Así como o paseo que discorre entre a “Carbonera” e Semuíño loce en perfectas condicións, o paseo marítimo entre o Regueiro e o Portiño, de similares características construtivas, amosou moi pronto as súas deficiencias. Ao pouco da súa estrea, o mar xa lambeu parte do recheo de grava e pedra na zona do malecó, deixando os entullos espallados pola area. Co paso dos anos e a falta de actuación, o paseo foi afundindo ata quedar un perigoso oco no tramo inicial. Finalmente, o domingo 3, logo dunha noite de temporal, caeron as pedras do muro de contención. A ver cantos anos teñen que pasar para que o arranxen.
Buscar neste blog
4 de xan. de 2010
30 de dec. de 2009
O Cambadés despídese da súa clientela
Luís, "O Cambadés", chegou con cinco anos á Arousa
Interior da ferretería, coa primeira duplicadora de chaves que houbo na Arousa
[Helena Domínguez] Co remate do ano, bota o peche un dos comercios emblemáticos da Arousa, a ferretería do Cambadés, aberta en 1974. A do Cambadés foi durante moitos anos o único establecemento da illa especializado en suministros navais. Risóns, cabos, roupas de augas, instrumentos de pesca, carenas, alquitráns, estopa de calafatear... O Cambadés tiña todos os útiles necesarios para o desenvolvemento do traballo no mar, ademais de puntas e outras ferramentas de albanelería. Nos tempos de antes, vendía de “fiado” aos clientes de confianza, xa que era costume que os mariñeiros pagaran cando cobraban. Agora toca a retirada.
28 de dec. de 2009
Colectivo escultórico Azul
Ata o 8 de xaneiro pódese visitar no auditorio unha mostra do colectivo escultórico Azul. O grupo, formado inicialmente por ex alumnos da Escola de Artes e Oficios de Vigo, traballa na procura das diferentes posibilidades artísticas que ofrece a madeira, en combinación con outros materiais. A exposición reúne unhas quince esculturas de Xulia Neiva, Pepe Guenaga, Carlos Graña, Suso Corrales, Néstor Vázquez e Pablo Sexto.
26 de dec. de 2009
Escasa iluminación de Nadal
Alumeado de Nadal no Regueiro
Que o Concello anda mal de orzamento nótase tamén na iluminación de Nadal, que este ano escasea. O alumeado concéntrase na Avenida da Ponte e apenas hai ornamentación no resto das rúas. A decoración das palmeiras do Regueiro é unha das poucas concesións a unhas festas marcadas pola austeridade. Ata o alcalde deixou de enviarlles a tradicional postal de felicitación das festas aos veciños.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)