Buscar neste blog

21 de xan. de 2010

Un videoclip gravado na Arousa



As praias da Arousa no outono serven de escenario do último videoclip de Ataque Escampe, un grupo que se autodefine coa etiqueta de "rock de serie b", pola precariedade de medios coa que comezaron. A canción do vídeo, titulada "Europa e o ballet", ben podería comezar así: "Xastelas é o lugar onde o ballet tamén se podería ver como a maneira de aparentar que as persoas somos quen de ter ás..."

20 de xan. de 2010

Neuroband prepara o lanzamento do seu primeiro traballo discográfico

Imaxe collida da web Manuelseixas.com


Neuroband, o grupo formado por Manuel Seixas, Xurxo Romero, Nicolás Leal, Edgar Santorum “Coco” e Víctor García “Carallada”, ten todo a punto para o lanzamento do seu primeiro traballo discográfico. A banda agarda poder presentar durante este ano o CD “Proceso amniótico”, no que reúne oito temas en galego e dous en inglés, froito de máis de dous anos de traballo. O libreto que acompañará o CD, realizado por Xurxo Romero con fotografías de AmebaVision, tamén está listo, así que só lles falta atopar un selo discográfico que os apoie. De non ser así, Neuroband tentará autoeditar a súa música, segundo confirmaron membros do grupo, para iniciar logo unha pequena xira de concertos.
Neuroband é o resultado da unión de músicos procedentes dos desaparecidos Korosi Dansas (Vilagarcía) e Fungo (Illa de Arousa). No 2004 gravou a súa primeria maqueta baixo o título “Microse”.

17 de xan. de 2010

Quen paga as festas?

As vendas na lonxa están gravadas cun imposto festeiro,
tal e como se aprecia neste albarán

O financiamento das festas do Carme, a celebración máis importante da Arousa, corre a cargo da sociedade civil. Hostaleiros, empresarios, comerciantes, bateeiros e mariñeiros contribúen anualmente á organización do programa de festas con desiguais cotas, que poden dar lugar a siuacións inxustas. Dáse a circunstancia de que a comisión de festas adoita pedirlles ás agrupacións de mexilloeiros 60 euros por batea, unha cantidade similar á que achegan algúns bares, sendo estes os principais beneficiados das festas do verán.
Pero sen dúbida, o colectivo máis gravado é o dos mariscadores, que queira ou non queira, ha de destinar unha porcentaxe fixa de todas as súas vendas na lonxa ás festas. Esta especie de imposto revolucionario-festeiro permítelle á confraría contribuír á festividade do Carme con cantidades que se achegan aos 20.000 euros.
A xenerosidade da confraría é en realidade un lastre que carga directamente nos albaráns dos traballadores do mar e que dificilmente se podería aplicar noutras profesións. Alguén estaría disposto a destinar unha porcentaxe fixa da súa nómina ao divertimento colectivo?

Arqueoloxía: o mapa da Arousa

Os puntos clave da arqueoloxía insular


Existe unha tendencia a considerar que a Illa de Arousa non conta cun patrimonio arqueolóxico destacable. Mais esta afirmación semella froito do descoñecemento máis ca da realidade. Se nas vilas veciñas se atoparon conxuntos megalíticos, e mesmo está documentada a existencia de enterramentos funerarios da Idade de Bronce no illote Areoso, o sorprendente sería que na Arousa non houbese ningunha pegada dos antigos poboadores. Neste mapa localizamos seis lugares clave para achegarse á esquecida arqueoloxía da illa:

-O cemiterio dos Bufos, un xacemento estudado, mais totalmente abandonado.
-O conxunto das praias de Riasón e dos Tarais, quizais un dos restos máis interesantes, de magnitude aínda por descubrir.
-A ara de Niño do Corvo: unha pedra cunha misteriosa cavidade, que podería remitir a antigos ritos pagáns. Xulguen as imaxes do post correspondente.
-O conxunto das praias do Naso e da Cova: ao igual que en Riasón, no norte da illa o mar deixou ao descuberto vellos muros cuxa función é hoxe descoñecida. Este xacemento é dos menos documentados, e do único do que, aínda, non lles podemos ofrecer imaxes.
-Os restos do Areoso, xa comentados con anterioridade.