Publicacións

A furia do vento

Imaxe
Un guindastre retirando un dos barcos que vararon na praia O temporal afectou a todo tipo de embarcacións Contemplando os desperfectos, no Lagartiño O temporal de "vento do alto" (Norte) da madrugada do 14 de xaneiro causou desperfectos en terra e mar. O vento chegou a acadar rachas de 170 km, segundo aseguraban os mariñeiros, citando o "medidor" do barco de Chiquita. Cinco barcos bateeiros con amarre na zona do Lagartiño (Júpiter, Carallada, Roxo, Androcles e Machado) vararon na praia, logo de que romperan as barbas que os suxeitaban aos mortos. Por toda a Arousa afundiron lanchas e romperon numerosas embarcacións de madeira, como dornas e gamelas. A furia do temporal tamén puido con algunhas bateas, que quedaron á deriva e vararon no Terrón. En terra, o incidente máis aparatoso foi o desprendemento do tellado do instituto.

A colonia de patos esténdese pola Arousa

Imaxe
Dende que hai dous anos falabamos aquí da colonia de patos da Arousa , a poboación de aves, protexida polos veciños e só asustada de cando en vez por algún can, non parou de medrar. Os patos xa forman parte da paisaxe habitual na liña costeira comprendida entre a punta de Testos e a de Gradín. As bandadas máis numerosas concéntranse en Semuíño e no Regueiro.

O calendario da confraría

Imaxe
A imaxe que ilustra o calendario da Confraría A mesma paisaxe, cincuenta anos despois A Confraría de Pescadores da Arousa elixiu unha fotografía do Nicho dos anos 60 para ilustrar o calendario deste ano. Baixo a imaxe do calendario que reproducimos aquí, poden ver o mesmo lugar na actualidade. Á parte das obvias vantaxes que implica a urbanización do camiño, o cambio foi para mellor ou para peor?

Igual que hai 50 anos

Imaxe
A procesión relixiosa contou coa participación do alcalde e do líder da oposición Os gaiteiros animaron as rúas desde primeiras horas da mañá A festa do patrón segue sendo unha celebración maioritariamente masculina Aquí teñen algunhas das imaxes que nos deixou a celebración da festa patronal de San Xulián, o pasado 7 de xaneiro.

O recibimento dos Reis Magos

Imaxe
Unha lexión de carriños tomaron o auditorio Os Reis Magos foron recibidos cunha serie de actuacións musicais Pais e nenos abarrotaron o auditorio da illa o pasado 5 de xaneiro para recibir os Reis Magos de Oriente, que presenciaron dende o palco o espectáculo que as máis pequenas lles tiñan preparado.

Listo para a descarga o último número de Dorna

Imaxe
A portada deste número foi deseñada por María Vázquez Xa está dispoñible en pdf o número 11 da revista Dorna, editada pola asociación cultural do mesmo nome. Ademais, o equipo coordinador agasállanos cunha novidade: a posibilidade de descargar todos os números da publicación desde a súa reaparición no ano 2005.

Uns pechan e outros renacen

Imaxe
O Bar O Porto foi inicialmente unha taberna-tenda Interior do Áncora, coñecido como "a de Cardama", na Congostra do Rico A clientela non semella aproveitar moito a wi-fi que ofrece o local Soubemos polo Faro de Vigo que remataba unha etapa no emblemático bar O Porto do Chufre, coa retirada de Manuel Dios e Josefa Cores, o matrimonio responsable do negocio desde os anos 50. Os que fan a ruta das "chiquitas" non quedan orfos de todo, porque ao tempo que desaparecen os locais de costume, xorden outros que semellan recoller a esencia das tabernas mariñeiras. É o caso do Áncora, coñecido xa como "a de Cardama", aberto recentemente. Se no fose pola rechamante cor das paredes e o servizo de wi-fi, ao entrar alí, un tería a impresión de adentrarse na vella "Escameira", a taberna que décadas antes ocupou o mesmo lugar. O segredo para atraer a clientela, un viño novo tinto a bo prezo.