Buscar neste blog
23 de xuño de 2010
18 de xuño de 2010
Todos os nomes
A Consulta-O Cortixo
[Susi Rial] Adoita pasar na Illa que os donos non lles elixen os nomes ás cousas, senón que son os nomes os que os escollen. Ou, mellor dito, a xente. Aí está o caso do Cortixo. Quixo a casualidade que o seu local fose durante moitos anos a consulta do médico. E de aí, o bocadillo de pinchos sempre se foi buscar á Consulta e nunca máis ó Cortixo. Ou o caso do Saratoga. É un dos bares máis antigos da Illa e o seu polbo é moi apreciado entre os nosos visitantes. Pero os seus incondicionais sempre che proporán ir tomar unha chiquita ó Bar Suso. Mención especial merecen os bares atendidos por mulleres. Neses casos, os alcumes preferidos son os nomes de dúos musicais femininos, ó estilo de "As Ghrecas" ou "Asúcar Moreno". Por que ocorre isto? Quen sabe! Quizais é debido á nosa memoria colectiva, que nós mesmos asumimos como a maior das sabedorías. Por iso, cando a unha persoa de certa idade lle digas, "vou ata o Moucho", pode que che mire como se lle falaras en inglés. Mellor dille "vou á de Juanito Viñas". E o mesmo se vas ó Baka. Colle o atallo e dille "vou á do Capricho". E isto non ocorre só cos bares. Aí temos, por exemplo, o caso do Xufre; obviamos por completo o intento de "normativización" imposto e nunca puxemos en dúbida esa "ch". Por iso, cando alguén vén de fóra e pronuncia a forma que cre correcta, non podemos evitar miralo con certa dor, do mal que nos sona. Por non falar do Santo. Porque non é un santo. Trátase do Corazón de Xesús, é dicir, de Xesucristo. Polo tanto, deberíase chamar "O Cristo". Pero non. Nunca será O Cristo. O Santo é o Santo.
Muiñeira da Arousa
O grupo de Dorna, o Día das Letras Galegas
O grupo de música tradicional da asociación Dorna pecha o curso este domingo, cun festival que terá lugar no auditorio municipal, as 20.30 horas. Entre o repertorio, destaca a Muiñeira da Arousa, musicada por Dorna e composta de varias coplas recollidas da tradición oral carcamana. Como verán, as letras son comúns a moitas cancións populares galegas, pero hai unha estrofa, a última, na que se recolle a especifidade arousá, cun enfrontamento de "barbas" entre San Xulián, o patrón carcamán, e San Amaro, o patrón dos caliveras. O mellor será, claro, que a vaian escoitar en directo.
Muiñeira da Arousa
O gaiteiro de Saiar
foi tocar a Redondela
deixou a gaita no Grove
agora chora por ela
E véndeme os bois
e véndeme as vacas
e non me vendas
a cunca das papas [volta]
15 de xuño de 2010
O motor do Comaira
O motor, tal e como estaba no barco cando foi cedido para a súa restauración no 2008
O Barreiros Diesel do Comaira foi inscrito na Pobra en 1974
O resultado final, logo de tres semanas traballando nel
O galeón Comaira navegaba, na súa etapa de barco bateeiro, propulsado por un mítico motor Barreiros Diesel A90, que orixinalmente debeu pertencer a un camión, e logo foi adaptado para o mar, segundo o convencemento da persoa que o acondicionou. Nas imaxes poden ver o "antes" e o "despois" da máquina tras un proceso que requeriu un rascado profundo e aplicación de imprimación e de pintura. Tamén houbo que arranxar o enfriador, que estaba atascado.
O grupo de mozos arousáns que está a restaurar o antigo Comaira prepara para este verán varias actividades para obter financiamento e continuar coa posta a punto do barco. Quedan pendentes a montaxe do motor e a instalación eléctrica, para a que se precisan arredor de 3.000 euros, así como a construción da ponte e a dotación da vela, necesarios para devolver a embarcación ao seu estado orixinal. A vela para un barco destas características, cunha eslora de 12 metros, pode acadar un prezo de 6.000 euros.
O grupo de mozos arousáns que está a restaurar o antigo Comaira prepara para este verán varias actividades para obter financiamento e continuar coa posta a punto do barco. Quedan pendentes a montaxe do motor e a instalación eléctrica, para a que se precisan arredor de 3.000 euros, así como a construción da ponte e a dotación da vela, necesarios para devolver a embarcación ao seu estado orixinal. A vela para un barco destas características, cunha eslora de 12 metros, pode acadar un prezo de 6.000 euros.
O día dos matrimonios de longa duración
Os familiares dos matrimonios homenaxeados participan na celebración
A alfombra floral de costume, no Campo
Unha vez máis, toca deixar constancia da celebración, o pasado domingo, do "Sacramento", a festa relixiosa coa que os matrimonios da Arousa celebran os 40 anos de casados. Nesta ocasión, foron 14 as parellas que decidiron xuntar á familia á mesa con motivo das súas vodas de ouro, algunhas menos ca en anos anteriores (2008, 2009).
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)