Publicacións

Clásicos gastronómicos do Chufre

Imaxe
Mexillóns "tigre", sardiñas asadas e navallas, tres clásicos do verán arousán A festa do mexillón presentou por 1ª vez no seu repertorio as vieiras Tanto ten se se trata da festa da navalla, da festa do mexillón ou da exaltación dos produtos do mar. As carpas gastronómicas do Chufre ofrecen cada fin de semana de agosto un menú similar que inclúe mexillóns tigre, sardiñas asadas, navallas, polbo á feira e ameixas á mariñeira, entre outros. Só a festa do mexillón ofreceu un prato exclusivo e novidade deste ano, as vieiras recheas con mexillóns. Moi boas, por certo.

A pasante

Imaxe
As pintadas brancas nas columnas indican a localización da pasante Navegar baixo a ponte dun lado a outro require certos coñecementos marítimos, debido á escasa profundidade do mar nesa zona do Bao e o conseguinte risco de encallamento. De todos os puntos polos que pode atravesar un barco, existe un idóneo, que os mariñeiros coñecen como “a pasante”. Marcada con dous sinais brancos en cadansúa columna, a pasante coincide co punto de maior elevación da ponte e reúne o calado suficiente para que poidan navegar lanchas e pequenas embarcacións independentemente dos diferentes niveis da marea. Así e todo, os barcos de gran envergadura, como os bateeiros, deben agardar a media marea para pasar e ademais de ter coidado en non tocar coa quilla no fondo, deben prestar atención á altura da ponte, para evitar bater coas grúas contra a plataforma viaria. Nas mareas vivas de decembro, o lombo do Bao queda en seco e a navegación na baixamar é imposible para calquera embarcación, mesmo na pasante.

A vista de paxaro, 40 anos atrás

Imaxe
Imaxe aérea da Arousa, tomada en 1968 (fotografía propiedade do diario ABC) A dixitalización de vellas revistas e xornais e a posibilidade de acceder libremente ás hemerotecas a través da rede abre novas vías para a obtención de recursos e documentación sobre o pasado da Arousa. A vista aérea que reproducimos aquí foi publicada no semanario Blanco y Negro en 1968, e está dispoñible para a descarga baixo certas restricións. Na revista, a imaxe orixinal vai acompañada dun pé de foto que dá conta da existencia de 105 fábricas que empregan a 10.000 produtores. Como pode ser que nese tempo traballasen nas conserveiras o dobre de persoas que a poboación actual da Arousa?

A regata do Bao levanta expectación

Imaxe
As dornas, preparadas para a saída Na Regata do Bao, o aparellamento da dorna forma parte da competición Moitas persoas seguiron desde a praia o embarque dos tripulantes nas dornas O pasado 22 de agosto celebrouse na Arousa a Regata do Bao, a última competición do calendario estival de dornas a vela que ten lugar en augas carcamanas. A proba contou coa participación de case 40 embarcacións, entre as que se proclamou vencedora a dorna Bazarra, tripulada por dous veteranos navegantes. A espectacularidade da regata, a única da súa clase con saída desde terra e na que o aparellamento das embarcacións forma parte da competición, congregou a un numeroso público na praia, que non quixo perder o emocionante comezo da regata. As seguintes citas para os dorneiros da ría de Arousa son a Regata do Albariño, que se celebrará o 12 de setembro en Cambados, tras suspenderse a convocatoria inicial debido ao vento, e a Regata do Marisco, prevista para outubro no Grove.

Os peóns gañan prioridade

Imaxe
Pasos de peóns recén pintados no Cruceiro As estreitas rúas do centro urbano da illa contan con novos pasos de peóns que lles outorgan prioridade aos viandantes nos cruzamentos.

Caracolas versus caramuxos

Imaxe
Unha caracola (abaixo) e un caramuxo cocidos Os caramuxos son moi apreciados no mercado, as caracolas non Aínda que son semellantes, caracolas e caramuxos non admiten confusión, nin no aspecto externo nin no sabor. Os caramuxos teñen a cuncha negra e, unha vez fervidos, teñen un gusto doce e fino. A caracola ten un sabor máis salgado e mesmo cun lixeiro toque picante, así que o seu valor comercial é escaso. De caracolas están os cons cheos, pero os caramuxos escasean, así que quen dá con eles, garda o segredo do lugar coma quen ten un tesouro.

Compañeiros de toalla

Imaxe
A pulga de mar é un crustáceo moi abundante nas praias da Arousa. A pesares do nome , este simpático becho nin pica nin ten ningún interese polos humanos, dos que fuxe a saltos en canto se sente ameazado. Vive enterrado na area e aliméntase de algas e outros restos orgánicos.