Publicacións

A banda The Alkrikes proba sorte nun concurso da Radio Galega

Imaxe
[Susi Rial] O nome da banda e do tema non podían ser máis arousáns. “The Alkrikes”, formada por catro rapaces arousáns (Sergio Dios, Paco Vázquez, Víctor Vidal e Miguel G. Poza), compiten estes días co seu tema “Riasong” nun concurso da Radio Galega destinado á descuberta de novos talentos emerxentes. Na web do certame poden escoitar en liña o tema en competición, así como darlle un voto de balde, aínda que tamén se pode votar por medio de teléfono móbil, mandando NOVOSON_45 ao número 25211. O prazo das votacións remata o vindeiro 18 de abril ás 19:00 horas.

Disputado empate entre As Rumorosas e os M.D.A.

Imaxe
[Redacción] A batalla por gañar a enquisa sobre a mellores letras do Entroido 2011 librouse entre dúas comparsas que gustan de rivalizar, os M.D.A., formada integramente por homes, e As Rumorosas, composta exclusivamente por mulleres. Durante a semana de votacións, o resultado mantívose case a diario nun axustado empate, compensándose inmediatamente os votos de máis que recibía unha ou outra comparsa. Así as cousas, quedaron igualados. Tal e como falaron os comentaristas, os M.D.A. crearon unhas letras máis críticas, en consoancia coa tradición das comparsas carcamanas. Pero As Rumorosas presentaron unhas letras mellor compostas e rimadas.

O Café Moderno

Imaxe
 Tomando o chocolate no Café Moderno, a finais dos sesenta [María García] Se ben é certo que a apertura dun bar na illa non é unha noticia destacable, non deixa de ser entrañable que o novo Café Moderno leve ese nome en honor da cafetería que antes había nese mesmo sitio. O Café Moderno foi un bar de renome no seu tempo. Estaba ubicado no primeiro andar, polo tanto, había que subir unhas escaleiras, o que xa lle daba un toque de distinción. Coas súas mesas de mármore branco e forxa, era lugar escollido por moitos homes para xogar a partida; as mulleres ían cos seus maridos os domingos. A antiga cafetería foi escenario de moitas celebracións, pero para recordar costumes xa desaparecidas, cómpre destacar unha: cando se celebraba a Primeira Comuñón, os rapaces eran convidados pola parroquia a chocolate con churros ao saír da misa; nin que dicir ten que era un momento moi esperado polos cativos. Este festexo celebrábase sempre no Café Moderno.

A asociación Dorna busca presidente

Imaxe
 Uxío Allo, nunha imaxe tomada de Dorna [Redacción] A asociación cultural e deportiva Dorna vén de iniciar un proceso para elixir nova directiva a través dunha xunta xestora, tras convocar eleccións e esgotarse o prazo de presentación de candidaturas sen que ninguén concorrese. O presidente saínte, Uxío Allo, considera que o colectivo conta coas persoas e cos medios necesarios para iniciar unha nova etapa, pero “ninguén quere o peso da presidencia”. “A proba é que se apuntaron voluntariamente dez persoas para formar parte da xestora”, explica. A constitución formal da xestora terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril e a partir de entón, daranse os pasos necesarios para formar unha directiva nun período aproximado de tres meses. Allo ofreceu todo o seu apoio ao novo equipo e cualificou como “unha experiencia única e enriquecedora” a súa etapa de sete anos á fronte da entidade. Aínda que deixa a presidencia, Uxío Allo continuará vinculado activamente a Dorna, coa súa colaboració...

A música achégase aos nenos nos “Sábados musicais”

Imaxe
Un momento do concerto de Nadal ofrecido pola Escola de Música [Susi Rial] A partir do próximo sábado, 2 de abril, ponse en marcha unha nova iniciativa procedente da Escola de Música da Illa de Arousa. Trátase dos “Sábados musicais”, unha oferta educativa totalmente gratuíta e dirixida a nenos de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades terán lugar na propia Escola (instalacións da antiga escola taller, en Testos), todos os sábados de 10:30 a 12:30. Durante as xornadas, os nenos realizarán diversas actividades, como bailes e xogos, mediante as cales tomarán contacto con diversos instrumentos, coas notas e cos diferentes sons, e poderán determinar a súa capacidade auditiva e, quen sabe, descubrir unha vocación agochada. Todos aqueles interesados poden inscribirse na Escola de Música os martes e os xoves de 16:00 a 20:00 da tarde, e os sábados de 9:00 a 14:00 pola mañá, e de 16:00 a 20:00 pola tarde. Tamén é posible inscribirse o resto dos días na biblioteca municipal.

A lúa máis grande ilumina a Illa

Imaxe
[Susi Rial] O pasado sábado 19 de marzo, os arousáns puidemos gozar das fermosas vistas que nos proporcionou a lúa. Unha lúa cargada tanto de fermosura coma de misterio, xa que foron moitos os que relacionaron a presencia desta enorme lúa coa chegada de grandes catástrofes sísmicas, como a ocorrida no Xapón recentemente. Nada máis lonxe da realidade, posto que a súa existencia débese a que o momento de maior aproximación coa Terra coincidiu en lúa chea. O que si que dou lugar foi a unhas grandes mareas vivas, que proporcionaron a seca máis grande en 18 anos e que foi moi ben aproveitada polos mariscadores.

Gústannos os cambadeses

Imaxe
[Redacción]  Segundo os resultados da enquisa publicada neste xornal, son os cambadeses os veciños cos que mellor nos entendemos os da Arousa. Así o confirma tamén o gran número de parellas que agora e sempre se forman entre cambadeses e carcamáns. O pobo que acadou o segundo lugar na listaxe foi o do Grove, e a moita distancia quedaron os de Vilanova e Vilagarcía.