Os "extras" de Dorna, durante a rodaxe en Sálvora (imaxe collida do blog de Dorna) A través do blog da asociación cultural Dorna , imos coñecendo detalles da rodaxe de Mar libre , un filme ambientado no século XVIII, dirixido polo monfortino Dani de la Torre. Mar libre ten como contexto a chegada dos industriais cataláns á costa galega e narra a historia do capitán Anxo Estrada, fillo dun mariñeiro, que volve á súa aldea natal despois duns anos de ausencia, e decide rebelarse contra as inxustizas provocadas por un desapiadado empresario. A película está sendo gravada en escenarios de Carnota, Redondela, Muros e Sálvora, entre outros, e conta coa participación de extras coñecidos: as embarcacións e os tripulantes da Escola de Navegación de Dorna. Mar Libre está producido por Ficción Producciones en colaboración coa Televisión de Galicia, e probablemente se emita como miniserie.