Publicacións

Golpe de gracia de Pesca aos bateeiros

Imaxe
Descarga de mexillón no Chufre A revolta é inminente. Un bateeiro gaña hoxe a metade do que gañaba hai dez anos. A forte caída de prezos (o mexillón págase a 40 céntimos o quilo), os problemas de xestión do sector e o encarecemento dos custos sumiu nunha profunda crise aos bateeiros, que parece que van recibir o golpe de gracia desde a propia Consellería de Pesca. A nova Lei de Pesca, pendente de aprobación en calquera momento polo Consello da Xunta, prepara o terreo para a saída do sector dos pequenos produtores. En primeiro lugar, as bateas deixarán de ser transferibles entre familiares. En segundo lugar, e o máis preocupante para os implicados, tras trinta anos de actividade, a explotación sairá a concurso público sen que os propietarios que traballaron a batea de sempre teñan ningunha prioridade nin dereito de concesión preferente. Tendo en conta que a maioría das bateas da ría de Arousa teñen esta antigüidade, isto suporía a perda da concesión por parte dos actuais traballadores...

Unha nova singladura para Dorna

Imaxe
A Escola de Navegación Tradicional de Dorna súmase á comunidade blogueira con esta bitácora na que nos informan das súas actividades. Agora no tempo de invernación das dornas, andan atarefados coa reparación das embarcacións, nunha nave prestada en Vilaxoán. E en xullo, participarán no Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais de Brest , de momento xa recibiron a visita dunha televisión francesa.

Desde Vilagarcía, con amor

Imaxe
Ao señor Silveiro de Vilagarcía, que hai cen anos lle dirixiu esta amorosa postal a unha Carmencita ou "Carmiña" de Madrid, xa non lle importará, a estas alturas, que reproduza un cacho da súa intimidade. O interese desta tarxeta non reside unicamente nas súas palabras, senón tamén no uso da cor e na escena que reproduce. ¿Que estaría a mirar toda esa xente na Marina, unha regata, unha procesión?

Postais antigas

Imaxe
Nos mercados de artigos de segunda man, antigüidades e coleccionistas, e tamén en diferentes sitios de internet, é posible atopar postais antigas como estas de Vilagarcía de 1910, con paisaxes recoñecibles pero moi cambiadas. Tamén se encontran con facilidade postais de Carril, de Cambados, do Grove e mesdo da illa de Cortegada, aínda que non tan antigas nin en tanta variedade como no caso da vila. Da Illa simplemente non existen (se alguén sabe dalgunha, agradécese a información), as primeiras postais que se imprimiron deben ser dos anos 70. Por certo, as postais de Vilagarcía que se amosan aquí, están á venda en Numisjoya .

Aproveitando o vento

Os surfeiros non terán queixa desta Semana Santa ventosa. Aquí temos un vídeo de hai uns días, no Bao, lugar habitual para a práctica do windsurf.
Imaxe

Os resultados

Imaxe
Táboa dos resultados electorais na Illa, elaborada polo Ministerio do Interior O colexio electoral do "campo de pau", na tarde das eleccións O "grupo escolar" (na imaxe) e mais o concello acolleron os outros dous colexios electorais cos que conta a Illa