Buscar neste blog

2 de nov. de 2007

Defuntos

Algún día, moitos de nós acabaremos aquí, no hotel Palmeira

Quixo a casualidade que o 1 novembro, Día de Defuntos, morreran tres persoas da Arousa, todas elas de avanzada idade; ao insólito da cifra en tan curto espazo de tempo, houbo que sumarlle hoxe un cuarto falecemento, tamén dunha persoa maior.

28 de out. de 2007

Sor Aurora

O 29 de outubro fanse cinco anos da morte de Sor Aurora, unha relixiosa que formou parte da primeira comunidade de monxas que se estableceu na illa, en 1971. Nunha vila carente dos máis elementais servizos sociais, Sor Aurora alternou as súas obrigas pastorais coa posta en marcha de proxectos de atención á poboación, desde actividades de formación para as rapazas -clases de mecanografía-, á creación dunha gardería infantil ou unha silandeira rede de apoio ás familias máis desfavorecidas. Se algo caracterizou a súa vida foi a discreción, e así morreu tamén, como un paxariño. Probablemente nunca imaxinou nin soñou homenaxes, pero velaí a está por desexo popular no atrio da igrexa, tal e como a concebiu o escultor César Lombera, o mesmo que fixo as famosas “Marías” da Alameda de Santiago.

Contra a salitre, cunchas de vieira

Desta casa, faltou por mostrar a fachada recuberta de cunchas de vieira, unha solución da arquitectura popular para protexer as paredes da salitre e da humidade. Esta non é a única vivenda da illa na que se utilizou esta técnica, pero quedan poucas.

27 de out. de 2007

Trompos ao camiño

Brinquedia celebra o 9 de novembro o “Día do Peón”,
para tratar de recuperar un xogo que se asocia ao
patrimonio oral e ao ludismo universal.

Como en cada vila que presuma de tradición, na illa os trompos teñen unha linguaxe e unhas normas de seu. O xogador carcamán distínguese polo costume de cortar o cu do trompo, largar de punta e xogar en grupo ao “risco”, trazando un círculo no chan . O vencedor moral sempre é o que máis “chochas” fai, é dicir, o que consegue impactar o seu trompo contra o do compañeiro, deixándolle a marca na madeira.
Aos trompos máis grandeiros e gordos chámanlles “vacas”, logo están as "cebolas", de menor tamaño que os anteriores, e os pequeneiros son as “piorniñas”. A corda de enrollar é o “liñón”, e a forza de xiro do trompo é a “escorrendela”. Por exemplo, se largas o trompo e non baila, pódese dicir “non me colleu escorrendela”.
É certo que este xogo de rapaces xa non goza do tirón que tradicionalmente tivo nesta época do ano, pero na illa aínda hoxe se poden ver algúns chabaliños xogando aos trompos nos camiños e no patio da escola. Non acontece o mesmo cos "tutelos", un enredo case extinguido que consistía en lanzar a través dun tubo cucuruchos de papel ou unha semente coñecida como "samugueiros".