Publicacións

¿Isto é un reloxo de sol?

Imaxe
Ás catro da tarde, as árbores do atrio proxectaban a súa sombra sobre as paredes da igrexa; e nunha das pedras, curiosamente orientada de diferente xeito que as outras, un pequeno arame tamén facía sombra no lugar das catro nunha esfera imaxinaria. ¿É este o reloxo de sol da igrexa?

O legado de Camilo Otero

Imaxe
Estas dúas esculturas que mostran as imaxes están atribuídas ao artista compostelán Camilo Otero (1932-2003), que esculpiu por iniciativa propia varios cons na Arousa. No alto do Con do Forno, baixo o sinal xeodésico, tamén se aprecia na pedra a cara dunha muller, que podería ser obra do mesmo escultor. O "afogado", na punta do Aguiuncho. Cando enche o mar, a cara asoma entre a auga Detrás do Con do Forno atópase esta escultura que representa a unha muller ou un home inclinado, cun animal (pode ser a cabeza dun can, dunha ovella) entre os brazos

¿U-la cruz do Aguiuncho?

Imaxe
Xa hai anos que desapareceu a cruz de pedra da punta do Aguiuncho. ¿Que sería dela? ¿E por que motivo habería alí unha cruz?

Pendentes do rato

Imaxe
Para os bateeiros máis informados xa é algo habitual seguir a evolución dos ratos que se usan no laboratorio do Intecmar para detectar a presenza de toxina diarreica no mexillón; se o rato morre “antes de tempo”, párase a actividade. Así é que non é de estrañar que entre broma e broma, haxa quen dubide das causas do falecemento do furón “¿a ver se vai ser da pinchada?”. Retrancas á parte, o sistema de información do centro de análise é eficaz e bota man da última tecnoloxía. Os resultados dos bioensaios poden seguirse en liña, así como o estado dos polígonos de bateas , na actualidade todos abertos. E cando se pecha ou se abre un polígono afectado pola “DSP”, as agrupacións de mexilloeiros reciben notificación por SMS.

Novo deseño da web institucional

Imaxe
Semella que as críticas á web do Concello deron resultado. Xa está en liña o novo deseño da web oficial . No seu saúdo, o alcalde convida a enviar propostas e suxerencias, así que xa saben...

A arousa no Google maps

Ver mapa más grande

Cen por cen illa

“Arosa, una isla cien por cien” é un artigo publicado en 1935 na revista Eco de Galicia (La Habana), no que o xornalista galego Laureano Santiso Girón conta as impresións que lle produciu a illa e as súas xentes. O relato semella o dun explorador que entra en contacto cos indíxenas desde unha suposta superioridade, pero tamén denuncia a falta de investimento público e defende, xa daquela, a creación dun concello propio. “Afán de excesiva insularidade”, “patética mansedume” e “cidadáns sumisos ata a saciedade” son algúns dos trazos cos que describe o carácter dos arousáns. O artigo orixinal na versión en papel pode consultarse na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago.