Buscar neste blog

5 de dec. de 2006

As primeiras lámpadas que iluminaron a illa

O alemán Ervin Willisch foi pioneiro na instalación dunha central eléctrica


 [Juan Dios Chaves] Arredor dos anos 30, vivía en Santa Uxía de Ribeira unha familia alemá, os Willisch, de profesión mecánicos, que traballaban nos barcos de pesca en Ribeira e temporalmente na Illa de Arousa. Vendo a necesidade que a Illa tiña de luz eléctrica decidiron montar un grupo electróxeno no sitio no que logo se construíu a fábrica de conservas "Bouzada y Gil", no Cantiño.

O grupo electróxeno funcionou durante uns anos pero a subida do prezo do gas-oil obrigou á pequena empresa a tomar drásticas medidas, nacendo así o proxecto de alimentar a central cun gasóxeno, o que trouxo como consecuencia a necesidade de buscar un sitio no que houbese auga doce para a instalación. Hai que ter en conta que onde estaba a central a marea chegaba ata a porta, así que o lugar elixido foi a Fontiña, en Semoiño. Alí construíuse a nova central. Sen embargo, o proxecto do gasóxeno non se levou a cabo por razóns técnicas, obrigando a retomar o anterior sistema de gas-oil. Uns anos máis tarde, ó remate da guerra, sumáronse outras dificultades, posto que a empresa era alemá.

A central tiña uns 80 abonados e unhas 50 lámpadas no alumeado público. Sen embargo, o negocio non cubría gastos, debido ó elevado prezo do gas-oil –só os barcos tiñan cupos subvencionados- máis os gastos de reparación e persoal. Ademais, o grupo tivo unha avaría importante, e chegou o momento no que houbo que tomar unha decisión definitiva. Entón, propúxoselles ós abonados pagar o kwh ó dobre do prezo que figuraba no recibo oficial. Non todos os clientes aceptaron a solución, pero si a maioría.

A central eléctrica funcionaba desde o anoitecer ata a 1.30 horas no vran; e no inverno, ata as 12 da noite e desde as sete ás nove da mañán. O empregado, antes de apagar o motor, daba un baixón de luz dous minutos a modo de aviso, así os bares que aínda estaban abertos tiñan tempo de preparar outro sistema. Nas casas privadas había que ir para a cama ás présas, os que aínda non estaban.

Ás horas punta, a tensión baixaba moito, pero como sempre hai algúns listos, deuse en utilizar as bombillas atómicas. A tensión era de 150 voltios e as famosas bombillas eran para 100 v., polo que ás horas críticas funcionaban perfectamente. A medida que os abonados apagaban a luz, había que cambiar a bombilla, do contrario queimábase. Outros utilizaban pequenos transformadores para subir un pouco a tensión. Todas estas peripecias facíanlle a vida imposible ó alemán e o alternador pagou as consecuencias máis dunha vez. Nos apagóns funcionaban as mariposas de aceite, o carburo, as velas e nalgúns bares as lámpadas de gasolina, os famosos "Petromax".

Naquel tempo non había TV e os partidos de fútbol eran comentados na radio, normalmente pola tarde. Os domingos que había un partido importante os bares e tabernas pedíanlle á empresa que puxera en marcha a central para escoitar o partido na radio. Ás veces o motor ou alternador avariaban e a única solución era ir á casa do señor cura, que tiña unha radio de pilas que un navegante lle trouxera de América. Así, por unha vez, o despacho de Don Román enchíase de fieis provisionais. El moi contento, porque tamén era un gran afeccionado ó fútbol.

Entre altos e baixos, a central traballou ata 1954, ano no que chegou a luz do "Tambre", chamábase así. A pequena central foi enganchando os seus abonados á rede da "Compañía de Electrificación" ata que só quedaban tres clientes que se resistían a cambiar de compañía. Total, que en agosto de 1954, a pequena central, despois de bos e leais servizos, pechou definitivamente o servizo eléctrico, quedando o taller mecánico que o Señor Ervin utilizaba e que hoxe funciona dirixido por membros da mesma familia Willisch.

Este pequeno artigo non estaría completo sen describir a grandes trazos o personaxe do señor Ervin, que moitos coñecemos na Illa. Home de carácter excepcional, especialista en Diesel. A música, a apicultura e a xardinería formaban parte da súa vida. ¡Un alemán!

1 comentario:

  1. Moi interesante este artigo e, en xeral, todos.
    Estaba montando o meu radioblog con cancións inspiradas na Illa de Arousa, pensando en cambialo a blogger cando buscando un exemplo me atopei con este que merece un recoñecemento.
    Se queredes escoitar a radio da Arousa visitade este radioblog:
    http://blog.iespana.es/portaldarousa
    Felicitacións e ánimo para seguir co voso interesante traballo.

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.