Buscar neste blog

16 de abr. de 2008

Calendario de dornas a vela

A Xarandeira nunha manobra de cambio de vela, a pasada tempada

A Federación Galega pola Cultura Marítima xa deu a coñecer o calendario de actividades deste ano, no que se combina a participación en encontros e eventos lúdico-culturais coas regatas competitivas do Trofeo Galicia. A tempada comeza na Illa, o día das Letras Galegas, cunha regata-pachanga, e a competición tamén se inicia en augas carcamás, o sábado 7 de xuño, coa celebración da IV Regata Fasquía.
Ao longo do verán, aínda terán lugar outras dúas regatas de dornas na Arousa, a XXIV Volta á Illa, a máis antiga das que se celebran en Galicia e que supuxo o primeiro pulo a prol da recuperación da vela tradicional, e a Regata do Bao, a única con saída desde terra.

10 de abr. de 2008

Atención ao que chega: "Isla de Arosa Center"


Aínda non existe, pero en Internet xa está anunciado o primeiro centro comercial da Illa. O nome, "Isla de Arosa Center", xa mete medo...

9 de abr. de 2008

O azafato Trillo



Hai tempo xa tivemos ocasión de mencionar neste universo o paso do bailarín máis famoso da Arousa, o Trillo, polo programa de televisión "Mira quien baila". Non chegou a gañar, pero si conseguiu facerse un oco na pequena pantalla. Velaí o está, de azafato no programa da galega Son de Estrelas.

A evolución do comercio tradicional

A "rambla", un dos poucos comercios de alimentación independentes que quedan


Todos os comercios tradicionais de alimentación que existían na illa desapareceron. Xa non queda ningunha tenda con mostrador, na que mercar en confianza os recados miúdos e de última hora. A última en pechar foi “a de Barral”, nas Laxes, e antes xubilaron “a de José de Elisa”, “a de Marujita”, “a do Sr. Viana”...

Os únicos comercios de propiedade familiar que sobreviven son o Autoservicio Esperanza, coñecido popularmente como “a rambla” ou “a de José”, e mais El Súper, ambos os dous cun formato comercial de libre servizo que supuxo, no seu día, unha renovación do comercio local. No camiño tamén quedaron outros supermercados de plantexamento similar, como o Vivó (antes o “Economato”) ou o Spar.

Non debe ser fácil resistir fronte ás grandes cadeas de distribución alimentaria establecidas na Illa, como o Froiz, o Día, o Claudio e o Touriño. Pero a estes tamén lles plantou cara, hai un par de anos, un peixe máis gordo, o mega Eroski situado no Terrón, á saída da ponte. Estes establecementos teñen un maior surtido e un equipamento comercial que facilita a compra, pero nin hai tendeiro co que falar, nin se fía.

8 de abr. de 2008

A axenda do Moucho, en liña

Un concerto no pub O Con do Moucho

A programación de concertos do Con do Moucho pódese consultar na web de Club Cultura, a asociación galega de salas de música ao vivo. O próximo venres, actuación do grupo de blues Edu Manazas & Whiskey Tren.