Buscar neste blog
8 de feb. de 2010
Despedida do Lagartiño
Unha paisaxe que desaparece ben merece unha despedida, aínda que só fose un carreiro de terra á beira do mar, ou tal vez por iso.
31 de xan. de 2010
Probablemente, o posto máis suculento do mercado
Unha das súas especialidades son os queixos
Queixos tenros e curados, marmelos, chourizos, fariña milla, pan de centeo con uvas pasas, licor café, crema de caña... Cada sábado, Joaquín de Caldas de Reis ofrece no mercado da Arousa a súa mellor selección dos produtos do país. Engada á clientela, dálle a probar o xénero, ponlle quilo e medio a quen lle pide medio quilo, e sempre ten un agasallo co que recompensar as boas compras.
Fachadas recubertas de cunchas de vieiras
O recubrimento de cunchas é unha técnica de arquitectura popular mariñeira que utiliza as valvas planas da vieira para protexer as paredes exteriores da humidade, normalmente, as fachadas que miran cara o Sur. Na Arousa quedan poucas casas que presenten esta peculiar técnica. Unha delas é esta que lles mostramos nas imaxes, situada no barrio da Torre. As vieiras están dipostas unhas sobre as outras, a modo de lousas, nos dous tercios superiores da fachada. Outra casa, máis coñecida, é a de Palmeira; neste caso está rexistrada como parte do patrimonio artístico da Illa, pero non polas cunchas de vieira, senón polas fermosas fiestras de inspiración modernista que posúe. Aínda hai unha terceira casa que presenta unha das fachadas recubertas de vieiras. Tamén está en Palmeira, e deixou de ser visible trala construción do auditorio.
25 de xan. de 2010
Xa está arranxado
24 de xan. de 2010
As pías dos cons de Testos
Detalle dunha das cavidades cilíndricas que presenta o con
Outra pía de orixe natural no mesmo conxunto
[noticia rectificada] Na redacción orixinal desta información propoñiamos o conxunto de cons do piñeiral de Testos, situado preto do denominado Con da Abella, como unha posible mostra de pedras con valor arqueolóxico, baseándonos nas cavidades que presenta, similares á ara de Niño do Corvo rexistrada por Ilha de Orjais, e na súa proximidade a esta.
O biólogo arousán Juan Poza acláranos que en realidade as cavidades que se observan nas imaxes son resultado dos efectos da meteorización e erosión química e diferencial do granito, que forma as coñecidas popularmente como pías (marmitas de gigante, en castelán). Segundo explica Poza, este tipo de ocos cilíndricos están considerados como formacións de interese xeolóxico, e nos cons da Arousa existen varios exemplos. Se cadra, no pasado as pías foron usadas polos antigos poboadores da Arousa para facer ritos pagáns, pero a súa orixe é natural.