Publicacións

A biblioteca do instituto convoca unha xuntanza para crear un club de lectura

Imaxe
 O club de lectura do instituto. Imaxe tomada de Bibliarousa [Redacción] Gústache ler? Queres descubrir novos autores e comentar as obras con outras persoas? A biblioteca do IES Illa de Arousa quere poñer en marcha un club de lectura para adultos, ao estilo do que xa funciona con éxito entre o alumnado. Os rapaces xúntanse todos os venres nos recreos para comentar lecturas comúns e ver fragmentos de películas. A iniciativa, denominada Bibliarousa , ábrese agora á comunidade arousá baixo o lema Bibliarousa +. O vindeiro martes, 25 de xaneiro, ás 20.00 horas, celebrarase na biblioteca do instituto unha xuntanza para acordar as lecturas e a periodicidade dos encontros. Están convidadas a participar todas as persoas que gocen coa literatura, non é preciso que sexan pais ou nais de alumnos.

Case 600 Carcamáns Celestes

Imaxe
 Interior da sede da peña Carcamáns Celestes, nun bar do Campo [Susi Rial] O Celta de Vigo é un equipo afortunado. Non son moitos os clubs de fútbol que poden dicir que as súas asociacións de seareiros aumentan os seus socios cando baixan a segunda división. Iso é o que ocorre dende sempre nos "Carcamáns Celestes", ata o punto de estaren a piques de chegar ós 600 socios, cifra de vertixe para unha illa de 5.000 habitantes. Lonxe quedan os tempos nos que o Celta mandaba representantes para que pasaran na Illa un puro trámite, poñendo escusas ante a ausencia dos xogadores máis queridos pola afección. Hoxe en día, nas ceas anuais dos Carcamáns é habitual a presenza dos xogadores máis emblemáticos , tanto de hoxe coma de onte. Por outra parte, Balaídos xa non é aquel estadio dos tempos de esplendor do Celta de Mostovoi e Karpin. É obvio que precisa dende unha boa dose de limpeza ata unha importante reforma. Pero a presenza dos Carcamáns nas bancadas dá unha inxección de aire f...

A malleira do polbo

Imaxe
A mazar un polbo de sete quilos, no peirao da Abilleira [Redacción] Que un polbo reciba unha malleira nada máis ser pescado non é cousa de asombro, o raro sería ver un polbo mazando un home. Non queira o Demo que o intelixente octopus se rebele un día e bata as cachas dos homínidos contra os cons e peiraos da Arousa! De consumarse a sedición cefalópoda, poden estar seguros de que a malleira non obedecería a outro propósito que a vinganza por tantos agravios históricos, pois nada se sabe de que a carne de home vire correúda no prato. Masar por masar . A única tranquilidade que nos queda é a superioridade física, aínda que non quixera un servidor caír nos tentáculos do inmenso polbo que ven na imaxe.

O boom inmobiliario non convence

Imaxe
[Redacción] O boom na edificación de bloques de pisos que experimentou a Arousa nos últimos anos semella que non  trouxo grandes beneficios para a vila. Polo menos, así o cren a maioría dos participantes na enquisa que publicamos o pasado mes de decembro, que rexistrou 23 votos durante os sete días que estivo activa. O 78% dos votantes consideraron que a proliferación deste tipo de inmobles non foi positiva. Na enquisa desta semana, interrogámoslles sobre a lingua que utilizan para comunicarse cos nenos pequenos.

O faro, exemplo de feísmo para La Voz

Imaxe
O faro, nunha tarde de verán [Susi Rial] O xornal La Voz de Galicia , dentro da súa galería de fotos dedicada ás paisaxes máis surrealistas que podemos atopar ó longo da nosa xeografía, incluíu recentemente o faro da Illa de Arousa. Beirarrúas en mal estado, fantásticas paisaxes atravesadas polo tendido eléctrico, cruceiros asoballados por casas de nova construción... son só algúns dos exemplos que conviven co faro, ó que podemos ver na foto número 11 de “ novos exemplos de feísmo galego ”. O que se denuncia en concreto é o recheo de cemento arredor de todo o faro co único propósito de instalar alí un posto de praia. Algo que o pé de foto non dubida en denominar como un "exemplo sangrante" do feísmo galego.

O primeiro pleno do ano

Imaxe
[Redacción] A Casa do Concello acolle o vindeiro 13 de xaneiro, ás 20 horas, o primeiro pleno do ano. Será unha sesión na que predominen os temas económicos, xa que na orde do día figuran a aprobación dos orzamentos para o 2011,  do propio Concello, e da Fundación Deportiva Municipal. Os tres partidos con representación na cámara municipal de seguro que non estarán sos nesta convocatoria; os plenos da Arousa adoitan contar coa presenza dun grupo fiel de veciños, que gusta de seguir en directo o debate político.

San Xulián non se mollou

Imaxe
 O 7 de xaneiro é tradición ir de viños [Susi Rial] Anunciábase un día de chuvias e treboadas, pero finalmente, a mesma climatoloxía honrou ó noso patrón coma se dun arousán máis se tratara, e no momento da procesión, San Xulián puido percorrer as rúas da Illa sen maiores incidencias. No que respecta á troula, tamén puido levarse a cabo sen maiores complicacións, aínda que o día invitaba a permanecer dentro dos bares, máis que no camiño. A excepción daqueles, iso si, que saían á porta a fumar. E iso que os bares foron xenerosos e permisivos cos fumadores ante a nova lei antitabaco. No ámbito masculino, coma sempre, un 10. Por esa elegancia que tanto reparo dá lucir outras veces, e que os homes pasean con tanto orgullo en San Xulián. E no ámbito feminino, outro tanto. Cada vez máis, o día do Patrón é unha festa de exaltación da beleza arousá, sendo máis importante a indumentaria dese día que a da propia noite de Fin de Ano. A festa prolongouse ata altas horas da madrugada, ata qu...