Publicacións

Venres culturais

Imaxe
O concerto do grupo Andrés Rivas Trío abre o 18 de xaneiro (salón de actos do concello, 23 horas) o ciclo “Classic Jazz Swing”, que terá continuidade nos vindeiros meses con máis actuacións de jazz. Esta serie de concertos está enmarcada na programación municipal “invernos culturais”, que propón espectáculos de concatocontos, música e maxia para as noites dos venres. O próximo 25 de xaneiro vén o Mago Teto. A entrada é gratuíta. Un dos magos que participan nos "Invernos Culturais" Outros espectáculos previstos: 1 de febreiro: Alberto Cunha, espectáculo de música e humor 22 de febreiro: o contacontos Cándido Pazó 7 de marzo: o mago Rafa 14 de marzo: o contacontos Oswaldo 4 de abril: espectáculo de variedades “Mesturas” 11 de abril: Concerto de Creole Kinds

Quedamos sen fonte

Imaxe
Así leva desde hai uns meses o sitio da fonte do Charco, desde que unha noite un coche se empotrou contra ela e houbo que retirar os cachos. A antiga construción xa non é recuperable, pero agardamos que para o seu lugar veña outra, é patrimonio público e auga na rúa a disposición de quen a precise.

Peixe fresco

Imaxe
Un par de corbelos limpos, listos para botar á tarteira Fanecas Unha maragota xeitosa Corbelos, fanecas e maragotas son algunhas das especies de peixe que podemos atopar todo o ano na praza (ou na porta da casa, se pasa a peixeira). Captúranse coas betas, os tramallos ou á liña. Denomínanse corbelos aos badexos pequenos, e o prezo do quilo anda polos dez euros. A maragota é algo máis barata ca os anteriores –custa un seis euros- ten máis espiñas, as escamas tamén son máis duras e, porén, a comida é máis branda. As fanecas andan polos cinco euros.

Tardes de inverno

Imaxe
Logo dun outono seco e dun comezo de inverno de tardiñas de sol, xa chegaron a tronada, o frío e as chuvias. Esta mañá mesmo asomou a saraiba. Aos previsores, que xa tiñan o estramio apañado, non lles colleu de sorpresa, por sorte para algunhas galiñas. Á quenturiña do sol, hai uns días De volta do piñeiral da Area da Secada Unhas que precisan estramio

Aínda queda o patrón

Imaxe
A iluminación de Nadal deste ano, no Campo Á parte da exaltación relixiosa, e de andar de bares da mañán á noite nada máis rematar as farturentas festas do Nadal, ¿podería, a celebración de San Xulián, converterse en algo máis? Ábrese o concurso de ideas.

Adxudicados os novos obradoiros

Imaxe
A sede do Obradoiro Nordés, en Testos Obradoiro de construción naval con poliéster. Imaxe collida desta web A convocatoria para cubrir prazas nos obradoiros de emprego que organiza o concello resolveuse hai unhas semanas, con alegría para uns e disgusto para outros. Máis dun cento de solicitudes para apenas cincuenta prazas amosan o interese que esperta esta actividade de formación remunerada (uns 900 euros mensuais), que inclúe módulos de albanelería, carpintería, construcción naval, xardinería e canteiría. Os obradoiros, dirixidos principalmente a mulleres novas, ofrecen a oportunidade de aprender un oficio en horario de mañá e traballar na recuperación e no coidado do patrimonio público. Un caramelo que todos queren nunha vila na que o emprego para as mulleres, máis alá da precaria hostalería, escasea.

Carteis para a reflexión

Imaxe
Hai unhas semanas apareceron pegados na rúa uns carteis que cuestionan a construción como estratexia de futuro para o desenvolvemento da Arousa, unha crítica imaxinativa que convida aos veciños a opinar no enderezo illaopina@gmail.com .