22 de feb. de 2007

As letriñas do Cano, historia popular

[Helena Domínguez] A comparsa máis antiga da Arousa,  polo menos, ata onde nos chega a memoria, é "O Cano",  formada exclusivamente por homes. Saiu por primeira vez no Entroido de 1947 e gozou dunha gran aceptación durante décadas, non só na illa. Un dos principais factores do seu éxito foron as súas letriñas,  que facían referencia ás preocupacións sociais, costumes e modas dos arousáns, nun tempo no que ningún medio de comunicación falaba da Arousa.

A desaparecida comparsa do Cano marcou un hito na historia do Entroido carcamán, tanto pola súa lonxevidade coma pola popularidade que alcanzou. Os seus signos de identidade era un cano de verdura, de aí o seu nome, e un repertorio cargado de críticas satíricas, retrancas e dobres sentidos.

Unha revisión das letriñas compostas entre 1973 e 2002, constata que sempre se repetían varios temas: a actualidade local desde un punto de vista popular, os asuntos morais, a crítica aos políticos, a loita de sexos e a exaltación do Entroido e do propio Cano, entre outros.

Sen dúbida, as que máis mal paradas saíron ao longo de todos estes anos foron as mulleres. Nos 70, os novos hábitos e xeitos de vestir das arousás –nos que probablemente influíron a televisión -son vistos con resistencia; algo que tampouco sorprende tendo en conta a mentalidade da época. Que as mulleres fumaran e puxeran pantalón deulle que falar ao Cano máis de cinco anos, o tempo que deberon tardar en normalizarse estes dous atrevementos femininos. Así, en 1973, cantaban:

“O tabaco para as mulleres solteiras
ese vicio non lle debe prestar
porque hai moitas que se queiman co pitillo
e despois trailalarala-lara

A muller hoxe é moi masculina
Nada a home lle ten que envidiar
Como fuma e pantalón viste
Si algo lle falta, xa Dios llo dará”.

E en 1978, continuaban sen asumir o do pantalón:

“Vense rapazas moi bonitas pola calle
en todo o ano non sacan o pantalón
Esas critican sempre as minifaldeiras
porque as pernas delas saben como son”.

Os do Cano tamén rexistraron a emerxencia da muller na vida social e pública da Arousa: “hoxe as mulleres beben e fuman, e os fins de semana, vánseche meter a Yuma” (1976); “a muller moderna frecuenta o bar e a taberna” (1982). E no peor dos casos, e sobre todo cando se referían á paternidade, O Cano lanzaba os seus dardos máis envelenados:

“como se fan tan mandonas, malas e cabronas
tamén son capaz, se chegan a ter un fillo
non saber quen é o pai do rapaz”. (comezos dos 80)

“elas pode elixir eso do in vitro si quer
embotellado en cristal teñen manteca a escoller
coidado na cantidá xa pasou máis de unha vez
contas co parto de un e poden ser máis de tres”. (finais dos 90)

As críticas contra o sexo feminino semella que se foron suavizando co tempo pero continuou presente a idea de que hai que desconfiar das mulleres:

“a vida matrimonial é fenomenal se non se fracasa,
que o jefe sempre é o home,
cando a muller non está na casa”. (1988).

“Xa cho di un gato escaldado
cómo cambian as mulleres
saíume a bruxa da escoba
co disfraz de Branca Neves” (2002)

Con estas sátiras, non é de estrañar que os integrantes do Cano foran acusados de machistas, comentarios que eles contestaban con humor alegando que as súas letras “só eran para cabaleiros”. O curioso é que desde o Cano aseguran que as súas letriñas tiñan máis éxito entre as mulleres ca entre os homes, que “todas rían” porque era Carnaval, e que chegaron a recibir propostas femininas para entrar a formar parte da comparsa.

Con respecto á crítica política, hai que ter en conta que na ditadura non se podía dicir calquera cousa. As letras pasaban unha criba no concello de Vilanova, así que O Cano xa non presentaba “cousas ghordas” para evitar sustos. A censura non tiña máis que eliminar os “pecados” e cambiar un "carallo" por un "caramba" aínda que logo na Arousa se cantase "carallo", pois a garda civil non se molestaba en coller a motora para ir supervisar. Coa chegada da democracia, comezaron a desfilar polas letriñas ministros, conselleiros e toda caste de “lariqueiros”.

“Os políticos veñen ós pueblos
con promesas e falsos rosarios
cando lle fai falta o noso voto
pa ser ministros ou deputados” (1987)

“Os da Xunta de Galicia andan
co paso cambiado
e o mariñeiro galego
é o máis abandonado” (1996)


Polo que fai á actualidade da Arousa, nos anos 70 as letras do Cano serviron para denunciar o estado de abandono da vila: os cortes de luz, a falta de sumidoiros, o vertedoiro do Bao, os camiños sen asfaltar...

“Na Isla vai haber pronto medios de locomoción
que xa están chegando ó Leste ás conchas do mexillón
os que polo Bao lucharon si o viran hoxe en día
bótanlle un carro de escombro e sacan dez de gravilla.
O relleno do Bau debe ser do mellor
ó pasar por alí nótase un fino olor
Era o mellor paisaje que tiña a nosa terra
e hoxe en día está dedicado a escombrera”. (1974)

“Xa hai unha chea de anos que desde o Faro ó Cabodeiro
o único que nos fixeron foi botarlle terra ao Regueiro”. (1976)

“Os problemas que temos coa luz
como os vamos a catalogar
de noite rompe o transformador
e de día o cable do mar”. (1980)


Quedarían moitas máis cousas que dicir das letras do Cano. Sempre atentos á realidade, os letristas tomaron nota de cando os vellos da Arousa comezaron a facer futing e a saír de viaxe ao Carballiño e  aMallorca, a comezos dos oitenta. Lamentaron os estragos da droga e celebraron a chegada do divorcio. Tampouco se lles escapou o que acontecía en todos os sectores de actividade do mar, e prestaron atención aos grandes acontecementos que ocorrían na Illa: o proxecto do Iberpuerto, a aparición de latas de manteiga no Areoso, a chegada da auga da traída, o festival Alén 97... Por suposto, a ponte estivo tamén moi presente, primeiro para reclamala, e logo para celebrala:

“Pra nós os arousáns a ponte é unha gran satisfacción
que agora todos os camiños nos levan a San Antón
acabáronse os problemas que tivemos na Arousa hasta agora
de viaxarmos contra reloj para termos que ir coller a motora
din algúns que a Arousa co puente pode perder encanto e beleza
o caso é non perder a vergonza, que o resto non nos interesa” (1986)


A pesares de que moitas das letriñas remataban co desexo de "que non morra o Cano", a comparsa, avelletanda, esmoreceu no ano 2003, deixando un valioso testemuño das transformacións sociais e políticas da Illa de Arousa e da sociedade en xeral nos últimos cincuenta anos

2 comentarios:

  1. existen actuacions gravadas da comparsa dos do cano no grove.

    ResponderEliminar
  2. martes de entroido de 1983 na rúa 14, comparsa o cano. gravacions de Fernando Besada Costa "Nano"

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente. As peticións para borrar comentarios non serán atendidas. A participación implica a aceptación destas condicións.