Buscar neste blog

10 de mar. de 2009

Chufre ou Xufre?


Ata onde chega a memoria popular, o peirao do Cantiño sempre foi coñecido como o “Chufre”. E as xentes da illa cando falan do porto pronuncian “Chufre”, con che. Así e todo, na normativa oficial da lingua foi adoptada a denominación “Xufre”, con xe, e así aparece nos carteis indicadores e na documentación institucional da illa.
É común nalgunhas linguas o cambio fonético do “x” polo “ch”, por exemplo, como lles ocorre aos castelán falantes que descoñecen a fonética do galego, que ás veces pronuncian “ch” no lugar de “x”: “cha vou”. Así, podería pensarse que a adopción da forma “Xufre” en substitución de “Chufre” responde a unha intención de re-galeguización do nome, entendendo que a xente pronuncia mal.
Tendo en conta que a poboación arousá comunícase maioritariamente en galego e non presenta este tipo de confusións na fala, o cambio ortográfico é cuestionable. A denominación singular do topónimo tamén pode ter contribuído ao erro. En todo caso, sería interesante coñecer a súa orixe. Algunha idea?

14 comentarios:

  1. Creo que os Topononimos non se traducen. Para min dende sempre se chamou o Chufre, e penso que na Illa todos o coñecemos asi. Por eso teria que ser Chufre como foi dende os nosos ancestros.

    ResponderEliminar
  2. Sabedes onde é o peirao dos carcamáns?. Léchedes a coba dos carcamáns de Castelao?. Ten que ver coa Arousa ou é que os carcamáns non eran exclusivos da Arousa?. E por fin a verdadeira pregunta que eu queria facer, vai desaparecer o peirao dos carcamáns como xa o fixo o con do sol sin que ninguén e opoña?

    ResponderEliminar
  3. No libro "Historia da Illa de Arousa" explícase a orixe dos "carcamáns". Polo visto, a Arousa converteuse nunha base da resistencia contra os franceses no século XIX. Á illa chegaron guerrilleiros de toda a ría, que distribuían alimentos e armas cara Vigo. Trala guerra, algúns destes "carcamáns" quedaron e dedicáronse ao contrabando e a outros tráficos marítimos.
    Segundo esta explicación, pode ser que houbera carcamáns noutros lugares da costa galega...
    En todo caso, cal é o peirao dos carcamáns?

    ResponderEliminar
  4. O peirao dos carcamáns é un puntal rochoso na banda oeste da praia do lagartiño, antes de chegar á barroca. Un abrigo natural. Alí habia unha praia, que desapareceu de todo coa ampliación das ramblas de descarga do mexillón, primeiro pola barroca e despois coa lonxa. O apelativo carcamán acollémolo como propio e con moito orgullo, mais a verdade é que así é como nos chamaban desde fora mais ben con intencións despectivas. O que ocorre é que gran parte da historia da Arousa está falseada, eu penso que en moitos aspectos de maneira tendenciosa e partidista. Non podemos esquecer aspectos como o pasado fundamentalmente agrícola. A actividade pesqueira é marisqueira é relativamente recente, e xa non digamos o cultivo do mexillón que non vai mais alá de 50 anos. Pódese recordar o episodio no que os de vilanova, mariñeiros antes que nós, denúnciannos por intrusismo. Está recollido nese libro do que falas, non lembro a páxina, arredor da 70. Conocían o canto e ian pescar a el, un banco pesqueiro na costa, hoxe esquilmado en gran medida pola actividade das bacas do noroeste. As dornas viñeron do noroeste en gran cantidade, lembras os folios?, moitos comenzaban por VIl 1, que se corrresponden con esa zona. Tampouco podemos esquecer que aquí recalaron moitos desterrados e outro tipo de delincuentes.

    ResponderEliminar
  5. Interesante, o do peirao dos Carcamáns. Vouno engadir á listaxe de topónimos do "proxecto talasonimia".

    ResponderEliminar
  6. ando pesquisando nisso, mas de entrada é possível que venha dum latim (IN)SUFFLARE (que é umha versom de SIBILARE, de onde venhem asubiar e chillar).
    a confusom "ch"/"x" (fonologicamente palatal surda ou palatal sonora) nom é estranha em palavras que venham étimos latinos que começam por s-.
    quando encontre a resposta exacta, comento.

    susarins.

    ResponderEliminar
  7. Eu penso que os carcamáns eran carcamáns. Nada tiñan que ver cós liberais, e moito menos có psoe. Esta lectura da historia é mais propia do romanticismo tendencioso dalgúns. Tamén creo que non eran exclusivos da Arousa, o propio libro contradise cando di que as fianzas dos apresados pagábanas xente de vilagarcia, todo o cal responde mais ben a unha rede organizada de maior ámeto xeográfico. Penso que os liberais si tiñan que ver moito cós cataláns. Si os carcamáns fosen só os da Arousa, a coba da que fala Castelao estaria aquí. Nunca escoitei falar de tal coba.

    ResponderEliminar
  8. -Susarins, lendo o teu comentario penso que cometín un erro e que o cambio do "x" polo "ch" non se trata, entón, dunha palatalización. Xa o corrixín.
    A ver se das coa orixe do topónimo. Teño entendido que existe algún traballo do finado de Manolo Lojo sobre toponimia da Arousa, no que se comentaba unha posible orixe de "Chufre". Pero non sei del, nin se está publicado.

    -Na Arousa, penso que a túa hipótese ten sentido e anima a poñer en cuestión a historia "oficial", que como ti ben dis, non é unha ciencia exacta e pode prestarse a interpretacións interesadas.
    O conto da cova dos carcamáns pode lerse en liña:
    http://www.museocastelao.org/textos/cousacova.html
    pero á parte de aparecer o nome carcamáns, non dá ningunha pista.

    ResponderEliminar
  9. Anónimo 1, eu tamén penso que debería ser Chufre.

    ResponderEliminar
  10. Lembrando que Castelao era de Rianxo, seria interesante que algúen que ande por alí pregunte polos carcamáns ou pola cova. A ver si conseguimos algún dato.

    ResponderEliminar
  11. Podemos partir do que significa para nós Chufre. A min sóame a cheirento ou algo así, mais non estou certo, é unha lembranza de pequeno, non sei si é só miña ou é popular. Estaria ben confirmar este dato. Partindo polo tanto desta premisa, xa vedes que discutible, miro no xerais e non aparece nada por chufre nen por xufre, busco no ir indo e tampouco, pero por fin, bendito Estraviz, no e-estraviz cando pesquiso xufre aparece xofre ou enxofre, do latín sulfure, e xofre é sulfuro, que produce un cheiro ácedo, sulfato en xeral, tamén o que se lle bota ás patacas. Isto coincide có significado que os meus recordos infantís lle atribúen á palabra, mais non o podo asegurar. Neste caso a súa orixe non seria sufflare. Tampouco resolve a solución chufre ou xufre, alomenos a mín, que non son filólogo nin teño idea disto. Pero de ser certa esta teoria, o que puxo Xufre non ia mal encamiñado, e como esta solución non me gustaba, xa que coincido moito máis coa opinión do primeiro comentario que dí que nós sempre dixemos Chufre, e como non coñezo que na Arousa existan mais casos de confusión Ch/X, soame máis ó Portugués, pois... pensei... na Arousa usamos (deberia decir usaban, por que cada vez fálase menos galego) un u onde outros empregan un o, por exemplo cufiño (parte da dorna), arduria (referente á ardora), que os diccionarios non soen recoller como entrada, (afortunadamente o Estraviz sí, descoñezo cal é a forma correcta, o ou u, seguro que hai alguén que pode axudar, ánimo), entón o que fago é engadir a solución chofre . Tiña pensado desbotar a alternativa chofre, soábame rarísimo, pero..., sorpresa, pescudo e... chofre figura como entrada en tódolos diccionarios, significa chourizo de vísceras de porco, e resulta que amin de pequeno non me gustaban os chourizos... Tamén podería estar relacionado coa existencia dun matadoiro, ou que se desfixeran alí das vísceras dos animais, na Arousa era común limpar as vísceras do porco nos cons. Esto xa parece mais un conto que outra cousa, en fin, a ver si alguén verte lus.

    ResponderEliminar
  12. Caro NaArousa:
    Não tinha lido as entradas sobre o termo carcamão e sem querer enlear mais tudo, sim quisera deixar a minha achega.
    Acho que o teu comentário, onde falas de liberais e psoe resulta um bocadinho confuso. Desde um ponte de vista absolutamente crítico, acho que os dados que dá meu irmão e Vilas sobre o termo carcamão são bastante correctos, ainda que eu diria que incompletos. Isto nada tem a ver com intenções partidistas que não digo que não existam noutros temas do livro (nenhum historiador é objetivo). Eles fizeram um trabalho voluntarista e amador, fizeram o que puderam e acho que com os erros que seguro cometeram, foram honestos.
    Dou-te a minha opinião e alguns dados que acho deveram estar no livro.
    Carcamão não é um termo que inventaram para nós. Com esta palavra definia-se em 1831 a : un apodo que dan los marineros a un buque grande, malo y pesado y en la costa de Galicia a los contrabandistas. Diccionario marítimo español.
    Estes buques usavam a ilha como porto franco desde o que faziam não só contrabando senão autêntica pirataria. A prensa espanhola dos anos 20 (s. XIX) está cheia de relatos das escaramuças entre contrabandistas e forças da ordem (se estás interessado posso enviar-te algum recorte).
    No livro do meu irmão há uma distinção entre contrabandista (de fora)e carcamão (da Arousa). Eu acho que é ao revés. O barco carcamão estava ocupado por marinheiros estrangeiros, fundamentalmente italianos de Génova. Isto é interessante porque há como uma tradição genovesa, a possível pátria de Colombo, a dos marinheiros que formaram a primeira armada galega, com Gelmírez de promotor, etc.
    O mais ilustre carcamão foi o pai do historiador Benito Vicetto. Há um texto muito bonito duma biografia do Vicetto que pelo seu tamanho não copio aqui mas que podes ler no meu blogue.
    Uma coisa a ter em conta é que não podemos ver a estes piratas com os olhos do século XXI. Conhecer aos contrabandistas e narcotraficantes atuais deveria bastar para que os de Atapuerca deixaram de procurar o elo perdido, mas estes outros tinham algo anti sistema numa época fodida da história do Estado Espanhol.
    Da guerra contra os franceses saíram derrotados os liberais, e Fernando VII, acabou com qualquer viso de regeneração constitucional, por exemplo, reinstaurando a Santa Inquisição. Os liberais tiveram que escapar e os carcamãs serviram de escapatória. Até a regência de Maria Cristina, outra vez uma italiana, não trunfam as teses liberais. Nem que dizer que ser liberal no século XIX não era ser de esquerdas, do PSOE, de Jiménez Losantos, etc. A diferença estava nos que queriam controlar o poder real, da nobreça e da cúria, chamados crístinos, constitucionalistas, liberais, e os que pretendiam que o Estado Espanhol seguira a ser um estado absolutista, que daria na disputa pela coroa entre os isabelinos e os carlistas.
    Bom, desculpa o longo do comentário e bota-lhe uma olhada ao texto sobre Vicetto no blogue.

    ResponderEliminar
  13. Só unha cousa prezado Pepinho. Hoxe non teño tempo para máis. Admiro e quero moito a Xoan e Vila. Pero supoño que se poderá facer crítica dalgunhas afirmacións que fan no libro "historia da Illa de Arousa". Eles seguro que non o toman a mal. Penso que neste apartado, o seu traballo, gran traballo, moito esforzo e dedicación, está contaminado, e penso que non é necesario precisar máis. Páxina 107 "carcamáns eran tan só os que se dedicaban a este menester na Illa, e contrabandistas eran tódolos demais que traficaban ilegalmente pola Ría de Arousa". Din tamén na páxina anterior que os liberais, identificados cos bós, vanse convertende debido á grave crise económica en traficantes e contrabandistas. Con todo o cariño do mundo, esto non se sustenta. Non pasa o mínimo examen de rigor histórico. Sintoo.

    Vexo ademáis que fun o suficientemente sutíl na miña crítica para que unha persoa intelixente coma tí non adiviñase por onde ian os tiros. Sinto que pensases que estaba a descalificar o seu traballo. Todo o contrario. Mais penso que se pode criticar. Como ben sabes, nin Xoan nin Vila poden ser acusados de propagandistas do psoE. Pero tamén sabes que o psoE fixo un esforzo grande en enlazar co pasado, despois de corenta anos con moi pouca presencia. A dictadura non deixaba facer moito máis. E claro, algún pasouse de frenada. Tamén o hai que contextualizar, daquela non había internet, a Arousa era unha illa e o acceso á información non era fácil. Saúde e terra.

    Esqueciame. Son un seguidor do teu blog. Recibo os teus artigos coma auga de maio. Xa lera o post do que falas. Gustoume moito a última poesía. Parabéns. É preciosa. Anímate a escribir poesía máis amenudo. Grazas.

    ResponderEliminar
  14. Caro NaArousa:
    Não só penso que há que ter uma postura crítica fronte ao livro de meu irmão e Vilas, senão que acho que é imprescindível. Este é o mérito de qualquer publicação, mover ao diálogo, ao debate. Além disso, Xoán sabe que o maior crítico te-no na casa.
    O que eu não soube ler quiçá, é essa linguagem críptica da que me falas. A história do PSOE na Arousa tem muito de heroicidade e dramatismo durante épocas muito duras, não só no franquismo, e das que quiçá podamos falar quando nos re-coneçamos, que aguardo seja pronto. Que as novas gerações de psoeiros não sejam dignos dos seus maiores e algo que não posso avaliar em frio, mas que se queres que te diga a verdade, não me estranha.
    Houve um dia em que as pessoas pensavam em termos de liberdade e revolução, do que hoje só ficam saudades históricas. Menos mal que nos ficam os do metal. Solidariedade, saúde e mar

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.