[Susi Rial] Non naceu en Leganés, nin en Carabanchel. Manuel Paz Fernández naceu na Illa de Arousa, pero iso nunca foi impedimento para que Manuel, ó que todos coñecen como “Piri”, se convertera nun dos maiores coleccionistas e seguidores da grupo heavy estadounidense Metallica. Manuel é seguidor da banda dende 1983. Dende entón, presenciou uns quince concertos, o último, o celebrado en Lisboa no 2010. A súa gran colección está presidida por uns 85 CDs, 11 vinilos e 22 DVDs, sen incluír dous maxisingles que editou o grupo antes de que saíra á luz o seu primeiro disco, e que constan de gran valor entre os coleccionistas. Pero, de entre toda a colección, o obxecto máis especial para Manuel é unha puga que o propio James Hetfield, líder de Metallica, lle dou na man durante un concerto celebrado no circuíto de Donington Park, en Londres. A afección de Manuel por Metallica débese, segundo nos conta, a que é o grupo que lle produce máis vibracións. E estas non fan máis ca medrar co paso do tempo. Será verdade, entón, iso de que os vellos rockeiros nunca morren.
Buscar neste blog
9 de mar. de 2011
Paixón por Metallica

3 de mar. de 2011
Persil, as pioneiras das comparsas femininas
A comparsa de arousás Persil, de visita no Grove, a finais dos anos 60
[María García] Foi a finais dos anos 60 cando se formou a que cremos que foi a primeira comparsa carnavaleira da Illa formada integramente por mulleres. Un grupo de mozas tomou a idea dun anuncio da televisión no que se ofertaba un deterxente para lavar a roupa, no cal se podía ver un grupo de majorets resaltando a brancura de “Persil”. As mozas trasladaron o anuncio ás rúas da Illa, de Cambados, do Grove e de todas as vilas veciñas que visitaron, enarborando unha pancarta co lema ”La Isla de Arosa se une al desfile del blanco”. Con letra do señor Juan de Albertina, a comparsa Persil alegrou o Entroido e causou gran expectación, porque o traxe era orixinal, as mozas bonitas e, porque non dicilo, as saias subían do xeonllo, cousa que neses anos non se podía ver a calquera hora.
2 de mar. de 2011
Aberta a inscrición dos obradoiros de informática e multimedia
[Susi Rial] En breve comezarán diferentes actividades relacionadas coa Internet e coa informática en xeral no edificio multiusos. Algunhas das actividades están dirixidas ós rapaces, que poderán facer na aula os seus traballos académicos, así como participar nas clases que se impartirán sobre creación de blogs e fotografía dixital, entre outros. Ademais, tamén se realizarán cursos de aprendizaxe básica de Office e de Internet. Estas clases, en concreto, poden resultar moi interesantes para todos aqueles adultos que chegaron tarde á era das telecomunicacións e que precisan aprender dende un nivel básico. O prazo de inscrición xa está aberto. Todos aqueles interesados poden acudir a anotarse ó segundo andar do edificio multiusos, de luns a venres de 17:00 a 21:00 da tarde, e os sábados de 10:30 a 13:30 da mañá.
1 de mar. de 2011
O Consello do Mexillón presenta unha querela contra unha conserveira por fraude na etiquetaxe
Descarga de mexillón no porto do Chufre
[Redacción] Que algunhas conserveiras están a vender mexillón chileno baixo a etiqueta de galego é unha sospeita que aniña hai tempo no sector produtivo. Pero agora será a Xustiza quen determine definitivamente a magnitude da fraude. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia anunciou esta mañá nunha rolda de prensa que vén de interpoñer unha querela criminal contra Conservera de Rianxo, comercializadora da marca Cortizo, por falsear na etiquetaxe a procedencia do mexillón. Para reunir as probas, o Consello mercou de xeito aleatorio nun supermercado, e perante a presenza dun notario, varias latas da mencionada empresa, nas que constaba a indicación “Mejillones de las Rías Gallegas” e se precisaba, ademais, que “los mejillones (mytilus galloprovincialis) proceden de la campaña 2008”. Tras analizar o contido no seu departamento de I+D+i e contrastar logo os datos co grupo de investigación Xenomar, o Consello asegura que 27 das 34 pezas estudadas non correspondían á especie autóctona de Galicia. Nunha acción sen precedentes ata o de agora, o Consello denunciou os feitos no Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº1 de Padrón, que admitiu a trámite a querela por supostos delictos contra os dereitos da propiedade industrial e dos consumidores. A conserveira implicada foi chamada a declarar o vindeiro 31 de marzo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)