Buscar neste blog

21 de dec. de 2009

A babosa e a vermella resisten a crise

A lonxa da Arousa en plena actividade


As ameixas babosa e vermella son as que mellor están aguantando a crise, fronte ao estancamento da ameixa san, cuxo prezo non rexistrou a subida esperada para esta época do ano. Os mariscadores da Arousa están vendendo na lonxa o quilo de babosa a 18 euros, cando o resto do ano vai a dez euros, aproximadamente. Tamén a vermella, habitualmente a 5 euros o quilo, dobrou o seu prezo e está a comercializarse por dez. Pola contra, a ameixa san, a especie máis cara e a máis valorada no mercado, está a sufrir as consecuencias do forzoso abaratamento do menú de Nadal, que tira do molusco máis asequible. Así, a san mantense a 40 euros o quilo, cando o habitual é que nas vésperas das festas acade os 100 euros.

O Nacemento


Xa ven o que pode dar de si unha tarde de domingo de inverno e unhas plastilinas: unha exclusiva felicitación de Nadal para todos os lectores deste blog.

19 de dec. de 2009

Porsches no Chufre

Un dos Porsche que participaron na competición

Tal e como estaba anunciado, a Arousa converteuse esta tarde na meta dun rally de regularidade protagonizado por veículos Porsche de diferentes épocas. A proba partiu de Lalín e finalizou no porto do Chufre, onde se concentraron todos os automóbiles para que puideran ser vistos polos afeccionados ao motor.

9 de dec. de 2009

Os rueiros máis antigos

O cruceiro da Torre, nun dos barrios máis antigos da Arousa

O barrio da Torre e mais O Nicho, onde antigamente se atopaba a igrexa, son os rueiros máis antigos da Arousa, de acordo coas explicacións de Manolo Lojo na revista Dorna nº4. Segundo argumenta o historiador, nas forais de 1610 consta que o maior asentamento de vivendas da illa atopábase na Torre, próximo á casa da orde relixiosa e tamén ao cárcere. Ademais, había outras dúas casas xunto á vella e xa derruída igrexa, e algunhas máis espalladas polo resto do territorio insular. Xa no 1779, e seguindo cos datos de Lojo, o reparto de veciños por barrio era o seguinte:

-A Torre: 32 veciños
-Pedracerrada: 20 veciños
-Yglesia: 21
-Plaza: 18
-Salga: 17
-Cruzeiro: 15
-A Fonte: 12


Así, a finais do século XVIII, a Arousa contaba con 135 veciños, distribuídos en sete rueiros.

Os bolsos de Angelita

Imaxe captada da Televisión de Galicia

A arte de Angelita Dios, veciña de Pedraserrada, mereceu a atención dos servizos informativos da Televisión de Galicia, que lle dedicaron unha nova no telexornal mediodía de onte. Angelita fai bolsos a ganchillo con moita habilidade, pero a novidade é que os tece con plástico das bolsas dos supermercados.

30 de nov. de 2009

Chuchamel


Por que lle chamarán chuchamel, sendo como é tan agre?

28 de nov. de 2009

Pensando xa no aguinaldo

Unha pequena colección de chisqueiros


Agardemos que a crise non remate co bo costume dos bares e pubs da Arousa de darlles aos seus clientes un aguinaldo de Nadal. Os fumadores aproveitan a ocasión para facer provisión de chisqueiros, un agasallo que, ademais de ser práctico, pode chegar a ter un valor sentimental. Cando os lugares que promocionan desaparecen, os chisqueiros viran pezas de colección, cobizados testemuños de noites pasadas.

21 de nov. de 2009

Pensamentos contracorrente

Captura de pantalla do blog

Ramón Otero Oubiña, bateeiro da Illa de Arousa, mantén desde o pasado verán un blog denominado Pensamentos contracorrente, no que leva publicados algúns artigos interesantes sobre a situación do sector mexilloeiro. Para o blogueiro arousán, a competitividade, a cohesión e a rendabilidade do sector mexilloeiro están estreitamente vinculadas ás decisións da Consellería de Pesca, e relaciona os vaivéns do sector coa promulgación de leis, normativas e decretos.

19 de nov. de 2009

Como facer unha árbore xenealóxica

Libro do rexistro de Vilanova, de 1878

Se alguén ten a certeza de que seus avós e bisavós, da liña materna ou paterna, xa naceran na Arousa, facer unha árbore xenealóxica que recolla os antepasados ata o século XIX é relativamente fácil.
O máis importante é acertar cos apelidos completos e as datas correctas de nacemento de cada un dos descendentes. Pódese comezar cos datos dun avó, e de aí, solicitar unha copia da acta de nacemento no rexistro Civil de Vilanova (detrás do Concello). Este documento é unha valiosa fonte de documentación para reconstruír a historia familiar, xa que nel figuran nomes, anos e profesión dos pais e avós do inscrito, así como outros datos “secundarios” relativos ás circunstancias persoais. A consulta é de acceso libre e gratuíto, pero para obter resultados hai que levar sabido de antemán o ano exacto do nacemento, porque os libros vellos están organizados en tomos por anos, e sen dixitalizar.
O máis lonxe que se pode chegar no rexistro do Concello de Vilanova é ata 1870, ano no que se creou o rexistro civil español. Ademais, os documentos desta primeira etapa poden resultar difíciles de descifrar pola caligrafía dos rexistradores da época.
Para ampliar datos e guiar a investigación é de gran utilidade dispoñer de escrituras de propiedade antigas e consultar cos máis vellos da familia, que a miúdo gardan na memoria episodios familiares que só foron transmitidos oralmente.
Os que desexen continuar escarabellando na liña de ancestros, deberán dirixirse ao arquivo histórico diocesano de Santiago de Compostela e consultar o fondo parroquial da Illa de Arousa, que contén o rexistro de bautizados entre 1635 e 1885. Non é raro que no curso da investigación, vaian aparecendo ramas familiares procedentes do contorno xeográfico próximo e algún que outro pai descoñecido.

A solución

Unha das posibles vistas desde o piorno, a liña de costa entre
"Suas hortas" (onde está a casa branca) e a "Abilleira"

O camiño de acceso ao piorno, visto desde os cons da praia

Efectivamente, o piorno do gato está situado na Abilleira, á beira do mar, nunha zona non visible desde o camiño principal. En concreto, o lugar no que se atopa coñécese entre os veciños como "a punta" (da Abilleira pequena, contra Suas Hortas).

18 de nov. de 2009

Ghato na mó


De acordo co blog Hórreos da Illa de Arousa, na illa temos máis de sesenta piornos. Moitos deles están en lugares pouco visibles e só son coñecidos polos veciños inmediatos. Este que ven ma imaxe, con gato ao soliño incluído, podería ser un exemplo. Onde está?

13 de nov. de 2009

As importacións de mexillón foron impulsadas dende a Xunta

Descarga de mexillón no Chufre

O director xeral de Competitividade e Innovación da Consellería do Mar, Xoán Maneiro, vén de declarar que o complicado momento que atravesa o sector mexilloeiro galego é consecuencia das guerras internas do sector. Á marxe dos problemas organizativos que poidan ter os bateeiros, Maneiro semella esquecer que foi a propia Xunta de Galicia, a través de misións comerciais pagadas con cartos públicos, a que alentou a entrada do molusco chileno no mercado galego. Xa no 2003, o entón conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, encabezou unha delegación comercial a Chile, co obxectivo de atopar novos proveedores de mexillón, co argumento de que a produción galega non era capaz de satisfacer a demanda, tal e como se recolle nesta entrevista. O conselleiro incluso lles recomendou aos produtores chilenos que cambiasen o nome de “chorito” polo de "mexillón” para ter éxito no mercado.
Formaban parte daquela delegación, entre outros, o propio Maneiro, por entón director do Centro de Control do Medio Mariño, e Anfaco, a asociación de conserveiras liderada por Juan Vieites.

11 de nov. de 2009

A filmografía de Marcos Nine





O director Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) vén de estrear un blog no que reúne toda a súa filmografía. Entre os traballos que se poden visualizar en liña, figuran o documental Carcamáns(2003), que conta a loita dos mariñeiros da illa para frear o avance do chapapote do Prestige, ou a curta titulada Aarón (2009), gañadora do primeiro premio do IV Certame Curtas na Rede, na categoría de documental. Aarón é un neno de catro anos que fai unha sesión de fotos moi especial...

3 de nov. de 2009

O samaín máis arousán

De porta en porta, á procura do botín

Grupo de rapaces e rapazas pedindo, onte á mañá

Un ano máis, os rapaces da Arousa cumpriron coa tradición de ir pedir polas portas "unha limosniña polos defuntiños que van alá".

30 de out. de 2009

As rendas dos labregos á Igrexa

Fragmento da "renda de froitos" da illa de Arousa, do século XIX


O Ministerio de Cultura mantén na rede un interesante portal destinado á difusión do patrimonio histórico documental. Entre os arquivos dixitalizados que se poden consultar, figuran varios sobre a Arousa, como a carta do rei Fernando IV, pola que se lle concede ao mosteiro de San Martiño Pinario o privilexio de cobrar as rendas reais dos habitantes da illa de Arousa, coa condición de que os benedictinos manteñan acendida día e noite unha lámpada que o rei ordenou poñer na catedral compostelá. Do ben que a Igrexa levou as contas nos séculos sucesivos, dan fe os libros das rendas, tamén de acceso libre, nos que figuran por orde alfabética todos os pagadores arousáns, así como a cantidade de trigo, millo e centeo que abonaron.

26 de out. de 2009

Bugallos

Un bugallo, entre os restos da mallante

O bugallo é un "tumor" do carballo, inducido polos insectos

Os bugallos agochan no interior larvas

Entre os residuos da mallante é moi habitual atopar bugallos, unha especie de bólas que forma o carballo arredor dos ovos de determinados insectos. Unha vez que se desprenden da árbore, os bugallos ou carrabouxos chegan ata a praia arrastrados pola marea.

25 de out. de 2009

Concertos, agora tamén no pub A Kultural


O pub A Kultural decidiu organizar unha serie de concertos para animar as fins de semana das frías noites de inverno. A iniciativa bota a andar o vindeiro 14 de novembro, coa actuación da banda viguesa Minim.
Os concertos do Kultural súmanse á oferta habitual de música e teatro do pub Con do Moucho, e á programación cultural do Concello, que se desenvolve cada sábado no auditorio. Para o 12 de decembro, por certo, está prevista a actuación do grupo 6.P.M., do que forma parte o arousán Iván Oubiña.

19 de out. de 2009

O blog da ANPA

Captura de pantalla do blog

Pais e nais de alumnos na última asemblea xeral
(imaxe collida do blog da ANPA)

A bitácora da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio Torre é a última en incorporarse á lista de "blogs carcamáns" que figuran neste blog. O colectivo celebrou hai unhas semanas a súa asemblea xeral de comezo de curso, na que trataron aspectos relacionados co mobiliario da ludoteca, o transporte escolar ou a necesidade dunha maior implicación dos pais nas actividades do colexio, entre outros.

Enxeños carcamáns


Certamente, transportar o balde de ameixas pendurado do guiador da bici non resulta cómodo, e ademais, pode ser perigoso para a estabilidade do vehículo. A propietaria da bici, unha sequeira, instalou no "gardabarros" traseiro un enxeño metálico á medida do balde.

17 de out. de 2009

Mar libre: o tráiler

Os "extras" de Dorna, durante a rodaxe en Sálvora
(imaxe collida do blog de Dorna)



A través do blog da asociación cultural Dorna, imos coñecendo detalles da rodaxe de Mar libre, un filme ambientado no século XVIII, dirixido polo monfortino Dani de la Torre. Mar libre ten como contexto a chegada dos industriais cataláns á costa galega e narra a historia do capitán Anxo Estrada, fillo dun mariñeiro, que volve á súa aldea natal despois duns anos de ausencia, e decide rebelarse contra as inxustizas provocadas por un desapiadado empresario. A película está sendo gravada en escenarios de Carnota, Redondela, Muros e Sálvora, entre outros, e conta coa participación de extras coñecidos: as embarcacións e os tripulantes da Escola de Navegación de Dorna. Mar Libre está producido por Ficción Producciones en colaboración coa Televisión de Galicia, e probablemente se emita como miniserie.

14 de out. de 2009

En tempada alta, e as conserveiras sen facer pedidos

Cargando mexillón para fábrica, no Chufre


A partir de setembro comeza a “tempada” alta no sector mexilloeiro. As conserveiras fan aprovisionamento de molusco, así que nesta época, as asociacións de mexilloeiros adoitan estar en plena actividade, en resposta á demanda das fábricas. Porén, este ano, os bateeiros están a velas vir. Jealsa (Rianxeira), Calvo e Garavilla (Isabel), as compañías que absorben o 70% da produción do mercado galego, non fan pedidos, e a estratexia dos grandes da industria transformadora é imitada polos pequenos. No ruxe ruxe do sector, sospéitase que este cambio no proceder das fábricas podería obedecer a unha medida de presión sobre os produtores, coa intención de baixar os prezos. Coas bateas cheas de mexillón, os bateeiros veríanse obrigados a ceder ante as esixencias das conserveiras, para darlle saída ao stock. O prezo de mexillón para a fábrica vén determinado por unhas táboas, nas que se ten en conta o rendemento da carne e o número de pezas por quillo. O prezo mínimo contemplado na táboa é de 0,23 céntimos o kg, e o máximo, 0,65, aproximadamente.

Un agasallo da natureza

A punta de Testos ao solpor, o 12 de outubro





As postas de sol na Arousa son fermosas todos os días. Pero o pasado luns, o ceo tinguiuse de lume.

28 de set. de 2009

O xardín secreto

Vista do xardín, desde o piorno situado fronte ao edificio Goday

O de Goday é un dos poucos xardíns públicos de interese que hai na Arousa

A zona non é accesible para os veciños

O xardín de Goday, que pertenceu no seu día á casa familiar do industrial conserveiro, é aínda un lugar descoñecido para a maioría da poboación local. O contorno foi recuperado e acondicionado no 2007 polo obradoiro de emprego Nordés pero permanece pechado dende entón, a pesar do seu carácter público.

22 de set. de 2009

Máis placas de inauguracións

Placa no cruzamento da Franqueira e a estrada das Aceñas


Se hai uns meses falabamos da placa-monumento de Fraga colocada no paseo marítimo do Cantiño, ben merece atención especial este outro monolito piramidal situado na Franqueira. O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde da Arousa, Manuel Vázquez, non quixeron deixar pasar a oportunidade de incrementar o patrimonio monumental da illa, con esta placa que conmemora a “inauguración oficial” da estrada das Aceñas. Como adoita acontecer, a vía xa existía moito antes do ritual político de inauguración, pero é xusto que as xeracións vindeiras lembren, con nomes e apelidos, quen foron os responsables de dotar a estrada de beirarrúas e sinalización, sen dúbida, unha actuación de envergadura que ficará na memoria popular. É máis, cada nova beirarrúa debería ter o seu correspondente monolito piramidal.

Sen traballo á vista

Cartel pegado no pantalán do Chufre

Datos do paro na Arousa, correspondentes ao ano 2008


O mar constituíu tradicionalmente unha saída laboral para as xentes da Arousa, especialmente para os homes. O progresivo regulamento do sector marisqueiro e pesqueiro, tendente á redución da flota de baixura, acoutou nos últimos anos as posibilidades de vivir dos recursos do mar. Ata os mariñeiros teñen que poñer carteis na procura de traballo.

Con todo, as persoas máis castigadas pola falta de perspectivas laborais son as mulleres. Segundo datos oficiais, no 2008, o 4,5% da poboación da Arousa estaba rexistrada nas listaxes do paro. Se observamos os datos por sexos, a cifra sobe ata o 6,7% no caso das mulleres, fronte ao 2,4% dos homes. O perfil do parado máis común na Arousa é unha muller, entre os 25 e os 49 anos.

18 de set. de 2009

Os preparativos do S.O.S. Komaira

A entrada do Capitol, empapelada cos carteis do festival

Socios do colectivo Comaira, preparando as instalacións para o festival

O festival S.O.S. Komaira é un exemplo de autoxestión

Mentres o galeón Comaira permanece mergullado en Castrelo, os catorce socios do colectivo do mesmo nome levan unha semana de intenso traballo para ter todo a punto para este sábado. Os concertos de grupos amigos, que colaboran desinteresadamente no festival, acompañaranse dunha exposición fotográfica sobre a evolución da restauración da embarcación. E tamén haberá empanada de mexillóns, que se servirá gratuitamente coa entrada (tres euros). O festival S.O.S. Komaira é unha iniciativa independente das institucións, destinada a financiar a recuperación dun antigo barco que ía ser despezado.

3 de set. de 2009

Festival Komaira


A restauración do galeón Comaira entrou nunha nova fase para a que se precisan recursos. Así que o grupo de mozos que se está a encargar da posta a punto da embarcación decidiu organizar un festival no cine Capitol para recadar fondos. Será o 19 de setembro, e a entrada custa tres euros.

28 de ago. de 2009

Clásicos gastronómicos do Chufre

Mexillóns "tigre", sardiñas asadas e navallas, tres clásicos do verán arousán

A festa do mexillón presentou por 1ª vez no seu repertorio as vieiras

Tanto ten se se trata da festa da navalla, da festa do mexillón ou da exaltación dos produtos do mar. As carpas gastronómicas do Chufre ofrecen cada fin de semana de agosto un menú similar que inclúe mexillóns tigre, sardiñas asadas, navallas, polbo á feira e ameixas á mariñeira, entre outros. Só a festa do mexillón ofreceu un prato exclusivo e novidade deste ano, as vieiras recheas con mexillóns. Moi boas, por certo.

A pasante

As pintadas brancas nas columnas indican a localización da pasante

Navegar baixo a ponte dun lado a outro require certos coñecementos marítimos, debido á escasa profundidade do mar nesa zona do Bao e o conseguinte risco de encallamento. De todos os puntos polos que pode atravesar un barco, existe un idóneo, que os mariñeiros coñecen como “a pasante”. Marcada con dous sinais brancos en cadansúa columna, a pasante coincide co punto de maior elevación da ponte e reúne o calado suficiente para que poidan navegar lanchas e pequenas embarcacións independentemente dos diferentes niveis da marea. Así e todo, os barcos de gran envergadura, como os bateeiros, deben agardar a media marea para pasar e ademais de ter coidado en non tocar coa quilla no fondo, deben prestar atención á altura da ponte, para evitar bater coas grúas contra a plataforma viaria. Nas mareas vivas de decembro, o lombo do Bao queda en seco e a navegación na baixamar é imposible para calquera embarcación, mesmo na pasante.

A vista de paxaro, 40 anos atrás

Imaxe aérea da Arousa, tomada en 1968
(fotografía propiedade do diario ABC)


A dixitalización de vellas revistas e xornais e a posibilidade de acceder libremente ás hemerotecas a través da rede abre novas vías para a obtención de recursos e documentación sobre o pasado da Arousa. A vista aérea que reproducimos aquí foi publicada no semanario Blanco y Negro en 1968, e está dispoñible para a descarga baixo certas restricións. Na revista, a imaxe orixinal vai acompañada dun pé de foto que dá conta da existencia de 105 fábricas que empregan a 10.000 produtores. Como pode ser que nese tempo traballasen nas conserveiras o dobre de persoas que a poboación actual da Arousa?