Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta historia. Amosar todas as publicacións

17 de xan. de 2010

Arqueoloxía: o abandonado cemiterio dos Bufos


Estado actual do cemiterio dos Bufos

Todos os veciños da Arousa saben da existencia da necrópole dos Bufos, dada a coñecer á comunidade científica nos anos 30 polo médico compostelán Varela Santos. Noutro tempo, os restos dos enterramentos eran visibles pero o lugar loce hoxe cuberto de toxos, sen que ningunha administración amosase interese por protexer e poñer en valor o xacemento.

12 de xan. de 2010

O calendario da confraría

A imaxe que ilustra o calendario da Confraría

A mesma paisaxe, cincuenta anos despois

A Confraría de Pescadores da Arousa elixiu unha fotografía do Nicho dos anos 60 para ilustrar o calendario deste ano. Baixo a imaxe do calendario que reproducimos aquí, poden ver o mesmo lugar na actualidade. Á parte das obvias vantaxes que implica a urbanización do camiño, o cambio foi para mellor ou para peor?

9 de dec. de 2009

Os rueiros máis antigos

O cruceiro da Torre, nun dos barrios máis antigos da Arousa

O barrio da Torre e mais O Nicho, onde antigamente se atopaba a igrexa, son os rueiros máis antigos da Arousa, de acordo coas explicacións de Manolo Lojo na revista Dorna nº4. Segundo argumenta o historiador, nas forais de 1610 consta que o maior asentamento de vivendas da illa atopábase na Torre, próximo á casa da orde relixiosa e tamén ao cárcere. Ademais, había outras dúas casas xunto á vella e xa derruída igrexa, e algunhas máis espalladas polo resto do territorio insular. Xa no 1779, e seguindo cos datos de Lojo, o reparto de veciños por barrio era o seguinte:

-A Torre: 32 veciños
-Pedracerrada: 20 veciños
-Yglesia: 21
-Plaza: 18
-Salga: 17
-Cruzeiro: 15
-A Fonte: 12


Así, a finais do século XVIII, a Arousa contaba con 135 veciños, distribuídos en sete rueiros.

19 de nov. de 2009

Como facer unha árbore xenealóxica

Libro do rexistro de Vilanova, de 1878

Se alguén ten a certeza de que seus avós e bisavós, da liña materna ou paterna, xa naceran na Arousa, facer unha árbore xenealóxica que recolla os antepasados ata o século XIX é relativamente fácil.
O máis importante é acertar cos apelidos completos e as datas correctas de nacemento de cada un dos descendentes. Pódese comezar cos datos dun avó, e de aí, solicitar unha copia da acta de nacemento no rexistro Civil de Vilanova (detrás do Concello). Este documento é unha valiosa fonte de documentación para reconstruír a historia familiar, xa que nel figuran nomes, anos e profesión dos pais e avós do inscrito, así como outros datos “secundarios” relativos ás circunstancias persoais. A consulta é de acceso libre e gratuíto, pero para obter resultados hai que levar sabido de antemán o ano exacto do nacemento, porque os libros vellos están organizados en tomos por anos, e sen dixitalizar.
O máis lonxe que se pode chegar no rexistro do Concello de Vilanova é ata 1870, ano no que se creou o rexistro civil español. Ademais, os documentos desta primeira etapa poden resultar difíciles de descifrar pola caligrafía dos rexistradores da época.
Para ampliar datos e guiar a investigación é de gran utilidade dispoñer de escrituras de propiedade antigas e consultar cos máis vellos da familia, que a miúdo gardan na memoria episodios familiares que só foron transmitidos oralmente.
Os que desexen continuar escarabellando na liña de ancestros, deberán dirixirse ao arquivo histórico diocesano de Santiago de Compostela e consultar o fondo parroquial da Illa de Arousa, que contén o rexistro de bautizados entre 1635 e 1885. Non é raro que no curso da investigación, vaian aparecendo ramas familiares procedentes do contorno xeográfico próximo e algún que outro pai descoñecido.

30 de out. de 2009

As rendas dos labregos á Igrexa

Fragmento da "renda de froitos" da illa de Arousa, do século XIX


O Ministerio de Cultura mantén na rede un interesante portal destinado á difusión do patrimonio histórico documental. Entre os arquivos dixitalizados que se poden consultar, figuran varios sobre a Arousa, como a carta do rei Fernando IV, pola que se lle concede ao mosteiro de San Martiño Pinario o privilexio de cobrar as rendas reais dos habitantes da illa de Arousa, coa condición de que os benedictinos manteñan acendida día e noite unha lámpada que o rei ordenou poñer na catedral compostelá. Do ben que a Igrexa levou as contas nos séculos sucesivos, dan fe os libros das rendas, tamén de acceso libre, nos que figuran por orde alfabética todos os pagadores arousáns, así como a cantidade de trigo, millo e centeo que abonaron.

28 de ago. de 2009

A vista de paxaro, 40 anos atrás

Imaxe aérea da Arousa, tomada en 1968
(fotografía propiedade do diario ABC)


A dixitalización de vellas revistas e xornais e a posibilidade de acceder libremente ás hemerotecas a través da rede abre novas vías para a obtención de recursos e documentación sobre o pasado da Arousa. A vista aérea que reproducimos aquí foi publicada no semanario Blanco y Negro en 1968, e está dispoñible para a descarga baixo certas restricións. Na revista, a imaxe orixinal vai acompañada dun pé de foto que dá conta da existencia de 105 fábricas que empregan a 10.000 produtores. Como pode ser que nese tempo traballasen nas conserveiras o dobre de persoas que a poboación actual da Arousa?

30 de xul. de 2009

Nomes e voces: as vítimas da Arousa

Fragmento dunha imaxe do álbum "Debuxos da Guerra", de Arturo Souto


Xa está publicado na rede o primeiro censo de represaliados en Galicia entre 1936 a 1939, no que figuran varios veciños da Arousa. A base de datos forma parte dunha investigación histórica máis ampla, denominada "Nomes e Voces", iniciada no 2006 a través dun convenio das tres universidades galegas coa consellería de Cultura, co obxectivo de estudar a represión durante a guerra civil. Na listaxe aparecen as seguintes vítimas, segundo se busque por nacemento ou por veciñanza:

Nacidos na Arousa
: os irmáns Antonio e Juan Sanes Otero, Luis Castro Lojo, Francisco Vázquez Vázquez, todos eles paseados; Manuel Chaves Dios (preso), Narciso Suárez Lojo (executado) e Victoriano Bóveda Iglesias (procesado).

Con veciñanza na Arousa: os mestres Antonio Gestal (sancionado) e Luis de Saa (preso), Avelino Fuentes (procesado); Benito Allo Cores, Juan Rial García, Luis Bóveda Iglesias (presos); José Besada Nieto (executado), José Búa Laredo, Marcelino Dacosta Bravo (paseados). E Santiago Otero Pajares, que foi paseado e fondeado na ría e consta como “desaparecido”.

O censo tamén inclúe a Esteban Picón, asasinado e botado ao mar no Aguiuncho, aínda que non aparece relacionado directamente coa Illa de Arousa.

Poden enviar correccións e nova información para completar a base de datos a través do correo: memoriaguerracivil@usc.es

Unha vez máis, sobre este tema, remitímolos á canción Mártires de Arousa.

6 de xul. de 2009

A fonte que si existiu

                                 Foto: Juan Dios Chaves
A fonte do Charco, nunha imaxe tomada nos oitenta, aproximadamente


Que a aparición do porco non os despiste, a fonte do Charco si existiu, como ben o saben todos os veciños. A construción, dotada de tres billas, non destacaba pola súa beleza, dende logo, pero era o único signo externo que quedaba no barrio das augas subterráneas que anegaban a zona noutros tempos, e que lle deron nome e identidade ao lugar, o "Charco".

1 de xul. de 2009

Cabezudos

Cabezudos pola actual Avenida Castelao, a comezos dos 50, aproximadamente

Había tres ou catro que non saían os cabezudos na procesión do "Corazón de Xesús". O pasado domingo, e logo dun proceso de restauración, as cinco figuras de cartón pedra volveron ás rúas a alegrar -ou asustar, sempre hai algún que chora- os nenos. É curiosa a fusión de elementos relixiosos e pagáns que se produce nesta celebración relixiosa, que mestura a procesión dun santo co desfile dos cabezudos. Este tipo de figuras, e tamén os xigantes, están presentes nas tradicións lúdicas de moitas culturas, e na Arousa gozaron de moita popularidade noutros tempos. Sería interesante recuperalos tamén para as festas populares.

25 de maio de 2009

De cando o pobo defendeu a xestión colectiva do marisqueo

Cartel no Faro para disuadir os mariscadores furtivos

No verán de 1931, uns veciños da Arousa solicitaron unha concesión administrativa para crear viveiros de marisco na zona de Riazón. A noticia correu de boca en boca: “queren mercar as praias, queren mercar as praias!”. O técnico que chegou á illa para analizar a calidade das augas mariñas foi recibido co repenicar das campás da igrexa e tivo que marchar sen facer o seu traballo, despois de calmar ao pobo que se opuña a tal concesión. Foi a mobilización popular a que impediu que os areais arousáns evolucionasen dun modelo de xestión colectiva do marisqueo a outro baseado en parques de cultivo particulares, coma o caso de Carril. No Entroido do ano seguinte, as comparsas fixeron escarnio da idea dos viveiros:


Homes sabios que queredes*
praias grandes po marisco
Ide a Muros e collede
a que?
a praia de San Francisco

A onde irán os lareiras
que será de todos nós
pois meteranse dentistas
e que?
Irán rastear a mós

Haberá un marqués no Bao
un bizconde da Sapeira
e un conde de Riazón
que máis?
E un duque dos Tarais

Hai miña rula arousana , garrida do corpo xentil
nunca me olvides miña queridiña que morro por ti
Darche quixera rapaza da i’alma todo o meu querer
entre as delicias das túas caricias sequiño morrer (retrouso)


(*Letriña de Entroido recollida oralmente e datada a comezos dos anos 30)

29 de abr. de 2009

A folla parroquial

As amonestacións que preceden ás vodas relixiosas, os bautizos, as misas polos defuntos... boa parte da vida social da illa queda recollida na modesta folla parroquial que cada semana se distribúe na igrexa, "á vontade".

18 de mar. de 2009

A arqueoloxía local

Escavacións no Areoso realizadas nos anos 90

Cerámica atopada no illote Areoso (Imaxes collidas do blog A pedra do encanto)

[Helena Domínguez] O xacemento máis importante aparecido na illa ata o momento é o cemiterio dos Bufos, descuberto en 1931. Os terreos da necrópole, considerada da época romana, pertencen a propietarios privados, así que a zona aínda está pendente dun estudo arqueolóxico rigoroso. Parece ser que, entre outros achados, nos Bufos apareceron varias moedas imperiais e pezas de cerámica. Os restos non son visibles hoxe en día, xa que están cubertos de toxos e silvas, e probablemente pouco quedará deles despois de décadas de abandono e algún expolio. Tamén se atoparon construcións antigas nos Tarais e na Cova, pero tampouco foron postas en valor nin estudadas a fondo. Descoñécese a orixe dos muros que o mar deixou ao descuberto nestas praias. Os vestixios arqueolóxicos máis estudados son os do Areoso, onde se localizaron varias construcións funerarias da Idade de Bronce. As escavacións realizadas entre 1990 e 1991 documentaron a existencia dunha mámoa, un ostreiro, restos de cerámica e unha especie de punzóns de bronce, considerados por algúns investigadores como os obxectos deste material máis antigos da península Ibérica. Estas pezas están hoxe baixo a custodia do Museo Provincial de Pontevedra.

4 de mar. de 2009

Charla sobre o líder republicano Enrique Líster

Os comunistas galegos organizan en Vilagarcía un acto sobre a crise económica, no que se proxectará o último documental de Margarita Ledo, "Liste pronunciado Líster". Enrique Líster (Teo, 1907-Madrid, 1995) foi un destacado líder comunista, que loitou á fronte do exército republicano durante a Guerra Civil.

3 de nov. de 2008

O día de pedir

Castañas e caramelos son o botín máis habitual do "día de pedir"
 
Grupo de rapaces e rapazas pedindo 
 
Cada 2 de novembro, a rapazada da Arousa cumpre coa antiga tradición de ir pedir polas portas en nome dos defuntos, un costume moi carcamán que conecta coa celebración do Halloween do mundo anglosaxón (aínda que a nosa é unha tradución xenuína). 
Grupos de nenos e nenas provistos de cadansúa bolsa percorren as casas veciñas na procura de castañas, caramelos ou o que caia. Para seren atendidos, teñen que dicir de corrido, e de un en un: "unha limosniña polos defuntiños que van alá", e calar a boca se resulta máis beneficiado o sobriño de quen os recibe á porta. ‘Pero agora imos a de miña tía, eh?". E así toda a mañá. 
Unha das adquisicións ineludibles é o boliño de pan. As panaderías da Illa, comprometidas coa tradición, fornean para a ocasión pequenas pezas para regalarlles aos nenos que se acheguen por alí. 
Máis importante ca o botín, é o ben que se pasa andando coas amizades toda a mañá polos camiños, aínda que sempre hai algún vergoñento que non se atreve.

30 de set. de 2008

Morriña da Arousa

Imaxe da illa publicada na revista Céltiga, en 1927


Nos anos 20, unha veciña da Arousa, Antonia Dios, escribiu na revista Céltiga de Bos Aires, un emotivo artigo no que expresaba a morriña que sentía pola súa vila natal. "Como me acosa o seu recordo querido!". Con emoción e saudade, Antonia explica como é a illa que deixou con trinta anos, e sobre todo, o carácter das súas xentes, "sinxelas e sinceras, en eterno contacto coa natureza". Pregúntase a autora se algún día volverá a ver a illa... Oxalá que o seu desexo se cumprira.

4 de xuño de 2008

O “Arosa folk”, o festival da transición

 
 
[Helena Domínguez] Non pasara aínda un ano da morte do ditador Franco, cando a “Delegación Nacional de la Juventud” decidiu organizar unha gran mostra de música na illa de Arousa, coa participación de representantes de todas as provincias españolas. Descoñezo as claves para interpretar o por que da elección xeográfica, pero chama á atención que fose nunha illa galega mal comunicada, con fama de díscola e na que o turismo era un fenómeno descoñecido. O caso é que entre o 4 e o 7 de setembro de 1976, tivo lugar no piñeiral de Testos o “Arosa Folk”, o primeiro gran espectáculo de masas que se celebrou na illa. Asistiron unhas 3.000 persoas e foi presentado por unha estrela televisiva da época, Eva Gloria, cara habitual dos espazos musicais de TVE. Naquel festival de ambiente hippi, con escenario ao aire libre e centos de mozos aloxados en tendas de campaña, comezaban a liberarse algúns xustillos do franquismo . A lingua galega estivo presente nos poemas musicados dalgúns cantautores e hai quen se atreveu, entre o público, a erguer unha bandeira galega, que logo foi agochada para non alporizar ás forzas de seguridade.

9 de abr. de 2008

A evolución do comercio tradicional

A "rambla", un dos poucos comercios de alimentación independentes que quedan


Todos os comercios tradicionais de alimentación que existían na illa desapareceron. Xa non queda ningunha tenda con mostrador, na que mercar en confianza os recados miúdos e de última hora. A última en pechar foi “a de Barral”, nas Laxes, e antes xubilaron “a de José de Elisa”, “a de Marujita”, “a do Sr. Viana”...

Os únicos comercios de propiedade familiar que sobreviven son o Autoservicio Esperanza, coñecido popularmente como “a rambla” ou “a de José”, e mais El Súper, ambos os dous cun formato comercial de libre servizo que supuxo, no seu día, unha renovación do comercio local. No camiño tamén quedaron outros supermercados de plantexamento similar, como o Vivó (antes o “Economato”) ou o Spar.

Non debe ser fácil resistir fronte ás grandes cadeas de distribución alimentaria establecidas na Illa, como o Froiz, o Día, o Claudio e o Touriño. Pero a estes tamén lles plantou cara, hai un par de anos, un peixe máis gordo, o mega Eroski situado no Terrón, á saída da ponte. Estes establecementos teñen un maior surtido e un equipamento comercial que facilita a compra, pero nin hai tendeiro co que falar, nin se fía.

26 de mar. de 2008

Desde Vilagarcía, con amor

Ao señor Silveiro de Vilagarcía, que hai cen anos lle dirixiu esta amorosa postal a unha Carmencita ou "Carmiña" de Madrid, xa non lle importará, a estas alturas, que reproduza un cacho da súa intimidade. O interese desta tarxeta non reside unicamente nas súas palabras, senón tamén no uso da cor e na escena que reproduce. ¿Que estaría a mirar toda esa xente na Marina, unha regata, unha procesión?

Postais antigas




Nos mercados de artigos de segunda man, antigüidades e coleccionistas, e tamén en diferentes sitios de internet, é posible atopar postais antigas como estas de Vilagarcía de 1910, con paisaxes recoñecibles pero moi cambiadas. Tamén se encontran con facilidade postais de Carril, de Cambados, do Grove e mesdo da illa de Cortegada, aínda que non tan antigas nin en tanta variedade como no caso da vila. Da Illa simplemente non existen (se alguén sabe dalgunha, agradécese a información), as primeiras postais que se imprimiron deben ser dos anos 70.
Por certo, as postais de Vilagarcía que se amosan aquí, están á venda en Numisjoya.

20 de feb. de 2008

Un escudo sen consenso

O novo escudo oficial do Concello da Illa

CarcamánX inicia a súa andadura con varios temas de interese no escaparate, entre eles, o novo escudo oficial da Illa, aprobado en pleno o pasado mes de xaneiro, co voto en contra do PP e a abstención do BNG. É unha pena que na elección dun símbolo heráldico que representa a toda a comunidade insular, o equipo de goberno, de maioría socialista, non buscase o consenso de todas as forzas políticas. As principais críticas que recibiu o escudo por parte da oposición referíronse ás cunchas de vieira, que non son representativas da Arousa.
O novo escudo, conforme ás reglas da heráldica, substitúe a estoutro de inspiración libre, que se creou de xeito provisional despois de que a Illa se segregase do concello de Vilanova.