[Susi Rial] O pasado sábado 19 de marzo, os arousáns puidemos gozar das fermosas vistas que nos proporcionou a lúa. Unha lúa cargada tanto de fermosura coma de misterio, xa que foron moitos os que relacionaron a presencia desta enorme lúa coa chegada de grandes catástrofes sísmicas, como a ocorrida no Xapón recentemente. Nada máis lonxe da realidade, posto que a súa existencia débese a que o momento de maior aproximación coa Terra coincidiu en lúa chea. O que si que dou lugar foi a unhas grandes mareas vivas, que proporcionaron a seca máis grande en 18 anos e que foi moi ben aproveitada polos mariscadores.
Buscar neste blog
26 de mar. de 2011
Gústannos os cambadeses
[Redacción] Segundo os resultados da enquisa publicada neste xornal, son os cambadeses os veciños cos que mellor nos entendemos os da Arousa. Así o confirma tamén o gran número de parellas que agora e sempre se forman entre cambadeses e carcamáns. O pobo que acadou o segundo lugar na listaxe foi o do Grove, e a moita distancia quedaron os de Vilanova e Vilagarcía.
21 de mar. de 2011
O desfile de carros culmina un Entroido marcado pola crise
[Susi Rial] O desfile de carros celebrado o pasado sábado marcou o punto final do Entroido, logo da suspensión do acto a fin de semana anterior. Tanques, gnomos, castelos e fantasías de Entroido, entre outros, paseáronse polas rúas enchendo de música e colorido o inesperado epílogo destas festas. O Entroido é unha das citas máis agardadas na Illa durante todo o ano, polo que xa durante a semana anterior ó seu comezo, eran moitos os que ían quentando motores. O luns de carnaval máis famoso, que non é outro que o da Illa, non defraudou. Autobuses e taxis estiveron en actividade frenética durante toda a noite, dando lugar a unha nova marca de asistencia no día grande da Illa. O mércores de cinza, as mulleres das Rubas volveron organizar o enterro do liborio. E este ano, o “afortunado” para ser botado á fogueira foi Berlusconi. Desta vez, non se repartiu pan de millo, tal e como viña sendo tradición. E é que a crise chéganos a todos. O Entroido 2011 foi inusualmente máis longo e pode que sexa lembrado como o ano no que houbo menos comparsas, menos disfraces e menos carros do que viña sendo habitual. Iso si, o sentido do humor e as ganas de festa foron os mesmos ou maiores ca os de sempre.
19 de mar. de 2011
Gallego Jorreto rehabilitará a casa do Campaneiro para os xubilados
Representantes dos xubilados, o alcalde e mais Gallego Jorreto, fronte á casa do Campaneiro
[Redacción] O arquitecto Manuel Gallego Jorreto, autor do proxecto da Casa do Concello, do multiusos e da recuperación do peirao de pao e da fábrica de Goday, vai ser o encargado de dirixir a rehabilitación das casas do Campaneiro e de Dona Tomasa, as vivendas modernistas adquiridas recentemente polo Concello. Acompañado do alcalde, José Manuel Vázquez, Gallego Jorreto visitou a zona e quedou “gratamente sorprendido” coas casas, segundo informaron fontes municipais. Na visita tamén o acompañaron os representantes do club de xubilados, que verán satisfeita a súa vella demanda de contar cun espazo propio, xa que o Concello decidiu cederlles para o seu uso a Casa do Campaneiro. As obras serán financiadas polo Ministerio de Fomento.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)