Publicacións

Constituído o club de lectura Bibliarousa +

Imaxe
[Redacción] O club Bibliarousa + estréase coa lectura de Afirma Pereira , unha fermosa obra de Antonio Tabucchi, ambientada historicamente na Lisboa da dictadura salazarista. Coa escolla deste título, quedou constituído, o pasado mes de xaneiro, o primeiro club de lectura de adultos da Arousa, unha iniciativa que partiu da biblioteca do instituto e que secundaron, polo momento, cinco persoas. O club está aberto permanentemente á incorporación de lectores. A próxima cita será o 22 de febreiro, e terá como protagonista a un xornalista portugués, especializado en necrolóxicas.

O resultado da enquisa das infraestruturas

Imaxe
[Redacción] Escoller entre tres infraestruturas básicas non é fácil, tendo en conta que o ideal sería dispoñer das tres. Con todo, se hai que elixir, os lectores deste xornal decántanse pola construción dun novo centro de saúde, unha opción votada polo 45% dos participantes e moi igualada -con só un voto de diferenza- co polideportivo municipal. A casa da terceira idade, unha vella demanda dos xubilados arousáns, queda nun segundo plano fronte ás outras opcións. Na enquisa desta semana queremos saber o seu parecer sobre o trato que reciben as persoas homosexuais na Arousa.

Sons da Arousa: a subida da marea

[Redacción] Co son que fai a marea cando comeza a subir, presentamos unha nova sección de na illa , Sons da Arousa , un arquivo sonoro cuxa entrada directa atoparán na columna da dereita, á beira do Dicionario de Ausencias . O vídeo foi gravado en xuño de 2010 na praia do Portiño e captura o murmurio do mar, axitado polas forzas dos astros.

Anécdotas da motora

Imaxe
 A motora que transportaba viaxeiros entre a Arousa e Vilanova [María García] Cando se fala do pasado da Illa de Arousa, nalgún momento ten que saír o tema da motora, pois era o medio de transporte que nos comunicaba co mundo exterior. A motora, ademais das viaxes regulares, facía viaxes especiais, incluso a altas horas da madrugada, para trasladar a un enfermo, a unha muller que ía dar a luz ou ás orquestras que viñan amenizar os bailes. De seguro que todos temos algunha anécdota relacionada coa motora.

O aceite da Illa

Imaxe
[Susi Rial] Hai unhas semanas coñecíamos que a Illa é un dos concellos que máis aceite reciclou durante o último ano. E iso é posible grazas a este contedor, situado na Avenida da Ponte, que case pasa desapercibido entre os outros recipientes de orgánicos e plásticos. Botar aceite polo vertedeiro é un dos xestos máis nocivos para o mundo mariño. A meirande parte da poboación coñece moi ben isto, pero non todo o mundo pode ir expresamente ata a Avenida da Ponte a levar botellas con aceite usado. Tanto na Illa como no resto dos concellos, este tipo de recipientes escasean. E, en moitos deles, nin sequera dispoñen do primeiro.

Unha pintada reivindicativa

Imaxe
[Susi Rial] Un grupo cada vez máis numeroso de arousáns é afeccionado á práctica do tenis. A imposibilidade de que este deporte se poida practicar na Illa provocou a aparición desta pintada, nun lugar que non semella ter sido escollido ó azar. Trátase dun cartel do "Plan E", situado na Rúa Con do Moucho. O "Plan E" foi lanzado tempo atrás polo goberno para reactivar o emprego, pero para moitos non foi máis que unha operación de maquillaxe, porque as obras que se levaron a cabo, ou se trataban dun simple arranxamento, ou simplemente non se realizaban, como sucede no lugar da foto. A pintada demostra que a poboación ten necesidades nas que as autoridades moitas veces non reparan. Porque ben que se nos di que practiquemos deporte, pero onde?

As mariscadoras financian a semente cunha cota mensual

Imaxe
Baldes nunha xornada de seca [Redacción] Tal e como revela a entrevista co patrón maior , o descenso das capturas é un dos principais desafíos aos que deben enfrontarse os mariscadores na actualidade. Na práctica, este problema tradúcese na necesidade de mercar a cría da ameixa e de sementala nas praias. A gravidade da situación empuxou ás mariscadoras, un colectivo que na Arousa agrupa unhas 300 mulleres, a abonar unha cota mensual de 10 euros para financiar a compra da semente. O fondo común creouse o pasado mes de xuño e supón un novo esforzo por parte das sequeiras para continuar vivindo do seu oficio. Nas seguintes ligazóns, poden consultar algunhas das iniciativas que emprenderon: - A revolución das sequeiras (2007) - A condena de vixiar as praias (2009) - O mantemento do Chufre (2010)