Publicacións

O dereito a saber

Imaxe
Baixo o título “O dereito a saber, a liberdade de investigar”, van ter lugar no Grove unhas xornadas nas que se abordará como tema principal as dificultades e trabas –legais, sociolóxicas- que atopan os estudosos e difusores da represión franquista. Ademais de charlas, haberá proxeccións de documentais, entre eles, o filme “A derradeira lección do mestre”, que trata da represión que desde o 36 se exerceu en Galicia contra o corpo de mestres, a través do dilema que asalta a Fermín Bouza Brey, por entón xuíz de instrución na Estrada, obrigado a perseguir calquera "delito" do que tivera coñecemento. O programa completo está neste blog .

Loito

Imaxe
Loito, pena, dolor indignación, rabia, acción repouso, reflexión, serenidade... Adeus, Christian

As outras bateas

Imaxe
As bateas de mexillón son as máis habituais na nosa ría, pero non son as únicas. Velaquí unha pequena mostra. Esta batea modernísima -non é de madeira, como case todas as de mexillón- forma parte dun proxecto experimental da confraría do Grove para a cría de polbo. Está en augas mecas. Estoutra batea, visible desde a ponte da Illa mirando cara Cambados, acolle un posto de control marisqueiro da Xunta de Galicia, moi ben equipado tecnoloxicamente. Forma parte do plan de recuperación do banco marisqueiro do Boído. Todos os rañeiros que faenan nesta zona teñen que pasar pola batea a peneirar a ameixa. Por último, destacamos esta batea de Cambados, máis que pola ostra, que é o seu, pola curiosa solución que atopou o amo para facer a caseta.

As festas gastronómicas, unha fonte de financiamento

Imaxe
Hoxe domingo remata a última das celebracións gastronómicas do verán, a X Festa do "Pulpo". Todo comezou hai dezaseis anos, coa Festa do Mexillón, daquela, a única exaltación gastronómica existente. Logo virían a Festa do Polbo, a Festa dos Produtos do Mar e finalmente, a Festa da Navalla, a última en chegar ao calendario festivo. Este tipo de celebracións serven para dar a coñecer o marisco local e, sobre todo, para financiar as entidades culturais e deportivas da illa. Os clubs de piragüismo, baloncesto, ximnasia rítmica, o club de fútbol Céltiga e a asociación cultural Dorna altérnanse e comparten as labores de organización, implicando non só aos membros destas entidades, senón tamén a un gran número de veciños. Cortando os últimos raxos de polbo, no Campo

Camaxe, bandeira azul

Imaxe
A zona do Bao sufriu unha auténtica transformación coas últimas obras. Arranxouse o firme do aparcamento e instaláronse banbáns para os nenos. Un carril bici e unha pasarela de madeira discorren paralelos á praia, dende o comezo da ponte ata o Oasis. Hai un posto de socorrista, aseos, e duchas. Todos estes servizos e a calidade das augas valéronlle a concesión, por primeira vez, dunha bandeira azul á praia de Camaxe. Tamén a Area da Secada obtivo este recoñecemento. Aínda así, algúns turistas lamentan que a auga está moi fría –certo é, como en todo o Atlántico- e que os seixos e os “ghinchos” que presenta a area, de forma natural, magóanlles os pés. Algúns mellor sería que fosen á piscina. Pasarela de madeira á beira da praia Posto de socorrismo, con aseos. O carril bici, en morado

As aceñas, no Youtube

No YouTube hai cada vez máis vídeos relacionadas coa illa, desde filmacións de despedidas de solteiro e de festas varias, ata travesías a nado ou windsurfeiros. Este vídeo que recollemos aquí mostra imaxes das aceñas, un fermoso muíño de mareas, testemuño da importancia que as actividades agrícolas tiveron noutra época. Ademais deste, na illa hai aínda outro muíño de vento. Ambos os dous son de difícil acceso, por ser de propiedade privada .

Desfeitas nas casetas de Carreirón

Imaxe
Caseta de avistamento de paxaros, en Carreirón Vista desde a caseta Este verán, Carreirón luciu novas casetas de madeira, despois de anos de abandono destas instalacións. Esta especie de refuxios, estratexicamente situados para agardar o avistamento de paxaros, levan moito tempo instalados no parque natural, pero sofren continuamente actos de vandalismo. Hai unha semana apareceu case desfeita unha das novas casetas, a situada preto da praia dos Espiños, fronte á zona de marismas chamada popularmente “augas quentes”.