Publicacións

A fotoxenia da Arousa

Imaxe
Desde Francia, alguén colgou este vídeo sobre a Arousa , que mostra tres minutos de sucesión de imaxes -algunhas antigas, como as da construción da ponte- con música relaxante de fondo (rechouchío de paxariños e son de auga incluídos).

O Chopo

Imaxe
O Chopo, en distintos momentos, no seu lugar de sempre Apareceu un día no Chufre, desahuciado por algún amo sen escrúpulos. Dende entón, e xa hai anos, forma parte da paisaxe do porto. O “Chopo”, tal e como o bautizaron os que o coñecen, dorme acurrunchado contra o colector do lixo, chova ou vente, e come do que lle dan os veciños. Escoitei nunha ocasión unha conversa na que se falaba de facerlle unha caseta. “A este can poslle unha caseta, e seguro que continúa durmindo á intemperie”, contestou un. E se cadra, levaba razón...

Para ver e escoitar

Imaxe
Radio de Arousa incorporou novos temas orixinais á súa listaxe de cancións de temática arousá. Especialmente recomendable é a canción "Mártires de Arousa", na que se fai unha homenaxe con nomes e apelidos a todos os homes que foron asasinados e torturados na illa polos somaténs franquistas: Avelino Fuentes, Luis Castro Lojo, Paco Vázquez e Esteban Picón, entre outros. Marcos Nine segue a explorar o audiovisual, esta vez coa curta “Soidade”, un filme experimental que está a concursar no certame Curtas na rede , e que precisa dos votos do público. Tamén ten un blog no que explica como se fixo este traballo.

A estraña web do Concello

Imaxe
Pode ser que estea pendente de remodelación, ou que non sexa este o deseño definitivo, pero aínda así, chama á atención que o Concello da Illa lanzase á rede unha web oficial chea de imaxes que non corresponden á Arousa, e máis aínda, tendo en conta as facilidades que ofrece hoxe en día a fotografía dixital. A imaxe da cabeceira da web mostra un peirao que non é ningún dos da Arousa, a sección de liñas de autobuses aparece ilustrada cunha estrada descoñecida... pero ningunha destas imaxes sorprende tanto como a da policía local, representada graficamente cunha gorra da “police” británica de Merseyside.

A dorna, materia de ensino

Imaxe
Agora que bota a andar un novo curso é bo momento para recomendar esta unidade didáctica sobre a cultura marítima tradicional, dirixida aos alumnos de Secundaria. Trátase dunha ferramenta facilitada pola Asociación Cultura Dorna que permite traballar nas aulas catro bloques temáticos: situación xeográfica, sectores económicos (oficios e pesca), embarcacións tradicionais e a dorna, con contidos adaptados ao contorno arousán. Imaxe collida da unidade didáctica

Unha visión crítica da labor da prensa local

Imaxe
Bochornosa a cobertura que La Voz de Galicia , a través da súa delegación de Vilagarcía, está a ofrecer sobre o caso da morte de Christian Willisch, cunha liña editorial que semella dirixida a presentar unha Arousa, e en concreto a mocidade e os amigos da vítima, como unha panda de vultos de costumes primitivas e mafiosas. Hoxe domingo temos unha mostra nesta crónica sensacionalista na que se escolle para o titular a palabra “vendetta”. Se len a información, verán que en realidade é unha burbulla na que non hai nada de interese que contar á parte do gran despregamento policial, e unha sarta de rumores que nunca deberían constituír a base dunha noticia. Por outra banda, a crónica das protestas do xulgado , que publicaron días atrás, causou unha gran indignación entre moita xente da Arousa. O ton, totalmente desagradable, non pasa ningún filtro de rigor profesional e non aguanta as comparacións coas noticias que no mesmo día publicaron outros xornais . É certo que os rapaces perderon os ...

O dereito a saber

Imaxe
Baixo o título “O dereito a saber, a liberdade de investigar”, van ter lugar no Grove unhas xornadas nas que se abordará como tema principal as dificultades e trabas –legais, sociolóxicas- que atopan os estudosos e difusores da represión franquista. Ademais de charlas, haberá proxeccións de documentais, entre eles, o filme “A derradeira lección do mestre”, que trata da represión que desde o 36 se exerceu en Galicia contra o corpo de mestres, a través do dilema que asalta a Fermín Bouza Brey, por entón xuíz de instrución na Estrada, obrigado a perseguir calquera "delito" do que tivera coñecemento. O programa completo está neste blog .