Buscar neste blog

21 de ago. de 2008

Continúan as mobilizacións do sector mexilloeiro



Evolución das importacións de mexillón chileno. Fonte: Comadex


O sector mexilloeiro galego permanece en folga desde o pasado 3 de agosto debido, fundamentalmente, á caída do prezo do bivalvo nos últimos anos. Na perda de valor do mexillón influiu a masiva entrada no mercado de bivalvo foráneo, chileno na súa maioría, un produto que, en ocasións, se envasa baixo etiqueta “galega” e que non está sometido aos estritos controis que debe superar o mexillón autóctono.

Por outra banda, as divisións internas do sector, caracterizado polo minifundismo organizativo, non favoreceu a adopción dunha estratexia única para competir no mercado global, de xeito que a crise se agudizou.

Así as cousas, a descarga de mexillón para fábrica permanece paralizada, a pesares da oposición da Federación Arousa Norte e Virxe do Rosario (Vilaxoán), os dous únicos colectivos de bateeiros que se resisten a sumarse á central Pladimega (Plataforma de Distribución de Mexillón de Galicia), aínda en proceso de creación. Con esta plataforma, que agrupa 2.500 das 3.300 bateas existentes, os mexilloeiros galegos pretenden unificar repartos, cobros, prezos e calidades, para lograr unha maior competitividade e profesionalización do sector.

O sector agarda, ademais, a próxima publicación no D.O.G.A. da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, un selo que podería contribuír a diferenciar e poñer en valor o produto galego.

20 de ago. de 2008

Arroaces

Arroaces no carreiro de Carreirón, o pasado domingo

Nas augas da Arousa non é difícil avistar bandadas de arroaces saltóns. Estes inquedos mamíferos, que se alimentan de peixes, gozan da simpatía das xentes do mar, e iso que moitas veces furan as redes dos mariñeiros na procura de presas fáciles.

19 de ago. de 2008

Regata Calmoseira: permitido bogar


A regata Calmoseira celebra o vindeiro sábado en Cambados a súa segunda edición, cunha novidade importante na organización: pódese bogar. Deste xeito, se o mar queda en calma podre, os navegantes poden botar man dos remos. A iniciativa contribuirá a darlle emoción e espectacularidade á regata de dornas a vela. Boa idea!

11 de ago. de 2008

Os veciños defenden un símbolo do Charco

Os veciños reclámanlle ao tenente alcalde unha nova fonte para o barrio

Os operarios municipais comezaron a traballar no lugar da vella fonte


Un grupo de veciños do Charco tentou disuadir ao tenente alcalde da intención de colocar unha escultura no lugar que sempre ocupou a fonte, un símbolo do barrio e unha das poucas fontes públicas que existen no concello. A fonte do Charco é o último rastro dun antigo pozo con pilón, do que aínda se lembran os veciños de oitenta anos. A auga manaba da pedra dun manantial natural, que tiña fama pola súa calidade e a súa abundancia, aínda en épocas de seca. Nas posteriores reformas do barrio, desapareceu o lavadoiro e o pozo foi convertido nunha fonte sen ningún interese arquitectónico, pero que continuaba cumprindo a súa función. Cando a “auga da traída” chegou á Illa, substituíuse o abastecemento do pozo pola auga canalizada. Finalmente, a modesta fonte do Charco quedou derruída hai uns meses por causa dun accidente de tráfico. Esta mañá, co inicio das obras, os veciños coñecían a nova da desaparición definitiva do surtidor. Tras recibir unha representación veciñal no concello, o tenente de alcalde visitou o lugar e escoitou as demandas da xente, que se nega a que desapareza unha fonte centenaria. Veremos que ocorre.

28 de xul. de 2008

O Céltiga non confía na canteira

O Salvador Otero, o campo do Céltiga
Os rapaciños da Arousa comezan desde moi novos a xogar ao fútbol no Céltiga. De feito, as dúas categorías inferiores, benxamín e alevín, son as que máis demanda teñen, con dous equipos cada unha. O club pón como condición o pagamento anual do carné de socio e, ademais, os pais teñen que custear a equipaxe deportiva e trasladar os rapaces nos coches particulares os días de partido, ou se non, pagar entre todos un autobús. A implicación das familias chega ata o punto de participaren na organización das festas gastronómicas para recadar cartos para o Céltiga. Pero unha vez que os rapaces superan a categoría xuvenil, poucos son os que conseguen chegar ao equipo titular, así que quedan sen equipo e sen instalacións nas que practicar a súa afección.
O equipo principal do Céltiga, en terceira división desde a pasada tempada, mantén unicamente catro xogadores “carcamáns”, nunha formación de vinte persoas. E as sete novas fichaxes anunciadas para a vindeira tempada non melloran a porcentaxe, xa que todos proceden doutros equipos. ¿É que na illa non hai bos xogadores ou é que para a directiva todo o de fóra é mellor?.
Non se trata de non fichar xogadores foráneos, senón de brindarlle tamén unha oportunidade á propia canteira, que financia en boa parte o club, ten ganas de xogar e está vinculada emocionalmente á camiseta. Moitos xogadores carcamáns que non teñen sitio no Céltiga ao chegar á maioría de idade, rematan xogando nos clubes veciños, o Chispa de Corón ou o San Miguel de Deiro. Neste último equipo hai máis xogadores carcamáns que no Céltiga.

24 de xul. de 2008

A procesión marítima

A procesión marítima chegando ao Campo

A xente agardando a chegada da Virxe do Carme


Os mariñeiros levan a ombros a imaxe, cargadiña de ristras de billetes

O barco do “Pejo” foi o encargado de levar este ano a imaxe da Virxe do Carme na procesión marítima. No barco da Virxe viaxan, ademais, a orquestra, os quintos, as autoridades que haxa presentes, o cura e a toda a familia dos propietarios. Sempre foi considerado un privilexio –ademais dunha responsabilidade- transportar á patroa dos mariñeiros, aínda que este ano, disque só se ofreceu un barco. Cando hai varios candidatos, a elección da embarcación faise por sorteo ou á poxa máis alta.

ArousaVisual Films Festival


O venres 25 de xullo celébrase a primeira edición de Arousa Visual Films Festival, un evento durante o que se exhibirán obras audiovisuais rodadas na illa ou realizadas por autores arousáns. A mostra está organizada por ArousaVisual, co patrocinio do Concello e a colaboración da asociación Dorna e MrMisto.

Programación
-Pola mañá proxectarase unha selección de curtas para nenos, no salón de actos da casa consistorial.

-A sesión da tarde, tamén dentro da casa consistorial, comeza ás 18.30, co pase do documental "A illa de Arousa en 1969"de J.L.Otero, "Genito", e mais dun programa de TVE rodado no mesmo ano. Seguirán ás 20.00 os documentais de Marcos Nine "Carcamáns", sobre a reacción da xente da Arousa ante ao afundimento do Prestige, e "Historia dunha parroquia", flamante premio Mestre Mateo .
Ás 22.00 h proxectaranse as curtas "O Conxuro" e  "A meiga chuchona", de Pablo Millán, seleccionadas e premiadas en varios festivais internacionais; e finalmente "O aire", un documental de Antón Millán, premio de videocreación da Universidade de Vigo, que trata sobre unha crenza tradicional da Arousa.
Despois da posta do sol, ás 23.00h, na praza do Concello, será a quenda do pase no exterior. Abrirá "Ela Ribeirinha", do director galego Pedro Vila. A curta foi rodada na illa en 35 mm e narra a historia dunha muller que cada día agarda no mesmo con a volta do seu home, supostamente morto na Guerra do 36. A rodaxe foi todo un acontecemento na illa e contou coa participaron entusiasta de moitos veciños. Está previsto que asista a protagonista, Pilar Bardem.
Seguidamente proxectaranse tres curtas de autores aurousáns: "Longo Sendeiro de Pedra", de Pablo Millán, que recibiu, entre outros galardóns, o Grand Remi de Houston;  "O quinteiro" de Antón Millán, gravada na illa en HDV, coa participación de varios actores locais; e o "O premio da rubia", de Marcos Nine.

A asociación ArousaVisual está a traballar na posibilidade de crear un festival temático anual, do que se informará no seu web www.arousavisual.org, aínda non operativo.

Mostra de filmes arousáns

Rodaxe de "O Quinteiro", de Antonio Millán
(imaxe collida da Axencia Audiovisual Galega)


A Arousa acolle o 25 de xullo unha mostra de filmes relacionados coa illa, por estaren rodados en territorio insular ou por teren os seus autores ou protagonistas vencellos carcamáns. Esta primeira edición do certame contará co reclamo da presenza da actriz Pilar Bardem, quen logo de rodar na illa a curtametraxe “Ela ribeirinha”, repite visita, agora para asistir á estrea da cinta. Marcos Nine, Antonio Millán e Pablo Millán son algúns dos autores que participan na mostra coas súas obras audiovisuais. As proxeccións terán lugar na casa consistorial e na praza do concello. Poden consultar a programación completa aquí.
O certame está organizado pola asociación ArousaVisual, que ten previsto preparar cada ano un festival temático, baixo o nome "ArousaVisual Films Festival".

21 de xul. de 2008

Fogos artificiais

Unha mostra dos fogos do pasado sábado

O espectáculo pirotécnico sempre levanta moita expectación


O día do Carme ofrece a única oportunidade de ver fogos artificiais na Arousa

Os fogos marcan, tamén, a fin das festas

As do Carme son as únicas festas da Arousa con orzamento de abondo para pagar uns fogos artificiais. A exhibición pirotécnica resérvase para a noite do sábado, o día grande. As orquestras interrompen temporalmente a verbena, á unha da mañá, e a xente diríxese ao Chufre para gozar do espectáculo e acompañar os foguetes máis vistosos cun “ooohhh”. Os fogos artificiais marcan tamén a despedida das festas, ata o vindeiro ano.

16 de xul. de 2008

O día a día dun bateeiro

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


A televisión de Galicia emitiu hai uns días este vídeo no que amosa escenas cotiás do traballo na batea. Ramón Dios, presidente do Consello Regulador do Mexillón, quéixase do pouco valorado que está o molusco.

15 de xul. de 2008

A liana

Liana detrás do Santo, hai uns anos

Quedará algunha liana agochada polos montes da Illa?. Dos xogos populares propios dos homes (aínda que nunca faltaron rapazas que probaran), a liana é quizais o máis aventureiro e arriscado. Consiste en pendurarse dunha corda, previamente amarrada a unha árbore, ao estilo Tarzán e balancearse dun lado a outro aproveitando o impulso. Practícase en terreos con desnivel e a caída adoita ser sobre toxos, para darlle máis emoción ;-)

7 de xul. de 2008

O problema da confraría

Ameixas na lonxa da Illa

O Servizo Galego da Competencia abriu un expediente sancionador contra a Confraría de San Xulián por restrinxir a liberdade de mercado. A denuncia partiu do sindicato Agamar, tras detectar prácticas abusivas no pósito arousán. O problema é complexo.

Os mariscadores que faenan dentro das concesións administrativas insulares destinan o 9% das súas vendas na lonxa ao pósito arousán. Con estes cartos, a confraría merca a semente de ameixa e paga a vixilancia das praias para evitar o furtivismo, entre outras labores de mantemento dos areais.

Ademais dos mariñeiros “a tempo completo”, no raño tamén atopamos mariscadores “de tempada”, que aproveitan as épocas de maior prezo da ameixa para ir uns días ao raño e obter unhas gañancias extra. Mentres que os primeiros levan todo o ano pagando, os segundos achegan unha pequena porcentaxe á confraría, beneficiándose igualmente do traballo colectivo. Ante esta situación, a confraría arousá decidiu limitar o permiso de marisqueo nas súas concesións a aqueles mariñeiros que tivesen seis meses de despacho, e de non ser así, obríganos a pagar o 9% de 10.000 euros para obter autorización. Esta medida ten provocado numerosas queixas e non semella que legalmente se poida soster.

Por unha banda, a confraría da Illa é das que maiores retencións aplica de toda a ría e faille unha competencia desleal aos pósitos veciños, esixíndolles aos seus mariñeiros un mínimo de vendas na lonxa. Por outra banda, hai que ter en conta que na lonxa insular non se comercializan todas as especies. “Eu ando aos aparellos”, explica un mariñeiro arousán, “pero a lonxa da Illa non comercializa peixe e teño que ir a Cambados ou a Vilanova a vender. E logo, por riba, se quero ir ao raño non podo porque non teño unhas vendas mínimas”, quéixase. E ademais, tal e como explica o mesmo mariñeiro, “¿quen son eles para impedirme traballar se eu teño todos os papeis en regra? En ningún outro sector pasa iso”.

3 de xul. de 2008

O libro das festas


Xa corre de man en man o "libro das festas", o folleto que edita anualmente a comisión das festas do Carme para dar a coñecer a programación. A reprodución de fotografías antigas, cedidas polos veciños, é un dos principais reclamos desta publicación. Á xente gústalle recoñecer e recoñecerse nestas imaxes, que mostran escenas cotiás de tempos pasados e amigos e familiares que xa non están, ou que cambiaron moito.

Flora dunar

Rabo de coello, na praia das "Señas"


"Bágoas de crocodilo"


Xa que falamos aí atrás do carpobrotus, o protagonismo nesta ocasión correspóndelle a dúas especies propias das dunas e os areais costeiros da illa, o rabo de coello (lavutus ovatus) e as “bágoas de crocodrilo”. Esta última especie é probable que teña outros nomes, agradécese a información sobre a denominación científica. As dúas imaxes foron captadas na praia das Señas.

Unha segunda oportunidade

A biblioteca do colexio público é tamén a aula da escola de adultos

Unha das iniciativas máis bonitas e interesantes que puxo en marcha o concello insular desde que se constituíu é a Escola Municipal de Adultos, que lles ofrece unha segunda oportunidade a aquelas persoas que polo motivo que sexa non puideron obter no seu tempo o antigo “graduado escolar” ou rematar o bacharelato. A idade do alumnado varía desde os rapaces de 20 ata as mulleres de 50. Neste curso asistiron con regularidade ás clases unhas dez mulleres maiores de 30 anos. Son elas as que demostraron máis empeño na preparación dos exames finais da ESO. A aula está situada na biblioteca do colexio público Torre e ten un horario de noitiña, unha vez que rematan as obrigas laborais.
Ademais de proporcionar este servizo, a escola tamén ofrece obradoiros de estimulación da memoria para os maiores, e clases ás mulleres que participan nos obradoiros de emprego Nordés.

1 de xul. de 2008

Volta á Illa

A Volta á Illa é a regata pioneira das competicións de
dornas a vela de Galicia
Imaxes tomadas con móbil, o pasado 28 de xuño

A regata de dornas a vela máis veterana do calendario, a Volta a Illa, volveu demostrar o seu poder de convocatoria reunindo o pasado sábado a medio cento de embarcacións. Nesta vixésimo cuarta edición, as dornas tomaron a saída con pouco vento, e despois dunha encalmada xeral pola zona do Campelo e o Faro, a navegación axilizouse ao pasar Carreirón. Os cinco primeiros postos estiveron moi disputados ata o final, o que contribuíu a darlle emoción á competición. Finalmente, venceu a Cariñosa. Poden ler unha crónica de primeira man no blog de Fasquía.
Por certo, durante a regata tamén se promocionou cun stand a participación de Galicia na festa marítima internacional de Brest.

26 de xuño de 2008

Menos fogueiras

Fogueira na Lavanqueira, organizada polo "chiringo do You"


Ás nove, día claro, xa cheiraba a fume polos camiños. Os veciños da Arousa cumpriron coa tradición de facer fogueiras na noite de San Xoán, aínda que a impresión xeral é que a festa veu a menos. Botáronse en falta as fogueiras multitudinarias da xuventude en Gradín e noutras zonas de costume. Semella que moitos adiaron a gran troula para San Pedro, que cadra na noite do sábado e ao día seguinte non hai que ir traballar.
Quen non faltou á súa cita foi o “chiringo do You” e compañía. O chiringuito máis popular da Lavanqueira cambiou este ano de ubicación (agora está situado enriba da praia), e como aínda está de reestruturación, non ofreceu nin a paella nin a churrascada de sempre, pero si houbo fogueira e un bo ambiente de festa.

23 de xuño de 2008

Auga de San Xoán

Auga de San Xoán, unha das combinacións de herbas posible

Aquí temos de mollo herba de San Xoán, ruda, herba luísa, unha folla de figueira, lavanda, romeu, unha rosa e unhas floriñas de xazmín. Vai quedar ao sereno toda a noite, e mañá pola mañá, hai que lavar a cara con esta auga fresca e recendente. É unha tradición da noite da San Xoán que as mulleres da Arousa manteñen viva, por se acaso. Que mellor que recibir oficialmente o verán cun rito purificador que afasta os meigallos.

19 de xuño de 2008

O ático de Pepe Blanco




Diversos medios dixitais fanse eco hoxe deste vídeo realizado e publicado polo xornal conservador La Nación (Grupo Intereconomía) no que se asegura que Xosé Blanco, secretario de organización do PSOE, adquiriu unha propiedade nos famosos pisos da Punta do Furado. A construción deste residencial á beira do mar ten provocado airados comentarios neste blog, onde incluso algún visitante xa ten advertido de que Blanco, asiduo dos veráns carcamáns, tiña os ollos postos na polémica obra.

É obvio que este vídeo sensacionalista ten por principal obxectivo desprestixiar politicamente tanto ao Concello socialista, como ao secretario do PSOE, e nel fanse algunhas afirmacións falsas; por exemplo, non é certo que as ameazas de derribo das casas da zona proveñan do Concello, senón da Xunta. En todo caso, si é responsabilidade do Concello a recalificación como urbanizable dun piñeiral situado enriba da praia e a concesión das licencias de obras. Ata o momento, leva soportado as críticas de moitos veciños, veremos agora como capea o temporal baixo o foco dos medios de comunicación.

12 de xuño de 2008

Caldeirada de peixe na xeiteira

Xa hai tempo que a asociación cultural Dorna pendurou no youtube este vídeo, no que se recrea a antiga costume mariñeira de facer unha caldeirada de peixe a bordo. O narrador, Uxío Allo, interpreta unha canción popular que di así:

"quen teña viño,
quen teña viño (bis)
que me traia un pouquiño,
quen non o teña,
que vaia rápido
a buscar unha botella"



E aquí abaixo, temos unha nova versión fílmica da caldeirada, a cargo de Hércules Audiovisual. O narrador do vídeo é o mesmo, pero variou o seu cantar; iso si, sen renunciar á temática de costume ;-)

"Bota viño taberneiro,
taberneiro bota viño
bota viño taberneiro
que os da Illa pra cantare
temos que beber primeiro" (bis)


10 de xuño de 2008

Deporte en familia





Un éxito, a festa do deporte organizada polo concello na mañá do domingo. Capoeira, windsurf, vela, piragua, volei-praia e fútbol-praia foron algunhas das actividades das que gozaron pais e fillos na "remozada" área do Bao. Coa inscrición, regalaban camisetas, gorras e panos.

As imaxes de Fasquía

Na imaxe, os trofeos que recibiron as cinco primeiras dornas clasificadas

O vento puxo nun apuro a máis de un

O patrocinio é unha forma cada vez máis estendida de financiar a vela


Unha visión da regata, o pasado 7 de xuño

A Cariñosa, a Nécora e a Mimela, as tres dornas da Illa, foron as primeiras clasificadas da cuarta edición de Fasquía, a regata que inaugurou a pasada fin de semana o campionato galego de dornas a vela. En total, competiron 26 dornas, algunhas menos das previstas, xa que a delegación meca, por exemplo, non acudiu ao completo.
A regata Area Seba, prevista para o 14 de xuño, foi suspendida, segundo informan Amigos da Dorna Meca. Así que a seguinte cita puntuable para o campionato será o 28 de xuño, coa veterana Volta á Illa, que cumpre 24 anos.

5 de xuño de 2008

Así quedou o Regueiro

Santa Marina



Niki Picalitos, arousana residente en París, ofrécenos esta montaxe fotográfica dos quintos no día do Carme. Aínda que o servizo militar deixou de ser obrigatorio, os quintos (a xeración de mozos de 18 anos) continúan mantendo o seu día de festa no verán -antes a xeito de despedida- e acompañan á Virxe na procesión marítima, vestidos co uniforme da Marina.

4 de xuño de 2008

O “Arosa folk”, o festival da transición

 
 
[Helena Domínguez] Non pasara aínda un ano da morte do ditador Franco, cando a “Delegación Nacional de la Juventud” decidiu organizar unha gran mostra de música na illa de Arousa, coa participación de representantes de todas as provincias españolas. Descoñezo as claves para interpretar o por que da elección xeográfica, pero chama á atención que fose nunha illa galega mal comunicada, con fama de díscola e na que o turismo era un fenómeno descoñecido. O caso é que entre o 4 e o 7 de setembro de 1976, tivo lugar no piñeiral de Testos o “Arosa Folk”, o primeiro gran espectáculo de masas que se celebrou na illa. Asistiron unhas 3.000 persoas e foi presentado por unha estrela televisiva da época, Eva Gloria, cara habitual dos espazos musicais de TVE. Naquel festival de ambiente hippi, con escenario ao aire libre e centos de mozos aloxados en tendas de campaña, comezaban a liberarse algúns xustillos do franquismo . A lingua galega estivo presente nos poemas musicados dalgúns cantautores e hai quen se atreveu, entre o público, a erguer unha bandeira galega, que logo foi agochada para non alporizar ás forzas de seguridade.

3 de xuño de 2008

Arte efémera para celebrar 40 anos xuntos


A pasada fin de semana, 18 parellas da Arousa celebraron os 40 anos de casados cunha cerimonia festiva e relixiosa, denominada localmente “Sacramento”. É típico neste día decorar as rúas con alfombras de flores e sal de cores, como fan noutras vilas para festexar o Corpus. A imaxe mostra a alfombra colectiva do Campo, financiada entre todos os matrimonios, aínda que tamén houbo outra particular na avenida Castelao, as dúas ben fermosas.
Para o ano que vén, cumpren 40 anos xuntos outras 24 parellas, pero non todas se sumarán á celebración oficial, xa que entre misa, coro, traxes, banquete e arranxos florais, o gasto dispárase case como nunha voda.

Touriño visita a Arousa

Touriño no peirao de pau (imaxes collidas da web da Xunta)

O alcalde socialista Manuel Vázquez acompañou o presidente


Nas obras do auditorio

Esta mañá, unha insólita presenza policial deulle o aviso aos veciños de que algo pasaba. A nova correu de boca en boca, Touriño estaba na Arousa (permítanme que non deixe escapar a ocasión para recomendar a consulta da Touripedia). Aproveitando que se atopaba de viaxe institucional en Vilagarcía, o presidente da Xunta desprazouse á Illa, onde visitou as obras do auditorio municipal e se deixou ver nun paseo polo Campo. Segundo explicou o presidente, o goberno está a investir só na Arousa uns dez millóns de euros, e máis de 200 en toda a comarca do Salnés.

21 de maio de 2008

O premio da rubia



Xa está no youtube o tráiler do último documental do arousán Marcos Nine, “O premio da Rubia”. Marcos foi galardoado na última edición dos premios audiovisuais Mestre Mateo, pola dirección do documental “Historia dunha parroquia”.

20 de maio de 2008

Unha nova vida para o Comaira

O galeón Comaira, onte no Chufre

O Comaira é un dos barcos de batea máis antigos da Illa de Arousa. Zafouse do despezamento grazas a un grupo de mozos que vén de crear unha asociación para restauralo. Este barco, construído no Freixo en 1946, comezou a súa singradura propulsado a remos e a vela, e pasou por varios propietarios antes de pertencer á conserveira  arousá  Comaira, que lle deu o último nome. No ano 56 incorporou un motor e estivo traballando as bateas ata hai un ano. Agora agárdalle unha nova vida mais recreativa, a das embarcacións da 5ª listaxe.

Terra de doantes


A xenerosidade do pobo da illa á hora de doar sangue está recoñecida publicamente cun monolito situado no paseo marítimo do Chufre. Son moitos os veciños que acoden á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia cando esta visita periodicamente territorio insular, así que a illa rexistra todos os anos as maiores taxas de doazón de Galicia . No ano 2007, quedou en segundo lugar, con 114 doazóns por cada mil habitantes.

19 de maio de 2008

Novo merendeiro


Entre Testos e o Niño do Corvo, de camiño ao Igafa, hai un novo merendeiro, mesas e bancos de madeira para sentar á sombra dos pinos cando pica o sol.

A ponte nos carteis




Cando alguén se decida a estudar o cartelismo local, verá a importancia que a ponte adquiriu como representación simbólica da illa. Aquí queda unha mostra de carteis: do día das Letras Galegas, dunha festa gastronómica, e dun encontro de fútbol.

15 de maio de 2008

O peirao de pau

No seu día, o uso do peirao de pau estivo restrinxido a dous fabricantes de conservas, en virtude dunha concesión de Costas. E logo, co decaemento da industria conserveira, tamen el apodreceu abandonado. O Concello decidiu restauralo e poñelo en valor, como parte do proxecto global de creación do museo da conserva, aínda sen concluír.