Publicacións

En preparación un libro sobre o Entroido arousán

Imaxe
Unha obra de Antonio Millán O artista Antonio Millán anda a traballar no próximo lanzamento dun libro sobre o Entroido da illa. Boa parte da edición completarase cunha selección coidada de fotografías, ademais de entrevistas a xente que participou nas comparsas e nas carrozas, unha recompilación de letriñas históricas do Entroido carcamán e curiosidades sobre as tradicións carnavaleiras no mundo. Xa estamos a agardar polo libro.

O blog do "ghrupo"

Imaxe
O blog do CEIP Torre comezou a súa andaina en abril do 2008 O CEIP Torre, coñecido popularmente como o "ghrupo", ten un xeitoso blog no que informa das actividades que se celebran no colexio, como a recente presentación do libro Os Bolechas no Con da Illa de Arousa. Ademais, pódense consultar imaxes dos traballos creativos do alumnado: a mostra de trompos decorados, as cabazas do Samaín e os murais da paz , entre outros. Tamén ten blog a Asociación de Pais e Nais , aínda que semella que non actualizan os contidos con tanta frecuencia. A comunidade educativa da Arousa ten unha destacada presenza no "blogomillo", só o instituto mantén unhas dez bitácoras, sen contar os blogs invididuais que fan os rapaces como parte das súas tarefas escolares.

Fomentando o consumo de peixe

Imaxe
A mascota Xan animou os nenos da illa a comer peixe Imaxes collidas da web de Pesca Xan, a personaxe creada pola Consellería de Pesca para fomentar o consumo de peixe entre os nenos, visitou o pasado 17 de marzo o Colexio Torre da illa. Segundo informan desde o departamento da Xunta, o alumnado realizou diversas actividades lúdicas e didácticas vencelladas co peixe, e recibiu material promocional da mascota: mochilas, camisetas, gorras e material didáctico, entre outros obsequios.

A escultura segue no seu sitio!

Imaxe
Imaxe da escultura do afogado, tomada o pasado verán Nos últimos días espallouse un falso rumor sobre a desaparición do afogado [Noticia rectificada] O afogado esculpido por Camilo Otero nun con do Aguiuncho non foi sepultado en cemento polas obras do porto do Chufre, tal e como publicamos neste blog. Parece ser que a escultura segue no seu sitio. Rogámoslles que saiban desculpar o erro, que nos obriga a unha reflexión sobre a necesidade de contrastar, sempre, as informacións. Pedímoslle tamén desculpas ao Concello, ao que acusamos de falta de sensibilidade, dando por bo o rumor de que a escultura desaparecera.

A arqueoloxía local

Imaxe
Escavacións no Areoso realizadas nos anos 90 Cerámica atopada no illote Areoso (Imaxes collidas do blog A pedra do encanto ) [Helena Domínguez] O xacemento máis importante aparecido na illa ata o momento é o cemiterio dos Bufos , descuberto en 1931 . Os terreos da necrópole, considerada da época romana, pertencen a propietarios privados, así que a zona aínda está pendente dun estudo arqueolóxico rigoroso. Parece ser que, entre outros achados, nos Bufos apareceron varias moedas imperiais e pezas de cerámica. Os restos non son visibles hoxe en día, xa que están cubertos de toxos e silvas, e probablemente pouco quedará deles despois de décadas de abandono e algún expolio. Tamén se atoparon construcións antigas nos Tarais e na Cova, pero tampouco foron postas en valor nin estudadas a fondo. Descoñécese a orixe dos muros que o mar deixou ao descuberto nestas praias. Os vestixios arqueolóxicos máis estudados son os do Areoso , onde se localizaron varias construcións funerarias da Id...

Talasonimia da Arousa

Imaxe
[Redacción. 17/03/09 ] 17/03/09 Aquí presentamos, por orde alfabética, a listaxe provisional e en construción permanente dos talasónimos da illa de Arousa. Poden deixar as súas achegas, críticas e ideas para completar a listaxe a través dos comentarios. A -Abilleira : praia. Tamén existe "Abilleira pequena". -Aguiuncho : praia. O nome provén de aguia -Aguillón , punta -Alcansón grande: fálase de "pedras do Alcansón". -Alcansón pequeno -Area da Secada: ( imaxe ) praia do norte da illa -Areoso: ( imaxe ) illote constituído maioritariamente de area, que pertence ao termo municipal da Illa de Arousa. Nel atopáronse restos megalíticos. -Arnela, punta: do latín, arenella. Denomínase así as praias situadas na desembodura dun río ou regato -Arruda , punta

Que é o proxecto talasonimia da Arousa?

Nos 36 quilómetros de costa da illa existen moitos lugares con denominación de seu. Os nomes das praias, dos cons, dos caladoiros, das masas marítimas, dos cabos e das zonas rochosas tamén forman parte do patrimonio de todos os arousáns. Foron eles os que, ao longo da historia, foron transmitindo eses nomes de xeración en xeración, como pequenos tesouros orientativos, pistas que resumen o saber popular sobre o lugar. Temos talasónimos referidos á fauna (aguiuncho, niño do corvo), a antigos usos (a salga), ao producto que se obtén deles (a praia do peixe), ás características da paisaxe (Areoso...). Tomando como inspiración a recente publicación do libro Talasonimia da Costa Sur de Galicia , do arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira, desde este blog propoñémonos recuperar e clasificar as denominacións que recibe o mar na Illa de Arousa, dunha xeito público e colectivo. Partimos dunha relación de 55 talasónimos, coa intención de ir ampliando e completando listaxe , coa colaboración, a tr...