[Redacción] A 40 céntimos o pequeno; 70 céntimos, o normal, e 85, o grande. Eis o prezo medio aproximado ao que os produtores están a vender o mexillón na actualidade. O prezo do molusco mantense en niveis aceptables e a demanda do mercado responde, logo da vaga de toxina que mantivo pechados a maioría dos polígonos de bateas o pasado mes de setembro. Os mexilloeiros reciben así un pulo, para pechar un ano que destacou pola crise do Consello Regulador do Mexillón, a institución encargada de implantar a denominación de orixe. Por unha banda, a Consellería do Mar recurtou a mínimos históricos o orzamento do Consello, cuxo principal gasto é o mantemento dos axentes controladores do produto nos peiraos; e por outra banda, o Tribunal Superior de Xustiza anulou o regulamento da denominación de orixe, sentenza que foi recorrida polo Consello e que agora mesmo está pendente de resolución. Con estas dúas frontes abertas, o sector encara un ano de incógnitas, sen unha visión unánime sobre o futuro. Na nosa enquisa, que rexistrou nesta ocasión unha baixa participación, un 50% considera que a situación mellorará no 2011, e outro 50% pensa que non.
Buscar neste blog
22 de nov. de 2010
21 de nov. de 2010
Garzas urbanas
[Susi Rial] Cada vez é máis habitual ver na beira do mar, nas praias preto das nosas casas, esta maxestosa ave. As garzas viven en bandadas nos cons preto de Carreirón. Pero vese que, de cando en vez, algunha se afasta do grupo, ou se extravía, e quizais animada pola presenza de outras aves como os patos, fica a vivir preto de nós. E iso é o estraño, porque, polo xeral, son animais esquivos que nin sequera gustan das miradas da xente pousadas nelas. Pero aí aparecen, dende o Chufre ata a Salga, cada vez dunha maneira máis frecuente. Adoitan estar dúas especies: a garzota común, máis pequena e de cor branco inmaculado; e a impresionante garza real, de cor agrisada e duns 90 centímetros de lonxitude. A cotío aparecen estáticas sobre un con ou nun peirao, ou cazando algunha presa que xantar, cando hai marea baixa. En calquera caso, semella que estas fermosas aves están descubrindo, ó igual que moita xente, o ben que se vive na Illa de Arousa.
19 de nov. de 2010
Un adianto sobre o 'Entroido na Arousa'
[Redacción] Logo de moito tempo de traballo, Antonio Millán ofrece o sábado ás 19.00 horas un adianto do libro "Entroido na Arousa", que el mesmo está preparando, en colaboración co fotógrafo Miguel Chazo. O acto consistirá nunha pequena presentación dos contidos e mais a proxección de fotografías, antigas e recentes, do Carnaval arousán. Os autores agardan que a obra poida estar lista para a venda nos vindeiros meses.
16 de nov. de 2010
Informe do Consello de Contas: a débeda
Fonte: Consello de Contas
[Manuel Suárez Nieto] Seguindo co resumo das últimas contas municipais fiscalizadas polo Consello de Contas, nesta ocasión, examinamos a débeda e mais o apartado referido ao resultado. O Concello da Arousa acumula unha débeda viva a longo prazo -basicamente herdada da segregación- de 1,3 millóns de euros, case 227 millóns das antigas pesetas. En canto ao resultado, foi positivo, como xa dixemos, froito dos elevados ingresos, fundamentalmente das transferencias e subvencións por habitante. En xeral, o do 2007 foi un orzamento froito da conxuntura económica e política do momento.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)