Buscar neste blog

18 de maio de 2007

O libro máis agardado

Á fin podemos ver editado o libro sobre a historia da Illa que prepararon o historiador Vila Fariña, gran coñecedor dos aconteceres do pasado da comarca do Salnés, e Xoan Dopico. Esta completa obra de investigación, que partiu dos traballos xa realizados polo finado Manolo Lojo, levaba anos agardando a súa publicación, e constitúe o único compendio sobre a historia da vila arousá existente na actualidade. O Concello vai distribuír un libro por cada casa. Benvido sexa.

Stoichkov dálles unha alegría aos Carcamáns Celestes

Stoichkov á súa chegada á Arousa

Lequi acompañado dun seareiro e co libro sobre a historia da Illa na man



¡Quen ía pensar, nos mellores tempos de Stoichkov como xogador do F.C. Barcelona, que algún día pisaría a Arousa! Pois fíxoo o pasado 16 de maio, como adestrador do Celta, convidado á cea anual que organiza o grupo de seareiros celtistas Carcamáns Celestes. O búlgaro chegou á Illa acompañado dos xogadores Cannobio e Lequi, ante a expectación de nenos e non tan nenos.
A Illa conta cunha gran afección ao club de fútbol vigués. O grupo Carcamáns Celestes conta con 426 socios (case o 10% da poboación da Illa) que comparten 130 carnés de abonados que lles permiten acudir en quendas a Balaídos cada quince días.

4 de abr. de 2007

De profesión, "sus labores"

Baixo a declaración profesional de “sus labores”, socialmente ben vista, moitas mulleres da Arousa ocultaban nos padróns municipais o seu traballo nas conserveiras. Con este novidoso enfoque, Daniel Vázquez Saavedra analiza o impacto que tivo a industria conserveira na organización do traballo na Illa de Arousa, incluíndo as “amas de casa” dentro da poboación activa. A investigación, titulada O impacto da industrialización na Illa de Arousa, 1889-1935, contén moitos datos de interese para todos os interesados no estudio da historia da Illa, desde censos de poboación e de fábricas, ata rexistros sobre as loitas agraristas e sindicalistas.

Antiga fábrica de conservas na Arousa

2 de abr. de 2007

Agora que veñen as eleccións...

A antiga fábrica de Goday albergará o Museo da Conserva

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, anunciou na súa recente visita á Illa de Arousa que o concello recibirá un “tratamento singular” en materia de urbanismo, ó ter o 100% do seu termo municipal afectado pola franxa de protección dos 500 metros. A falta de dous meses escasos para as eleccións municipais, a conselleira deu luz verde ás obras de construción do Centro da Terceira Idade e do auditorio, á recuperación do antigo peirao de pau, á creación do Museo da Conserva, á construción do novo vial de acceso ó Chufre e á mellora das instalacións portuarias, obras todas elas anunciadas dende hai tempo.

30 de mar. de 2007

Outro himno para o Céltiga

Xa vai sendo hora de que o Céltiga, o equipo de fútbol da Arousa (en terceira rexional) galeguice o seu himno e, de paso, adapte a letra ós tempos que corren. Pode que a iniciativa choque nun principio cos afeccionados acostumados a cantar “Loooos coloores, rooojo y blanco...” pero todo é cuestión de facer unha boa adaptación para que encaixe ben coa melodía de sempre. A tradución literal da letra ao galego non serviría, así que desde este blog convidamos a facer propostas.
Por certo, a data de fundación do Céltiga non está moi clara. A foto máis antiga do equipo, en posesión do club, data de 1925. E a revista galeguista do mesmo nome, Céltiga, creouse en Bos Aires no 1924. Non é unha hipótese arriscada considerar que os dous nomes están relacionados...

Himno do Céltiga

La bella isla de Arosa
tiene un club de gran valía
con su furia deportiva
orgullo de nuestra ría

siempre juegan sus muchachos
con gallardía y valor
club Céltiga de la isla
entre su clase el mejor

(retrouso)
Los colores rojo y blanco
lleva nuestro campeón
y luciendo con orgullo
en su escudo un balón

Tiene alma deportiva
y juego de gran belleza
eres la perla de arosa
con gallardía y nobleza.

(retrouso)