Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta festas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta festas. Amosar todas as publicacións

9 de feb. de 2010

As comadres volven armala?

Comadres no baile do ano pasado

O venres comeza oficialmente o Entroido carcamán, cunha cita que xa se converteu en ineludible para as máis festeiras, a Cea de Comadres. Está previsto que acudan á cea-baile no Tamanaco un cento de mulleres. A estas alturas, as comparsas preparan os últimos detalles dos disfraces; a presentación pública terá lugar o domingo. Nalgunhas cociñas xa cheira a rosquillas.

17 de xan. de 2010

Quen paga as festas?

As vendas na lonxa están gravadas cun imposto festeiro,
tal e como se aprecia neste albarán

O financiamento das festas do Carme, a celebración máis importante da Arousa, corre a cargo da sociedade civil. Hostaleiros, empresarios, comerciantes, bateeiros e mariñeiros contribúen anualmente á organización do programa de festas con desiguais cotas, que poden dar lugar a siuacións inxustas. Dáse a circunstancia de que a comisión de festas adoita pedirlles ás agrupacións de mexilloeiros 60 euros por batea, unha cantidade similar á que achegan algúns bares, sendo estes os principais beneficiados das festas do verán.
Pero sen dúbida, o colectivo máis gravado é o dos mariscadores, que queira ou non queira, ha de destinar unha porcentaxe fixa de todas as súas vendas na lonxa ás festas. Esta especie de imposto revolucionario-festeiro permítelle á confraría contribuír á festividade do Carme con cantidades que se achegan aos 20.000 euros.
A xenerosidade da confraría é en realidade un lastre que carga directamente nos albaráns dos traballadores do mar e que dificilmente se podería aplicar noutras profesións. Alguén estaría disposto a destinar unha porcentaxe fixa da súa nómina ao divertimento colectivo?

10 de xan. de 2010

Igual que hai 50 anos

A procesión relixiosa contou coa participación do alcalde e do líder da oposición

Os gaiteiros animaron as rúas desde primeiras horas da mañá

A festa do patrón segue sendo unha celebración maioritariamente masculina


Aquí teñen algunhas das imaxes que nos deixou a celebración da festa patronal de San Xulián, o pasado 7 de xaneiro.

O recibimento dos Reis Magos

Unha lexión de carriños tomaron o auditorio

Os Reis Magos foron recibidos cunha serie de actuacións musicais

Pais e nenos abarrotaron o auditorio da illa o pasado 5 de xaneiro para recibir os Reis Magos de Oriente, que presenciaron dende o palco o espectáculo que as máis pequenas lles tiñan preparado.

26 de dec. de 2009

Escasa iluminación de Nadal

Alumeado de Nadal no Regueiro

Que o Concello anda mal de orzamento nótase tamén na iluminación de Nadal, que este ano escasea. O alumeado concéntrase na Avenida da Ponte e apenas hai ornamentación no resto das rúas. A decoración das palmeiras do Regueiro é unha das poucas concesións a unhas festas marcadas pola austeridade. Ata o alcalde deixou de enviarlles a tradicional postal de felicitación das festas aos veciños.

21 de dec. de 2009

O Nacemento


Xa ven o que pode dar de si unha tarde de domingo de inverno e unhas plastilinas: unha exclusiva felicitación de Nadal para todos os lectores deste blog.

21 de xul. de 2009

A festa da navalla, agardando polo bo tempo

Cartel promocional da festa da navalla, en San Miguel


Xa lle choveu o ano pasado, e nesta cuarta edición da Festa da Navalla semella que o tempo non vai ser moito mellor. Sexa como for, a organización ten preparados 1.600 quilos de navallas, que se servirán ao público na vindeira fin de semana, no paseo marítimo do Cantiño. Como de costume, a recadación irá destinada a financiar o deporte local. Neste caso, os beneficiados serán os grupos de baloncesto e piragüismo, que colaborarán no desenvolvemento da festa gastronómica.

Cantiga á patrona dos mariñeiros

Montaxe a partir do "libro das festas"

É habitual que durante a celebración do Carme se cante en repetidas ocasións, na misa e durante a procesión, o coñecido tema "Salve, reina de los mares". Pero desde o ano 2006, hai unha nova cantiga no repertorio, en galego, e de orixe carcamana. Aquí a teñen.

17 de xul. de 2009

O Alborada, na véspera

O nuevo Alborada, ás dez da noite no porto

O barco que este ano ha de levar en procesión a imaxe da Virxe do Carme, o Nuevo Alborada, permanece solitario e xa engalanado no porto do Chufre. Mañá, todas as miradas se dirixirán cara el.

1 de xul. de 2009

Cabezudos

Cabezudos pola actual Avenida Castelao, a comezos dos 50, aproximadamente

Había tres ou catro que non saían os cabezudos na procesión do "Corazón de Xesús". O pasado domingo, e logo dun proceso de restauración, as cinco figuras de cartón pedra volveron ás rúas a alegrar -ou asustar, sempre hai algún que chora- os nenos. É curiosa a fusión de elementos relixiosos e pagáns que se produce nesta celebración relixiosa, que mestura a procesión dun santo co desfile dos cabezudos. Este tipo de figuras, e tamén os xigantes, están presentes nas tradicións lúdicas de moitas culturas, e na Arousa gozaron de moita popularidade noutros tempos. Sería interesante recuperalos tamén para as festas populares.

30 de xuño de 2009

O cartel, e a web das festas do Carme


Por petición popular, aquí teñen pendurado o cartel das festas do Carme, xa exposto nos bares da Arousa. A novidade deste ano é que, por primeira vez, se pode consultar a programación en internet, na web oficial festasdocarmeilla.com

21 de xuño de 2009

As alfombras, un ano máis

A alfombra do "Sacramento", no Campo

Primeiro foron as confirmacións, logo as comuñóns, e este domingo tocoulle ao "sacramento". Dezaoito matrimonios da Arousa celebraron os seus 39 ou 40 anos de casados nunha cerimonia colectiva, cuxa parte pública máis vistosa foi, como sempre, a exhibición dunha alfombra de sal e flores no Campo. Este tipo de celebracións relixiosas, que van marcando os ciclos da vida das persoas, están moi enraizadas entre a poboación insular.

3 de maio de 2009

O Carme, o 18 de xullo

Pasarrúas en Semuíño, nas festas do Carme do ano pasado


Para os que preguntaban as datas das festas do Carme deste ano: do 15 ao 19 de xullo. O día grande, no que terá lugar a procesión marítima da Virxe do Carme, está previsto para o sábado 18. E na seguinte fin de semana, 25 e 26 de xullo, arrincan as celebracións gastronómicas, cunha nova edición da festa da navalla.

26 de feb. de 2009

As letras da Comparsita (2009)

EL Polvorete

XA ESTAMOS NOS CARNAVALES UN NOVO ANO.
CON NOVA XENTE
COMPARSITA ERAMOS POUCOS.
ESTE ANO INVADIRON VILANOVENSES
QUEN NOS IBA A DICIR FAI ANOS QUE CANTARÍAMOS,
TODOS UNIDOS
"CARCAMÁNS"-"CALIVERAS", XUNTOS NOS CARNAVALES,
¡VAMOS JODIDOS!!!!!!

AQUÍ ESTAMOS XUNTOS PARA BAILAR,
AQUÍ ESTAMOS XUNTOS PARA CANTAR
AQUÍ ESTAMOS XUNTOS PA CRITICAR
O QUE NOS PASA
QUEREMOS REÍR E PASALO BEN
QUEREMOS FALAR E ESCOITAR TAMÉN QUEREMOS DICIR
O QUE ESTÁ MOI BEN
¡¡QUE NON É NADA!!

A queima do liborio

O liborio deste ano estivo caracterizado de Hugo Chávez

A queima do Entroido, no Naval


O liborio deste ano, caracterizado de Hugo Chávez, percorreu na noite do martes as rúas da illa, antes de arder no Naval. Un grupo de viúvas escoltaron ao axusticiado durante todo o percorrido e choraron desconsoladas a terrible perda. Trala queima, houbo reparto de pan de millo.

25 de feb. de 2009

Orellas

Orellas caseiras


Fariña, ovos, azucre, manteiga de vaca, unhas pingas de anís e raspadura de tona de limón. Estes son os ingredientes das orellas, un dos doces tradicionais do Entroido máis gorentosos, sen desmerecer ás rosquillas.

22 de feb. de 2009

Cea de comadres



O Tamanaco acolleu o pasado venres, por terceiro ano consecutivo, a cea de Comadres, un ritual do Entroido só apto para mulleres, no que participaron 150 arousás. A festa rematou con barra libre e baile.

12 de xan. de 2009

Imaxes de festa

O patrón San Xulián saiu en procesión o 7 de xaneiro,
como manda a tradición


A decoración "kitsch" do bar Galeón

Este ano, a iluminación das rúas foi un pouco máis moderna
que as montaxes de “bombillas” de costume

A pesares do frío, aínda houbo quen se apuntou en Noiteboa ao botellón,
no banco de pedra da Casa do Concello

Os Carenas


A comparsa Os Carenas celebrou o primeiro de ano interpretando o seu repertorio polos bares. Aquí os temos tomando uns viños no bar Campiño, mentres cantan cancións populares galegas e algunha das súas composicións propias.