Buscar neste blog

16 de maio de 2009

Día das Letras

Cartel collido de Dorna

-A chuvia e o vento sur tamén queren celebrar o Día das Letras, e se insisten en participar, os actos serán con toda probabilidade no auditorio.
-O autor d'Os bolechas van de viaxe: O con illa de Arousa, Pepe Carreiro, asinará exemplares do seu libro, do que chegaron novas remesas ás librarías, despois de que o título se esgotara. Carreiro xa estivo no "ghrupo" e aínda lle falta visitar as garderías. Son moitos os pais-nenos que queren un conto que mostra ás personaxes infantís máis populares do momento percorrendo a "ruta dos cons" da Arousa.
-A libraría Castelao ofrecerá, ao igual ca o ano pasado, un desconto do 10% na compra de libros, no posto que montará con ocasión do Día da Letras.
-Dorna participará na festa coa presencia das tres dornas grandes Peza de Rabo, Irmadiña e Nova Marina no peirao de pau.

12 de maio de 2009

Cadeliños buscan familia

No Campelo hai unha cadela abandonada cunha camada de oito cachorros


Os cadelos son mansiños e achéganse xoguetóns á xente


Na zona do Campelo, onde comeza o sendeiro que bordea a costa ata o faro, hai unha cadela abandonada con oito cadeliños que aínda está amamantando. Ela está esquelética, pero os cachorros están gordiños e desexando atopar unha familia.

11 de maio de 2009

Dicionario de ausencias

Tres cunchas de lamparón, e máis de berberechos e de relós

Como pode ser que o dicionario de galego non recolla a acepción de lámparón como becho do mar que vive adherido aos cons?. Moitas palabras que usan a cotío as xentes da Arousa non aparecen recollidas na norma oficial do galego, pero iso non significa que debamos renunciar a elas. En ocasións, o termo remite a unha palabra primitiva en latín, ou aparece recoñecido pola lingua portuguesa, pero noutras, descoñecemos por completo a súa orixe. Para facer unha compilación de todas esas palabras, e tratar de dilucidar o significado e a ortografía correcta, iniciamos un novo proxecto aberto denominado Dicionario de Ausencias. Ao igual que o Proxecto Talasonimia da Arousa, trátase dun espazo de intercambio de coñecemento e colaboración dirixido a todas aquelas persoas amantes da fala arousá, ou nun senso máis amplo, das palabras discriminadas polas institucións da lingua.

Dicionario de ausencias


[Redacción. 11/05/09] Algunhas das palabras que usan a cotío as xentes da Arousa non aparecen recollidas na norma oficial do galego, pero iso non significa que debamos renunciar a elas. En ocasións, o termo remite a unha palabra primitiva en latín, ou aparece recoñecido pola lingua portuguesa, pero noutras, descoñecemos por completo a súa orixe. Para facer unha compilación de todas esas palabras e tratar de dilucidar o significado e a ortografía correcta, abrimos este espazo de intercambio de coñecemento. A intención é ir ampliando e completando a listaxe, coa colaboración de todos os internautas interesados no mundo do léxico carcamán. Poden deixar as súas achegas, críticas e ideas a través dos comentarios.

10 de maio de 2009

O mural do Moucho

A pintura mural do Con do Moucho reinterpreta a paisaxe nocturna da Arousa

O mural máis pequeno é de inspiración urbana

O pub Con do Moucho vén de estrear un fermoso mural de reminiscencias oníricas, obra do artista compostelán Pablo Sexto. A pintura mural está dividida en dúas partes: a de maior superficie mostra un moucho, símbolo do local, nunha árbore, e algúns elementos que identifican a Arousa, unha ponte, un faro, unhas dornas navegando, os montes no horizonte... O mural máis pequeno recrea unha paisaxe urbana, na que conviven modernos rañaceos e antigas chemineas das fábricas conserveiras.

Un piorno singular

Piorno no Naval

Dos piornos que se conservan na Arousa, este que hai no Naval e que hoxe pertence ao patrimonio público, é un dos máis singulares. A construción difire da estrutura tradicional do hórreo, xa que carece de pés e de mós (as pedras circulares que unen a base do piorno con candanseu pé) . Pode ser que o peche do perímetro do piorno se fixese con posterioridade á edificación primixenia para converter o espazo nun alpendre, pero de ser así, por que non mantivo os pedestais?

5 de maio de 2009

Un museo que precisa contidos

A antiga máquina de vapor da conserveira de Goday


O Museo da Conserva da Arousa ten por diante o reto de ampliar os seus fondos con máis obxectos e documentación que aumenten o seu atractivo e representatividade. Ao parecer, o traballo non é fácil: boa parte da maquinaria orixinaria da fábrica foi vendida polos antigos propietarios, e tampouco se conservaron ferramentas da época, libros mercantís nin moitos obxectos do traballo cotián na conserveira, así que o recinto semella aínda un pouco desanxelado. Outro detalle que chama á atención da restauración é o feito de que se recubrise o chan orixinal da fábrica, unha mágoa.

O museo non deixa de ser, de todas maneiras, un lugar que merece a pena visitar para coñecer un pouco mellor o pasado industrial da illa, e posúe un gran potencial como centro divulgativo e de aprendizaxe. Unha das pezas máis interesantes que se expoñen na actualidade é a máquina de vapor, que Goday trouxo de Birminghan no ano 1879 para alimentar de enerxía a factoría. Hai ademais outras máquinas e presentacións interactivas sobre o proceso de produción das conservas.

Sen dúbida, unha maior colaboración cidadá na compilación de obxectos e lembranzas da época podería contribuír a enriquecer un museo que, a fin de contas, é patrimonio do pobo.

Mexillóns en escabeche: a Arousa como reclamo


A depuradora de marisco Vengarco, especializada na comercialización de mexillón en fresco, lanzou ao mercado unha liña de conservas en escabeche, que destaca polo novidoso deseño do packaging. O envase de cartón mostra unha foto aérea da illa.

3 de maio de 2009

O Carme, o 18 de xullo

Pasarrúas en Semuíño, nas festas do Carme do ano pasado


Para os que preguntaban as datas das festas do Carme deste ano: do 15 ao 19 de xullo. O día grande, no que terá lugar a procesión marítima da Virxe do Carme, está previsto para o sábado 18. E na seguinte fin de semana, 25 e 26 de xullo, arrincan as celebracións gastronómicas, cunha nova edición da festa da navalla.

30 de abr. de 2009

Preparados para recibir o maio



As portas das casas, os coches, e mesmo as bicis locen, xa na véspera do día un, a tradicional póla de xesta coa que se recibe o maio.

29 de abr. de 2009

A folla parroquial

As amonestacións que preceden ás vodas relixiosas, os bautizos, as misas polos defuntos... boa parte da vida social da illa queda recollida na modesta folla parroquial que cada semana se distribúe na igrexa, "á vontade".

Operación Dourado

Portada do libro de investigación de Benito Leiro sobre o narcotráfico

O veterano contrabandista Marcial Dorado foi detido recentemente, xunto con outras nove persoas do seu contorno, acusado de blanqueo de capitais en paraísos fiscais. A operación, denominada “Dourado”, foi dirixida pola Axencia Tributaria, tras anos investigando as operacións financeiras do arousán.

Marcial Dorado cumpría actualmente condena no cárcere da Lama, acusado de suborno á garda civil. O empresario arousán, que ten asumido nalgunha ocasión a súa relación co choio do fume, sempre negou a súa implicación no tráfico de drogas. De feito, a Xustiza nunca puido demostrar a súa vinculación co narcotráfico, a pesares de que o seu nome saíu a relucir en varias ocasións, na Operación Nécora, en 1989, e durante a incautación dun alixo de cocaína a bordo do pesqueiro South Sea, no ano 2003.

O xornalista cambadés Benito Leiro publicou en 1993 un documentado libro sobre o narcotráfico nas rías baixas, baixo o título Un lugar tranquilo. De Dorado dise nestas páxinas que é o “prototipo de home arriscado que saíndo da miseria conseguiu amasar unha das fortunas máis potentes do contrabando”. Tamén se fai referencia á súa infancia, “digna dun relato de Dickens”, xa que Dorado chegou á illa sendo un meniño para traballar ao servizo dunha familia.

24 de abr. de 2009

Máis obras: agora o Charco

O quiosco de Ceferino xa pasou á historia

Con estas obras conclúese a pavimentación do contorno do Regueiro

A rúa estará cortada durante dous meses


Xa comezaron as obras de pavimentación do primeiro tramo do Charco, como continuación aos traballos de acondicionamento executados no contorno da praza do Regueiro. Segundo consta na web do Concello, a contrata foi adxudicada á empresa Sercoysa cun prazo de execución de dous meses.

16 de abr. de 2009

Avanzan as obras do novo porto

Imaxes tomadas desde o mar

Aquí teñen unhas imaxes do estado actual das obras do novo porto do Chufre.


5 de abr. de 2009

O sector mexilloeiro, lastrado pola morosidade


Se a caída do prezo do mexillón supuxo un duro golpe para o sector mexilloeiro, coa crise agravouse outro vello problema que afecta aos bateeiros: a morosidade. As depuradoras e as fábricas transformadoras non respectan os prazos de pagamento do mexillón, que consideran como algo orientativo, de xeito que os bateeiros poden chegar a botar medio ano, ou máis, agardando o cobro das súas vendas. Esta demora nuns pagamentos que deberían efectuarse aos dous ou tres meses, procúralle á industria unha fonte de financiamento gratuíta a expensas dos bateeiros, producindo efectos perversos que lastran a competitividade do conxunto do sector mexilloeiro.
En moitos casos, esta situación débese ao desequilibrio de forzas negociadoras, na que a parte máis forte, a industria transformadora e distribuidora, aproveita a súa condición dominante para impoñerlles aos produtores adiamentos abusivos, nun contexto de cultura comercial permisiva e condescendente coa picaresca.

3 de abr. de 2009

Primavera

O perilluqueiro da Abilleira en flor

A denominación que recibe na illa esta árbore, o "perilluqueiro", non aparece no dicionario, pero así é coñecida entre os veciños. Antes de que houbese bancos e beirarrúas na Abilleira, xa estaba alí o perilluqueiro, ofrecendo a súa xenerosa sombra nos días de verán. Na primavera, loce espléndido ateigado de flores, reclamando o seu merecido lugar na paisaxe sentimental da Arousa.

28 de mar. de 2009

En preparación un libro sobre o Entroido arousán

Unha obra de Antonio Millán

O artista Antonio Millán anda a traballar no próximo lanzamento dun libro sobre o Entroido da illa. Boa parte da edición completarase cunha selección coidada de fotografías, ademais de entrevistas a xente que participou nas comparsas e nas carrozas, unha recompilación de letriñas históricas do Entroido carcamán e curiosidades sobre as tradicións carnavaleiras no mundo. Xa estamos a agardar polo libro.

O blog do "ghrupo"

O blog do CEIP Torre comezou a súa andaina en abril do 2008


O CEIP Torre, coñecido popularmente como o "ghrupo", ten un xeitoso blog no que informa das actividades que se celebran no colexio, como a recente presentación do libro Os Bolechas no Con da Illa de Arousa. Ademais, pódense consultar imaxes dos traballos creativos do alumnado: a mostra de trompos decorados, as cabazas do Samaín e os murais da paz, entre outros. Tamén ten blog a Asociación de Pais e Nais, aínda que semella que non actualizan os contidos con tanta frecuencia.
A comunidade educativa da Arousa ten unha destacada presenza no "blogomillo", só o instituto mantén unhas dez bitácoras, sen contar os blogs invididuais que fan os rapaces como parte das súas tarefas escolares.

20 de mar. de 2009

Fomentando o consumo de peixe

A mascota Xan animou os nenos da illa a comer peixe

Imaxes collidas da web de Pesca

Xan, a personaxe creada pola Consellería de Pesca para fomentar o consumo de peixe entre os nenos, visitou o pasado 17 de marzo o Colexio Torre da illa. Segundo informan desde o departamento da Xunta, o alumnado realizou diversas actividades lúdicas e didácticas vencelladas co peixe, e recibiu material promocional da mascota: mochilas, camisetas, gorras e material didáctico, entre outros obsequios.

19 de mar. de 2009

A escultura segue no seu sitio!

Imaxe da escultura do afogado, tomada o pasado verán

Nos últimos días espallouse un falso rumor sobre a desaparición do afogado

[Noticia rectificada] O afogado esculpido por Camilo Otero nun con do Aguiuncho non foi sepultado en cemento polas obras do porto do Chufre, tal e como publicamos neste blog. Parece ser que a escultura segue no seu sitio. Rogámoslles que saiban desculpar o erro, que nos obriga a unha reflexión sobre a necesidade de contrastar, sempre, as informacións. Pedímoslle tamén desculpas ao Concello, ao que acusamos de falta de sensibilidade, dando por bo o rumor de que a escultura desaparecera.

18 de mar. de 2009

A arqueoloxía local

Escavacións no Areoso realizadas nos anos 90

Cerámica atopada no illote Areoso (Imaxes collidas do blog A pedra do encanto)

[Helena Domínguez] O xacemento máis importante aparecido na illa ata o momento é o cemiterio dos Bufos, descuberto en 1931. Os terreos da necrópole, considerada da época romana, pertencen a propietarios privados, así que a zona aínda está pendente dun estudo arqueolóxico rigoroso. Parece ser que, entre outros achados, nos Bufos apareceron varias moedas imperiais e pezas de cerámica. Os restos non son visibles hoxe en día, xa que están cubertos de toxos e silvas, e probablemente pouco quedará deles despois de décadas de abandono e algún expolio. Tamén se atoparon construcións antigas nos Tarais e na Cova, pero tampouco foron postas en valor nin estudadas a fondo. Descoñécese a orixe dos muros que o mar deixou ao descuberto nestas praias. Os vestixios arqueolóxicos máis estudados son os do Areoso, onde se localizaron varias construcións funerarias da Idade de Bronce. As escavacións realizadas entre 1990 e 1991 documentaron a existencia dunha mámoa, un ostreiro, restos de cerámica e unha especie de punzóns de bronce, considerados por algúns investigadores como os obxectos deste material máis antigos da península Ibérica. Estas pezas están hoxe baixo a custodia do Museo Provincial de Pontevedra.

17 de mar. de 2009

Talasonimia da Arousa



[Redacción. 17/03/09] 17/03/09 Aquí presentamos, por orde alfabética, a listaxe provisional e en construción permanente dos talasónimos da illa de Arousa. Poden deixar as súas achegas, críticas e ideas para completar a listaxe a través dos comentarios.

A
-Abilleira: praia. Tamén existe "Abilleira pequena".
-Aguiuncho: praia. O nome provén de aguia
-Aguillón, punta
-Alcansón grande: fálase de "pedras do Alcansón".
-Alcansón pequeno
-Area da Secada: (imaxe) praia do norte da illa
-Areoso: (imaxe) illote constituído maioritariamente de area, que pertence ao termo municipal da Illa de Arousa. Nel atopáronse restos megalíticos.
-Arnela, punta: do latín, arenella. Denomínase así as praias situadas na desembodura dun río ou regato
-Arruda, punta

16 de mar. de 2009

Que é o proxecto talasonimia da Arousa?

Nos 36 quilómetros de costa da illa existen moitos lugares con denominación de seu. Os nomes das praias, dos cons, dos caladoiros, das masas marítimas, dos cabos e das zonas rochosas tamén forman parte do patrimonio de todos os arousáns. Foron eles os que, ao longo da historia, foron transmitindo eses nomes de xeración en xeración, como pequenos tesouros orientativos, pistas que resumen o saber popular sobre o lugar. Temos talasónimos referidos á fauna (aguiuncho, niño do corvo), a antigos usos (a salga), ao producto que se obtén deles (a praia do peixe), ás características da paisaxe (Areoso...).

Tomando como inspiración a recente publicación do libro Talasonimia da Costa Sur de Galicia, do arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira, desde este blog propoñémonos recuperar e clasificar as denominacións que recibe o mar na Illa de Arousa, dunha xeito público e colectivo.

Partimos dunha relación de 55 talasónimos, coa intención de ir ampliando e completando listaxe, coa colaboración, a través do sistema de comentarios, dos internautas. Cada un dos topónimos tentará incluír os seguintes campos de información: nome do topónimo, etimoloxía da palabra, significado, localización, fotografías e outras curiosidades.

12 de mar. de 2009

Conservas con selo de calidade


Mexillóns en escabeche, un clásico, agora coa etiqueta da orixe

Esta é, de momento, a primeira conserva lanzada ao mercado coa etiqueta da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia. Elabóraa en Cambados a empresa Cermar, que xa colocou en máis dun cento de supermercados as tres receitas que produce: en escabeche, á vinagreta e á galega. A forma de presentación do mexillón é innovadora, en bandexa de plástico e con envase transparente, para que entre polo ollo.

11 de mar. de 2009

O vertedoiro da vergoña

Panorámica do Mallón, na zona de Gradín

O deterioro da paisaxe é evidente

A praia utilízase como vertedoiro de lixo


Os verquidos comezaron hai aproximadamente tres anos


Continúa impunemente e imparable o proceso de degradación da costa de Gradín. O Mallón, a praia á que acudían nos anos noventa os mozos a celebrar a noite de San Xoán, rematou convertida nun vertedoiro municipal de lixo. Logo de tres anos de verquidos e queimas, a zona presenta un deterioro evidente e incomprensible. Engadimos máis preguntas ás formuladas no 2007. No caso dos vertedoiros, non se aplica a lei de costas? Para que ten o Concello un punto limpo? Onde están os grupos ecoloxistas da illa?

10 de mar. de 2009

As centolas tamén sofren

Asomando as patas, cando a auga comeza a ferver

O marisco cócese vivo. A ninguén lle gusta morrer queimado

Non estamos afeitos a poñernos no lugar das centolas, pero elas tamén sofren. Cando aínda viva, a centola nota que a auga comeza a queimarlle, revólvese dentro da tarteira, e pode chegar a levantar o testo no seu inútil intento de fuxida. Se non souberan tan ben...

Reciclamos todos


Este cartel forma parte dunha campaña emprendida polo Concello da Illa de Arousa no 2008 para fomentar a reciclaxe de lixo urbano.

Chufre ou Xufre?


Ata onde chega a memoria popular, o peirao do Cantiño sempre foi coñecido como o “Chufre”. E as xentes da illa cando falan do porto pronuncian “Chufre”, con che. Así e todo, na normativa oficial da lingua foi adoptada a denominación “Xufre”, con xe, e así aparece nos carteis indicadores e na documentación institucional da illa.
É común nalgunhas linguas o cambio fonético do “x” polo “ch”, por exemplo, como lles ocorre aos castelán falantes que descoñecen a fonética do galego, que ás veces pronuncian “ch” no lugar de “x”: “cha vou”. Así, podería pensarse que a adopción da forma “Xufre” en substitución de “Chufre” responde a unha intención de re-galeguización do nome, entendendo que a xente pronuncia mal.
Tendo en conta que a poboación arousá comunícase maioritariamente en galego e non presenta este tipo de confusións na fala, o cambio ortográfico é cuestionable. A denominación singular do topónimo tamén pode ter contribuído ao erro. En todo caso, sería interesante coñecer a súa orixe. Algunha idea?

4 de mar. de 2009

Charla sobre o líder republicano Enrique Líster

Os comunistas galegos organizan en Vilagarcía un acto sobre a crise económica, no que se proxectará o último documental de Margarita Ledo, "Liste pronunciado Líster". Enrique Líster (Teo, 1907-Madrid, 1995) foi un destacado líder comunista, que loitou á fronte do exército republicano durante a Guerra Civil.

2 de mar. de 2009

O balance dos resultados, en clave local

A Illa de Arousa foi un dos dous concellos da provincia de Pontevedra que lle outorgou a maioría dos seus votos ao PSdeG (o outro foi Fornelos de Montes). Os socialistas manteñen a hexemonía no territorio insular, pero acusan a maior perda da xornada electoral, con 163 votos menos ca nas pasadas eleccións do 2005. Pola súa banda, o BNG, socio no goberno da Xunta, tamén resultou castigado nas urnas arousás, ao perder 68 votantes. O Partido Popular, o grande triunfador das eleccións galegas do 1 de marzo, pode estar satisfeito dos resultados logrados na illa, cun total de 1.193 votos, 251 papeletas máis ca nos anteriores comicios autonómicos.

O PSdeG resiste na illa, pero perde forza. Autonómicas 2009.


Unha vez máis, os veciños da Arousa acudiron masivamente aos colexios electorais, (82% de participación) aínda que esta vez, repartiron o voto entre máis partidos. Se no 2005 elixiron entre seis candidaturas, o pasado domingo obtiveron algunha papeleta 11 partidos diferentes. É de destacar a lixeira subida de Esquerda Unida, con 17 votos máis, e o apoio recibido por UPyD na primeira vez que se presentaba ás eleccións, que o sitúa como a cuarta forza máis votada na Arousa.

Das catorce candidaturas, once recibiron algún voto na illa


Logo dunha lexislatura de goberno bipartito entre socialistas e nacionalistas, o Partido Popular recuperou o poder da Xunta de Galicia, con Alberto Núñez Feijoo á fronte. Ábrese así un novo escenario para Galicia, e tamén para o Concello da Illa, que deixará de ter un goberno afín nos despachos de Santiago. Ata que punto influirá?

1 de mar. de 2009

Os resultados do 2005 na illa


Votos obtidos polas diferentes formacións políticas, na Arousa no 2005



Este gráfico reflicte as votacións do electorado da Illa de Arousa nas eleccións autonómicas celebradas no 2005. Daquela, o censo electoral estivo composto por 4.007 persoas, das que se abstiveron de votar un 19,9%. Tradicionalmente, a illa rexistra sempre unha alta participación en todas as citas coas urnas. Xa veremos os resultados que nos deparan estas eleccións.

28 de feb. de 2009

Guerra de folletos entre populares e socialistas

Portada do folleto propagandístico lanzado polo PP da illa


A resposta do PSOE, máis propaganda electoral


Páxina interior do folleto dos populares


Como xa fixeran en anteriores comicios electorais, as agrupacións do Partido Popular e do PSOE da illa volveron enfrontarse a escasos días das eleccións, mediante panfletos propagandísticos que distribuíron entre os veciños. Os primeiros en lanzar a súa ofensiva foron os populares, cunha publicación de aproximadamente dez páxinas, centrada en denunciar o que eles consideran os "farois" do grupo de goberno socialista. No folleto repasan as promesas incumpridas até o momento polo PSOE: a edificación de vivendas de protección oficial, a construción dunha piscina, dun pavillón de deportes e dun aparcadoiro subterráneo, entre outros.
Pola súa parte, o PSOE respostou ao PP coa edición doutro folleto no que se defenden das acusacións e lanzan, ademais, un novo ataque: as subvencións que recibe por parte da Deputación de Pontevedra a Asociación de Veciños San Xulián, un colectivo que, segundo denuncian, comparte sede co Partido Popular da illa e non ten unha actividade social visible. "En que gastaron os cartos?", preguntan.

Máis páxinas do folleto do PP: sobre as vivendas protexidas e a lei de costas, e sobre as taxas municipais.

Propaganda electoral: o folleto do PP


Fragmento do folleto propagandístico de 10 páxinas lanzado polo PP da Illa de Arousa con motivo das eleccións autonómicas 2009.

Proganda electoral: o folleto do PP


Con motivo das eleccións autonómicas 2009, a agrupación do Partito Popular da Illa de Arousa lanzou un folleto de propaganda electoral, no que ataca a xestión municipal do grupo socialista.