Publicacións

Cabezudos

Imaxe
Cabezudos pola actual Avenida Castelao, a comezos dos 50, aproximadamente Había tres ou catro que non saían os cabezudos na procesión do "Corazón de Xesús". O pasado domingo, e logo dun proceso de restauración, as cinco figuras de cartón pedra volveron ás rúas a alegrar -ou asustar, sempre hai algún que chora- os nenos. É curiosa a fusión de elementos relixiosos e pagáns que se produce nesta celebración relixiosa, que mestura a procesión dun santo co desfile dos cabezudos. Este tipo de figuras, e tamén os xigantes, están presentes nas tradicións lúdicas de moitas culturas, e na Arousa gozaron de moita popularidade noutros tempos. Sería interesante recuperalos tamén para as festas populares.

O cartel, e a web das festas do Carme

Imaxe
Por petición popular, aquí teñen pendurado o cartel das festas do Carme, xa exposto nos bares da Arousa. A novidade deste ano é que, por primeira vez, se pode consultar a programación en internet, na web oficial festasdocarmeilla.com

O vento obriga a interromper a Volta á Arousa

Imaxe
A XXV Volta á Arousa rexistrou unha participación récord de dornas De volta, despois dunha regata ventosa e accidentada A 1ª edición da Volta á Arousa en bici acompañou por terra a regata A Volta á Arousa, a regata coa que se iniciaron a mediados dos 80 as competicións deportivas de dornas a vela, non puido completar o percorrido da edición 2009 debido ao forte vento. A saída produciuse segundo o previsto, no Bao, cunha participación récord de 62 dornas. Pero o forte vento dificultou dende o comezo a navegación; houbo de todo, dornas que foron ao fondo, ou que estiveron a piques, e paus que partiron. Antes de que as primeiras embarcacións chegaran á altura de Carreirón, a organización decidiu suspender a regata. A celebración do 25 aniversario da Volta á Arousa continuou en terra coa merenda de rigor, en merecida recompensa polos traballos pasados. Este ano, por primeira vez, paralelamente á regata celebrouse a Volta á Arousa en bici.

Xa abriron os chiringos

Imaxe
O chiringo da Lavanqueira, hai uns días Como é costume, contra o San Xoan volven os chiringos ás praias máis concorridas da Arousa. A liña de costa que vai do Bao a Xastelas concentra a maioría deles, de diferentes ambientes e para todos os gustos.

As alfombras, un ano máis

Imaxe
A alfombra do "Sacramento", no Campo Primeiro foron as confirmacións, logo as comuñóns, e este domingo tocoulle ao "sacramento". Dezaoito matrimonios da Arousa celebraron os seus 39 ou 40 anos de casados nunha cerimonia colectiva, cuxa parte pública máis vistosa foi, como sempre, a exhibición dunha alfombra de sal e flores no Campo. Este tipo de celebracións relixiosas, que van marcando os ciclos da vida das persoas, están moi enraizadas entre a poboación insular.

O pombal do cura

Imaxe
Antigo pombal de construción cilíndrica O da horta do cura é probablemente o único pombal de construción tradicional que existe na Arousa. Este tipo de edificacións eran comúns nas casas reitorais e nos pazos galegos, xa que tanto o custe da construción como a cría de pombas non estaban ao alcance do labrego común. Como poden ver, o pombal atópase nun bo estado de conservación.

Alta abstención dos arousáns nas europeas

Imaxe
Nestas eleccións só acudiron ás urnas o 58,7% dos votantes Resultados provisionais comparados das eleccións europeas no 2009 e 2004. Fonte: MIR As altas porcentaxes de participación que habitualmente rexistra a Arousa nas eleccións, en torno ao 85%, baixan ata a metade do censo nas europeas. Se no 2004 só votaron o 59,7 dos electores, este ano a cifra aínda descendeu un punto máis: 58,7. Os arousáns non senten que as eleccións europeas vaian con eles, a pesares de que no Parlamento Europeo se tomen moitas decisións que afectan á vida diaria dos veciños, como os asuntos de pesca. As imaxes mostran os resultados provisionais das eleccións, publicados polo Ministerio de Interior: o PSOE mantén o seu liderato co 49,7% dos votos, aínda que perde papeletas. A segunda forza, o PP, sobe do 33,3 ao 36,8%, e o BNG tamén perde votos ao pasar do 13 ao 9,3%. Os 40 votantes de Esquerda Unida seguen fieis ao partido e UPyD case consegue xuntar unha ducia de papeletas. Curiosamente, tamén recibiron ...