[Redacción. 25/05/09 ] "Fraseoloxía carcamana" naceu co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas carcamanas, unha morea de frases de uso coloquial, difíciles de entender para as persoas alleas á Arousa.
-Andar ao chuchuchú: participar en pequenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan e difunden rumores ou pequenas conspiracións. Exemplo de uso: "non te fíes de fulaniña que anda moito ao chuchuchú".
-Aparta laxe que te fendo!: expresión para indicarlle a alguén que ten moita fachenda ou que esaxera as súas capacidades. Obviamente, unha laxe non é tan fácil de fender.
-A xogar a Testos: expresión usada para dicirlle a alguén que deixe de molestar e marche. Fai referencia ao lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol.