Buscar neste blog

12 de nov. de 2007

7 de nov. de 2007

Conversa real

De dorna a dorna, no medio do mar:

-E vós de onde sodes?
-Da Arousa
-Ah, carcamáns, xa se vos ve na cara, que tedes a cor do camarón
-E “lo”, de onde sodes vós?
-Nós somos caliveras
-De Vilanova, xa se vos nota, que tedes a cor das cebolas

(para que logo digan que os da Arousa e os de Vilanova non se levan)

O balance turístico

A oficina de turismo das Laxes, que este ano estivo aberta por primeira vez no mes de outubro, pechou a tempada coa visita de 22.000 persoas, a maioría procedentes do País Vasco, Cataluña, Valencia e Madrid, de acordo co balance oficial. Os aspectos da illa máis valorados polos turistas foron a paisaxe, a gastronomía e “a ruta dos cons”. Este itinerario turístico comezou a promocionarse o pasado verán, cun xeitoso folleto que propón unha visita ás pedras e aos cons máis característicos da Arousa. Parece que gustou.


Portada do folleto turístico


Páxina interior

6 de nov. de 2007

Tres reloxos públicos

O reloxo da caixa de aforros, visto desde o mar

O reloxo da igrexa


O reloxo de sol do faro

Na illa hai tres reloxos públicos, de distintas épocas, e diferentes entre si. O máis orixinal é o reloxo de sol gravado nun con a carón do faro. O desgaste da pedra non conseguiu borrar as liñas, pero precisa unha restauración. Os outros dous aparellos de medir o tempo son o da igrexa que, segundo fontes orais, “debe de ser de canda a chegada do cura Don Olimpio”, é dicir, dos anos 50; e o da caixa de aforros, que debe ter tantos anos como o edificio no que está, construído entre finais dos setenta e principios dos 80.
O reloxo da caixa de aforros pasa desapercibido desde terra -a mellor vista tena desde o mar– pero non así a súa melodía, que fai sonar a cada hora, coas súas correspondentes badaladas, o "Negra sombra".

3 de nov. de 2007

As aghachadas

Continuando co tema dos xogos populares, outro clásico do camiño é xogar “ás aghachadas”, un enredo de sobra coñecido por todos, que tamén ten as súas particularidades locais. O xogador que chega á parede sen ser visto, ten que berrar “coito” para indicarlles aos demais, e sobre todo ao que lle tocou contar, que está a salvo. O uso desta palabra, de varios significados, desconcerta aos alleos na materia. O dicionario de galego só recolle a acepción relacionada coa cópula, pero no dicionario da lingua portuguesa figura “coito” como sinónimo de “couto”, que pode significar “refuxio”. Aí está a explicación.

Patos urbanos



A degradada zona comprendida entre o Regueiro e o Portiño non semella un lugar apropiado para que aniñen paxaros, e con todo, foi o sitio elixido por unha parella de patos en liberdade para deixar a vida de nómades. Asentaron no paseo marítimo situado tras a casa de “chiquita”, e cos coidados e mimos dunha veciña, foron reproducíndose felizmente ata formar unha familia que agora anda polos 20 membros. Cada patiño ten un anel na pata que identifica a súa procedencia.

2 de nov. de 2007

Defuntos

Algún día, moitos de nós acabaremos aquí, no hotel Palmeira

Quixo a casualidade que o 1 novembro, Día de Defuntos, morreran tres persoas da Arousa, todas elas de avanzada idade; ao insólito da cifra en tan curto espazo de tempo, houbo que sumarlle hoxe un cuarto falecemento, tamén dunha persoa maior.

28 de out. de 2007

Sor Aurora

O 29 de outubro fanse cinco anos da morte de Sor Aurora, unha relixiosa que formou parte da primeira comunidade de monxas que se estableceu na illa, en 1971. Nunha vila carente dos máis elementais servizos sociais, Sor Aurora alternou as súas obrigas pastorais coa posta en marcha de proxectos de atención á poboación, desde actividades de formación para as rapazas -clases de mecanografía-, á creación dunha gardería infantil ou unha silandeira rede de apoio ás familias máis desfavorecidas. Se algo caracterizou a súa vida foi a discreción, e así morreu tamén, como un paxariño. Probablemente nunca imaxinou nin soñou homenaxes, pero velaí a está por desexo popular no atrio da igrexa, tal e como a concebiu o escultor César Lombera, o mesmo que fixo as famosas “Marías” da Alameda de Santiago.

Contra a salitre, cunchas de vieira

Desta casa, faltou por mostrar a fachada recuberta de cunchas de vieira, unha solución da arquitectura popular para protexer as paredes da salitre e da humidade. Esta non é a única vivenda da illa na que se utilizou esta técnica, pero quedan poucas.

27 de out. de 2007

Trompos ao camiño

Brinquedia celebra o 9 de novembro o “Día do Peón”,
para tratar de recuperar un xogo que se asocia ao
patrimonio oral e ao ludismo universal.

Como en cada vila que presuma de tradición, na illa os trompos teñen unha linguaxe e unhas normas de seu. O xogador carcamán distínguese polo costume de cortar o cu do trompo, largar de punta e xogar en grupo ao “risco”, trazando un círculo no chan . O vencedor moral sempre é o que máis “chochas” fai, é dicir, o que consegue impactar o seu trompo contra o do compañeiro, deixándolle a marca na madeira.
Aos trompos máis grandeiros e gordos chámanlles “vacas”, logo están as "cebolas", de menor tamaño que os anteriores, e os pequeneiros son as “piorniñas”. A corda de enrollar é o “liñón”, e a forza de xiro do trompo é a “escorrendela”. Por exemplo, se largas o trompo e non baila, pódese dicir “non me colleu escorrendela”.
É certo que este xogo de rapaces xa non goza do tirón que tradicionalmente tivo nesta época do ano, pero na illa aínda hoxe se poden ver algúns chabaliños xogando aos trompos nos camiños e no patio da escola. Non acontece o mesmo cos "tutelos", un enredo case extinguido que consistía en lanzar a través dun tubo cucuruchos de papel ou unha semente coñecida como "samugueiros".

22 de out. de 2007

Riasón

Riasón é unha praia desas que unicamente frecuentan os veciños do lugar, sen acceso asfaltado nin paseo marítimo, na que amarran unha chea de dornas e na que os mariñeiros aínda poden ter os seus galpóns para gardar os aparellos. Eugénio Outeiro, que tamén fai poesía coa fotografia, chámalle a “cara B” da illa. Unha xenuina cara B que ten os días contados...
Non tardarán en comezar as obras da nova estrada de acceso ao porto do Chufre, que discorre por esa zona.

As casotas de madeira dos mariñeiros

Os caprichos do mar na terra, xa contra O Bao

En Riasón amarra unha dorna que leva o seu nome

18 de out. de 2007

Unha benvida estratéxica

O Santo é, sen dúbida, un lugar estratéxico para darlles a benvida aos visitantes. Sen embargo, o autor non estivo moi fino na ortografía...

A fábrica de Goday

Fotomontaxe a partir das imaxes do artigo de Celtiberia

A conserveira de Goday, considerada a primeira fábrica moderna de Galicia, ten sido obxecto de estudo de varios investigadores. En Celtiberia hai pendurado un completo e documentado artigo sobre a historia desta factoría, no que se ofrecen todo tipo de detalles sobre o modo de produción, a maquinaria ou o persoal. Cita como fonte principal a obra inédita Notas para o Museo da Conserva, A Illa de Arousa, de Juan Fernández Casal, quen traballou durante oito anos para a familia Goday.
A ver que nos depara o anunciado "centro de interpretación das conservas".

17 de out. de 2007

Outra forma de mirar

Aínda que o punto forte da illa reside no seu patrimonio natural, tamén podemos encontrar beleza na súa paisaxe urbana. Ás mostras de construcións populares (os cruceiros, os muíños de vento e de mareas, os lavadoiros de Palmeira e do Río, algunha fonte, algún pombal...), temos que engadir outros detalles de arquitectura urbana e industrial máis recentes, que destacan pola súa orixinalidade e espertan o interese dos curiosos.

A chimenea da antiga fábrica do Charco

As reixas das fiestras do Triskel


As fiestras desta casa, na rúa Palmeira


Este edificio de pisos no Chufre, construido recentemente, ten na fachada un escudo coa data de 1947. ¿Alguén dos que visita este Universo coñece o seu significado?

12 de out. de 2007

A revista Dorna, en pdf

Portada do verán 2007

A asociación cultural Dorna retomou no 2005 a labor de publicar unha revista do mesmo nome. Dende entón, levan sete números editados, con contidos diversos nos que predominan os artigos locais sobre temas marítimos, históricos e ecolóxicos. Trátase dunha publicación de 28 páxinas que se distribúe de man en man, e que presenta en cada número unha portada diferente. Xa está en preparación a próxima edición, a terceira deste ano. Mentres non chega ás nosas mans, podemos consultar na rede, en formato pdf, a última entrega.

11 de out. de 2007

Para cando dimisións en Opmega?

Descarga de mexillón no peirao do Chufre

A creba da depuradora Megalmar –cunha débeda superior a 600.000 euros en catro anos de actividade- é o colofón a unha nefasta xestión de Opmega, a maior organización de produtores de mexillón de Galicia. A xunta directiva, enfrontada internamente por obxectivos alleos aos intereses do sector, foi incapaz de facer fronte a unha maior complexidade do mercado (competencia estranxeira, caída do prezo do mexillón, descenso das vendas...), perdendo no camiño os cartos e a confianza dos bateeiros. Megalmar é unha sociedade limitada unipersonal, cuxo único socio é Opmega, así que agora tócalles aos productores asociados sanear as contas. A ver cando deciden tamén sanear os seus dirixentes.

27 de set. de 2007

A fotoxenia da Arousa


Desde Francia, alguén colgou este vídeo sobre a Arousa, que mostra tres minutos de sucesión de imaxes -algunhas antigas, como as da construción da ponte- con música relaxante de fondo (rechouchío de paxariños e son de auga incluídos).

25 de set. de 2007

O Chopo

O Chopo, en distintos momentos,
no seu lugar de sempre


Apareceu un día no Chufre, desahuciado por algún amo sen escrúpulos. Dende entón, e xa hai anos, forma parte da paisaxe do porto. O “Chopo”, tal e como o bautizaron os que o coñecen, dorme acurrunchado contra o colector do lixo, chova ou vente, e come do que lle dan os veciños. Escoitei nunha ocasión unha conversa na que se falaba de facerlle unha caseta. “A este can poslle unha caseta, e seguro que continúa durmindo á intemperie”, contestou un. E se cadra, levaba razón...

19 de set. de 2007

Para ver e escoitar

Radio de Arousa incorporou novos temas orixinais á súa listaxe de cancións de temática arousá. Especialmente recomendable é a canción "Mártires de Arousa", na que se fai unha homenaxe con nomes e apelidos a todos os homes que foron asasinados e torturados na illa polos somaténs franquistas: Avelino Fuentes, Luis Castro Lojo, Paco Vázquez e Esteban Picón, entre outros.


Marcos Nine segue a explorar o audiovisual, esta vez coa curta “Soidade”, un filme experimental que está a concursar no certame Curtas na rede, e que precisa dos votos do público. Tamén ten un blog no que explica como se fixo este traballo.