Publicacións

Máis blogs do instituto

Imaxe
O IES Illa de Arousa non ten web oficial, pero si uns cantos blogs. Os dous que presentamos agora están relacionados coa práctica e o goce literario. BibliArousa quere ser un punto de encontro dos usuarios da biblioteca do “insti”, e Cóntoche un conto é o espazo no que os alumnos de primeiro de ESO do obradoiro de escritura penduran as súas creacións literarias.

Educación intercultural: A Illa e Senegal

Imaxe
“A Illa é un pobo que ten unha íntima relación co mar ao igual que Senegal. Senegal chámase o país da Teranga, a hospitalidade. Os habitantes da Illa son de tradición solidaria e cooperan entre eles, valores que se manteñen pola ausencia de comunicación directa co continente ata hai só 22 anos, en que se construíu a ponte”. Este extracto pertence ao proxecto educativo Kasumai , que establece pontes, a través da rede e do coñecemento mutuo, entre os rapaces arousáns e senegaleses. A idea naceu a proposta do profesorado do IES A Illa, que percibiu no alumnado unha actitude xeral de rexeitamento cara ás persoas de fóra. “Pareceunos moi importante poder estender esa solidariedade interna cara o exterior, tomando como referencia un país presente nos medios de comunicación pola chegada masiva de inmigrantes ás nosas costas”, explican na web. Un bo proxecto de educación intercultural, que tamén ten o seu blog .

Arte-reciclaxe

Imaxe
Andrés Pérez, no Chufre, vendendo as súas creacións nun día de verán Isto do “drap art”, o nome co que as vangardas artísticas contemporáneas bautizaron a reciclaxe creativa, xa o leva practicando Andrés Pérez, “o vaquilla”, dende hai anos na Arousa. Evolucionou da creación de artiluxios e disfraces de Carnaval con todo tipo de obxectos usados, ás pequenas esculturas con chapas de latas de bebida. No verán, Andrés monta de vez en cando un posto no Chufre e alegra os turistas que prefiren mercar agasallos máis orixinais que os típicos suvenirs que se comercializan nas tendas, eses pratos decorativos folclóricos e eses piornos de cerámica “Recuerdo de la Isla de Arosa” que son iguais en todas partes de Galicia. Ademais, Andrés tamén pinta.

Ela, ribeirinha

Imaxe
Baixo este título estreouse o pasado mes de febreiro nunha sala de cine de Barcelona a curtametraxe que o vigués Pedro Vila rodou na Arousa en setembro do 2006, con Pilar Bardem como actriz principal. Ela, ribeirinha dura dez minutos e conta a historia dunha muller de 75 anos, que todos os días agarda no mesmo con a volta do seu marido, teoricamente morto na Guerra do 36. A rodaxe foi todo un acontecemento na illa e contou coa participaron entusiasta de moitos veciños, sobre todo mulleres, que tiveron que repetir varias veces unha escena saíndo da igrexa vestidas de loito. A ver cando se proxecta na Arousa!

Golpe de gracia de Pesca aos bateeiros

Imaxe
Descarga de mexillón no Chufre A revolta é inminente. Un bateeiro gaña hoxe a metade do que gañaba hai dez anos. A forte caída de prezos (o mexillón págase a 40 céntimos o quilo), os problemas de xestión do sector e o encarecemento dos custos sumiu nunha profunda crise aos bateeiros, que parece que van recibir o golpe de gracia desde a propia Consellería de Pesca. A nova Lei de Pesca, pendente de aprobación en calquera momento polo Consello da Xunta, prepara o terreo para a saída do sector dos pequenos produtores. En primeiro lugar, as bateas deixarán de ser transferibles entre familiares. En segundo lugar, e o máis preocupante para os implicados, tras trinta anos de actividade, a explotación sairá a concurso público sen que os propietarios que traballaron a batea de sempre teñan ningunha prioridade nin dereito de concesión preferente. Tendo en conta que a maioría das bateas da ría de Arousa teñen esta antigüidade, isto suporía a perda da concesión por parte dos actuais traballadores...

Unha nova singladura para Dorna

Imaxe
A Escola de Navegación Tradicional de Dorna súmase á comunidade blogueira con esta bitácora na que nos informan das súas actividades. Agora no tempo de invernación das dornas, andan atarefados coa reparación das embarcacións, nunha nave prestada en Vilaxoán. E en xullo, participarán no Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais de Brest , de momento xa recibiron a visita dunha televisión francesa.

Desde Vilagarcía, con amor

Imaxe
Ao señor Silveiro de Vilagarcía, que hai cen anos lle dirixiu esta amorosa postal a unha Carmencita ou "Carmiña" de Madrid, xa non lle importará, a estas alturas, que reproduza un cacho da súa intimidade. O interese desta tarxeta non reside unicamente nas súas palabras, senón tamén no uso da cor e na escena que reproduce. ¿Que estaría a mirar toda esa xente na Marina, unha regata, unha procesión?