tope, as táboas xúntanse unhas a outras “a tope”. Estaremos pendentes da evolución da "Lavanqueira", que así se vai chamar a embarcación, e do traballo do seu artífice, o carpinteiro Manuel Mougán.

Camaxe sona a folk

Así de pronto, pode resultar estraño que un grupo de folk xurdido en Bélxica leve o nome dunha praia da Illa, Camaxe . Pero non o é tanto, se sabemos que o seu fundador é Miguel Allo, un gaiteiro arousán fillo de emigrantes. As composicións de Camaxe están inspiradas na tradición galega, e os arranxos, abertos a todas as influencias. Aí queda un vídeo dunha actuación en Loon Plage (Francia). Camaxe Cargado por Phil-Ketels

Mapa de praias

Imaxe

A invasión do Carpobrotus

Imaxe
O carpobrotus na praia de Camaxe Manto púrpura de carpobrotus en Con Cerrado Esta planta invasora está presente na costa do Salnés. Nas illas do Mediterráneo levan anos loitando contra ela O aspecto do carpobrotus, nun día de chuvia O carpobrotus é unha planta de rechamantes flores rosadas, orixinaria de Sudáfrica, que medra en chans salinos e areosos. Está considerada unha especie invasora de gran poder colonizador, que cubre totalmente a superficie na que medra, provocando a desaparición de especies autóctonas. Na illa xa hai unha década que está presente nalgunhas praias como a de Gradín, pero agora ameaza con converterse nunha praga. Nas imaxes, fresquiñas da chuvia de hoxe, podedes ver como extende o seu manto de beleza envenenada de Camaxe a Con Cerrado.

Calendario de dornas a vela

Imaxe
A Xarandeira nunha manobra de cambio de vela, a pasada tempada A Federación Galega pola Cultura Marítima xa deu a coñecer o calendario de actividades deste ano, no que se combina a participación en encontros e eventos lúdico-culturais coas regatas competitivas do Trofeo Galicia. A tempada comeza na Illa, o día das Letras Galegas, cunha regata-pachanga, e a competición tamén se inicia en augas carcamás, o sábado 7 de xuño, coa celebración da IV Regata Fasquía. Ao longo do verán, aínda terán lugar outras dúas regatas de dornas na Arousa, a XXIV Volta á Illa, a máis antiga das que se celebran en Galicia e que supuxo o primeiro pulo a prol da recuperación da vela tradicional, e a Regata do Bao, a única con saída desde terra.