Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta patrimonio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta patrimonio. Amosar todas as publicacións

6 de xul. de 2009

A fonte que si existiu

                                 Foto: Juan Dios Chaves
A fonte do Charco, nunha imaxe tomada nos oitenta, aproximadamente


Que a aparición do porco non os despiste, a fonte do Charco si existiu, como ben o saben todos os veciños. A construción, dotada de tres billas, non destacaba pola súa beleza, dende logo, pero era o único signo externo que quedaba no barrio das augas subterráneas que anegaban a zona noutros tempos, e que lle deron nome e identidade ao lugar, o "Charco".

5 de xul. de 2009

Activismo cidadán

O Charco amenceu hoxe cunha reivindicación pública sobre a desaparecida fonte


Case dous anos leva o Charco sen a súa fonte pública, logo de que fora derruída debido a un accidente de tráfico. En agosto do ano pasado, os veciños fixéronlles saber aos responsables municipais o seu desexo de que unha nova fonte ocupase o lugar da antiga, contradicindo así as intencións do Concello, que pretendía erixir unha estatua no sitio. Dende aquela, non se produciu ningunha actuación na zona, a pesares do compromiso municipal de estudar a proposta dos veciños. Hoxe á mañá, o Charco amenceu cun cartel que denuncia o abandono do proxecto da fonte.

16 de xuño de 2009

O pombal do cura

Antigo pombal de construción cilíndrica


O da horta do cura é probablemente o único pombal de construción tradicional que existe na Arousa. Este tipo de edificacións eran comúns nas casas reitorais e nos pazos galegos, xa que tanto o custe da construción como a cría de pombas non estaban ao alcance do labrego común. Como poden ver, o pombal atópase nun bo estado de conservación.

4 de xuño de 2009

A fonte do Lagartiño

Manancial de auga doce na praia do Lagartiño

A auga flúe de entre as pedras


O Lagartiño de camiños de terra tal e como o coñecemos hoxe está condenado a desaparecer, a medida que avance a construción da estrada de acceso ao porto. É esta unha zona da illa húmida, pola que flúen mananciais subterráneos que desembocan na praia. Aquí teñen unha imaxe actual da fonte do Lagartiño, un xeneroso agasallo da natureza no que conflúen a auga do mar e da terra. Agardemos que a fonte non remate, tamén, sepultada en cemento.

10 de maio de 2009

Un piorno singular

Piorno no Naval

Dos piornos que se conservan na Arousa, este que hai no Naval e que hoxe pertence ao patrimonio público, é un dos máis singulares. A construción difire da estrutura tradicional do hórreo, xa que carece de pés e de mós (as pedras circulares que unen a base do piorno con candanseu pé) . Pode ser que o peche do perímetro do piorno se fixese con posterioridade á edificación primixenia para converter o espazo nun alpendre, pero de ser así, por que non mantivo os pedestais?

5 de maio de 2009

Un museo que precisa contidos

A antiga máquina de vapor da conserveira de Goday


O Museo da Conserva da Arousa ten por diante o reto de ampliar os seus fondos con máis obxectos e documentación que aumenten o seu atractivo e representatividade. Ao parecer, o traballo non é fácil: boa parte da maquinaria orixinaria da fábrica foi vendida polos antigos propietarios, e tampouco se conservaron ferramentas da época, libros mercantís nin moitos obxectos do traballo cotián na conserveira, así que o recinto semella aínda un pouco desanxelado. Outro detalle que chama á atención da restauración é o feito de que se recubrise o chan orixinal da fábrica, unha mágoa.

O museo non deixa de ser, de todas maneiras, un lugar que merece a pena visitar para coñecer un pouco mellor o pasado industrial da illa, e posúe un gran potencial como centro divulgativo e de aprendizaxe. Unha das pezas máis interesantes que se expoñen na actualidade é a máquina de vapor, que Goday trouxo de Birminghan no ano 1879 para alimentar de enerxía a factoría. Hai ademais outras máquinas e presentacións interactivas sobre o proceso de produción das conservas.

Sen dúbida, unha maior colaboración cidadá na compilación de obxectos e lembranzas da época podería contribuír a enriquecer un museo que, a fin de contas, é patrimonio do pobo.

30 de abr. de 2009

Preparados para recibir o maio



As portas das casas, os coches, e mesmo as bicis locen, xa na véspera do día un, a tradicional póla de xesta coa que se recibe o maio.

19 de mar. de 2009

A escultura segue no seu sitio!

Imaxe da escultura do afogado, tomada o pasado verán

Nos últimos días espallouse un falso rumor sobre a desaparición do afogado

[Noticia rectificada] O afogado esculpido por Camilo Otero nun con do Aguiuncho non foi sepultado en cemento polas obras do porto do Chufre, tal e como publicamos neste blog. Parece ser que a escultura segue no seu sitio. Rogámoslles que saiban desculpar o erro, que nos obriga a unha reflexión sobre a necesidade de contrastar, sempre, as informacións. Pedímoslle tamén desculpas ao Concello, ao que acusamos de falta de sensibilidade, dando por bo o rumor de que a escultura desaparecera.

18 de mar. de 2009

A arqueoloxía local

Escavacións no Areoso realizadas nos anos 90

Cerámica atopada no illote Areoso (Imaxes collidas do blog A pedra do encanto)

[Helena Domínguez] O xacemento máis importante aparecido na illa ata o momento é o cemiterio dos Bufos, descuberto en 1931. Os terreos da necrópole, considerada da época romana, pertencen a propietarios privados, así que a zona aínda está pendente dun estudo arqueolóxico rigoroso. Parece ser que, entre outros achados, nos Bufos apareceron varias moedas imperiais e pezas de cerámica. Os restos non son visibles hoxe en día, xa que están cubertos de toxos e silvas, e probablemente pouco quedará deles despois de décadas de abandono e algún expolio. Tamén se atoparon construcións antigas nos Tarais e na Cova, pero tampouco foron postas en valor nin estudadas a fondo. Descoñécese a orixe dos muros que o mar deixou ao descuberto nestas praias. Os vestixios arqueolóxicos máis estudados son os do Areoso, onde se localizaron varias construcións funerarias da Idade de Bronce. As escavacións realizadas entre 1990 e 1991 documentaron a existencia dunha mámoa, un ostreiro, restos de cerámica e unha especie de punzóns de bronce, considerados por algúns investigadores como os obxectos deste material máis antigos da península Ibérica. Estas pezas están hoxe baixo a custodia do Museo Provincial de Pontevedra.

3 de feb. de 2009

O auditorio aspira ao premio de arquitectura Mies Van der Rohe

O auditorio proxectado por Manuel Gallego, xunto coa Casa do Concello e o Museo da Conserva


O auditorio multiusos da Illa de Arousa, do arquitecto Manuel Gallego, foi nominado aos prestixiosos premios de arquitectura Mies Van der Rohe 2009, convocados pola fundación do mesmo nome e a Unión Europea. O concurso, dotado cun galardón de 60.000 euros, fallarase no mes de maio e nel compiten 340 obras europeas, incluidas 37 de España. O auditorio arousán e o Centro das Artes da Coruña son as únicas construcións galegas que participan na competición.

19 de xan. de 2009

A evolución do Comaira

Estado actual do Comaira

Detalle da restauración da "obra morta"

Continuamos a seguirlle a pista ao galeón Comaira, que está sendo restaurado por un grupo de mozos arousáns.

Inaugurado o Museo das Conservas

Numerosos veciños acudiron á inauguración o pasado 16 de xaneiro


Alción era unha das tres marcas que comercializaba Goday

A conselleira de Pesca, Carme Gallego, examina unha lata de conservas

O centro de Interpretación das Conservas, o primeiro museo da illa, xa está aberto ao público. A antiga fábrica de Goday, recoñecida como a pioneira das conserveiras galegas, servirá para a realización de actividades de divulgación sobre o mar e a pesca, e de testemuño do pasado industrial da illa.
No 1912, había instaladas no territorio insular tres factorías de conserva, catro de escabeche e outras tantas de salazón, que empregaban, directa ou indirectamente, a boa parte da poboación, que se contaba en 1.365 persoas. A gran crise da sardiña dos 40 iniciou o declive da industria conserveira, agudizado logo pola imposibilidade das factorías de adaptarse ás novas esixencias da Administración. A última fábrica en pechar foi a de Salvador Otero, no ano 2002.

17 de out. de 2008

Novo miradoiro

A plataforma de madeira, vista desde o Igafa

O novo miradoiro ofrece unhas magníficas vistas á ría


O miradoiro da Bouza está situada no noroeste da illa


O monte da Bouza conta cun novo miradoiro, unha plataforma de madeira elevada sobre cons, que ofrece unhas fermosas vistas á ría, especialmente ao solpor. A zona foi acondicionada, ademais, coa plantación de carballos e a instalación de mesas e bancos ao longo do camiño que conduce ao miradoiro. Velaquí unha instalación respectuosa co medio.

22 de set. de 2008

Lavadoiros

Lavadoiro do Río

Lavadoiro de Palmeira

O persoal do obradoiro Nordés anda a traballar na rehabilitación do lavadoiro público das Laxes, que foi derruído por completo para elevalo ao nivel da Avenida da Ponte. A construción da estrada deixara este humilde lavadoiro de tellado de uralita agochado e esquecido. Agora semella que vai correr mellor sorte e que lucirá con materiais máis nobres.
Na illa hai outros dous lavadoiros máis, o de Palmeira, que é quizais o que mellor se conserva e continúa a manter a fonte natural de auga. E o do Río, un curruncho con moito encanto que foi estragado hai uns anos cunha desafortunada reforma, que soterrou con cemento o rego do pilón polo que fluía a auga.

11 de ago. de 2008

Os veciños defenden un símbolo do Charco

Os veciños reclámanlle ao tenente alcalde unha nova fonte para o barrio

Os operarios municipais comezaron a traballar no lugar da vella fonte


Un grupo de veciños do Charco tentou disuadir ao tenente alcalde da intención de colocar unha escultura no lugar que sempre ocupou a fonte, un símbolo do barrio e unha das poucas fontes públicas que existen no concello. A fonte do Charco é o último rastro dun antigo pozo con pilón, do que aínda se lembran os veciños de oitenta anos. A auga manaba da pedra dun manantial natural, que tiña fama pola súa calidade e a súa abundancia, aínda en épocas de seca. Nas posteriores reformas do barrio, desapareceu o lavadoiro e o pozo foi convertido nunha fonte sen ningún interese arquitectónico, pero que continuaba cumprindo a súa función. Cando a “auga da traída” chegou á Illa, substituíuse o abastecemento do pozo pola auga canalizada. Finalmente, a modesta fonte do Charco quedou derruída hai uns meses por causa dun accidente de tráfico. Esta mañá, co inicio das obras, os veciños coñecían a nova da desaparición definitiva do surtidor. Tras recibir unha representación veciñal no concello, o tenente de alcalde visitou o lugar e escoitou as demandas da xente, que se nega a que desapareza unha fonte centenaria. Veremos que ocorre.

20 de maio de 2008

Unha nova vida para o Comaira

O galeón Comaira, onte no Chufre

O Comaira é un dos barcos de batea máis antigos da Illa de Arousa. Zafouse do despezamento grazas a un grupo de mozos que vén de crear unha asociación para restauralo. Este barco, construído no Freixo en 1946, comezou a súa singradura propulsado a remos e a vela, e pasou por varios propietarios antes de pertencer á conserveira  arousá  Comaira, que lle deu o último nome. No ano 56 incorporou un motor e estivo traballando as bateas ata hai un ano. Agora agárdalle unha nova vida mais recreativa, a das embarcacións da 5ª listaxe.

19 de maio de 2008

Novo merendeiro


Entre Testos e o Niño do Corvo, de camiño ao Igafa, hai un novo merendeiro, mesas e bancos de madeira para sentar á sombra dos pinos cando pica o sol.

15 de maio de 2008

O peirao de pau

No seu día, o uso do peirao de pau estivo restrinxido a dous fabricantes de conservas, en virtude dunha concesión de Costas. E logo, co decaemento da industria conserveira, tamen el apodreceu abandonado. O Concello decidiu restauralo e poñelo en valor, como parte do proxecto global de creación do museo da conserva, aínda sen concluír.

20 de feb. de 2008

Xentes do mar


Esta fermosa escultura en homenaxe ás xentes do mar, obra do artista cambadés Lucas Míguez, é a última incorporación ao patrimonio público da Arousa. Está situada a carón da fachada occidental do Concello.

14 de xan. de 2008

Quedamos sen fonte

Así leva desde hai uns meses o sitio da fonte do Charco, desde que unha noite un coche se empotrou contra ela e houbo que retirar os cachos. A antiga construción xa non é recuperable, pero agardamos que para o seu lugar veña outra, é patrimonio público e auga na rúa a disposición de quen a precise.